|
Actualidade / Artigo Unha folga longa e dura, depende Manuel Mera-
Chegouse a esta folga, que todos consideran que vai ser dura e marcará o resto da negociación colectiva, porque faltou vontade por parte da patronal pra chegar a un acordo. Sobre a mesa de negociación está non só a procura dun millor salario senón e fundamentalmente reducir a temporalidade, garantir a continuidade sobre todo no naval, e asegurar que se cumpra o convenio colectivo. As maiores diferencias están en todo o referido á precariedade, xa que no sector a eventualidade é máxima, non se pagan ou cotiza por moitas horas extras, que se lles obriga a facer, e perder o emprego resulta algo normal. Nestas condicións de traballo inzan arreo os “queimados” especialmente entre a mocidade. A folga atinxe a 2.800 empresas e 22.000 operarios, porén pra esta seman, o vindeiro xoves, está convocado un paro de todo o metal, ou sexa que se vai estender ás empresas con convenio proprio, polo que vai abranguer a 39.000 persoas en toda a provincia. E mesmo as tres centrais parecen estar dispostas, en caso de non atopar solución ao convenio nesta semana, a aumentar a presión e convocar unha folga xeral a nivel provincial de todos os sectores. Un dado, a representación na negociación do convenio está integrada por seis membros da CIG, 4 de CCOO e 2 da UGT, atendendo ao numero de delegados que cada central sindical ten nas empresas abranguidas polo convenio. Hai quen pretende aumentar a importancia dos incidentes violentos, que se deben evitar, porén cando se ten en conta a amplitude do paro e os miles de persoas que se mobilizan a cotío realmente non pasan de ser un tema menor; e practicamente inexistentes no norte da provincia, e concretamente no Salnés, onde a folga do metal atinxe a 5.000 persoas. A patronal no pode pretender continuar indefinidamente acumulando os beneficios do medre da economía dos últimos anos, mentres os salarios o fan moi por debaixo do aumento dos productos de primeira necesidade, diminúen as prestacións públicas ou se privatizan, a fiscalidade faise máis inxusta, e as condicións de traballo son progresivamente máis duras e precarias. Esta situación non se pode manter máis!!! E os empresarios do sector do metal deben ser os primeiros en dar un respiro a un marco laboral insostíbel. De non ser así esta será unha folga longa, pesada, ampliarase a toda a clase obreira, e asemade deixará as espadas en alto e moita xenreira. Por certo, a Xunta tamén terá algo que dicir, que opinar, ademais de mediar, cando falamos das condicións de vida da xente. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/05/2006 |
||||
|