ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 16 de maio de 2006

A multa supera os 7.000 euros, con arresto substitutorio en caso de impago
Novo ataque ao dereito á folga coa sentenza a Carlos Vázquez, membro da Executiva Comarcal da CIG-Ourense

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Xuício a Carlos Vázquez, clic para aumentar
O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, considera que “o xuízo foi parcial porque se deu máis credibilidade á empresa que as testemuñas da propia policía”. Ao seu entender, tras esta sentenza hai un intento de “amedrentar as actuacións sindicais e coartar a liberdade sindical e o dereito á folga”. (Foto: Carlos Vázquez o día do xuízo, 5 de abril de 2006, portando unha pancarta coa lenda “En defensa da liberdade sindical e o direito de folga”. ©galizacig.com).
 
Carlos Vázquez, secretario de Organización da CIG de Ourense, vén de ser sentenciado a pagar máis de 7.000 euros por participar nun piquete durante a folga xeral do 20 de xuño de 2002. Etelvino Blanco, secretario comarcal en Ourense afirma que se trata dunha nova agresión á CIG e dun ataque contra o dereito á folga. A CIG de Ourense anuncia que recorrerá a sentenza na Audiencia Provincial.

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, considera que “o xuízo foi parcial porque se deu máis credibilidade á empresa que as testemuñas da propia policía”. Ao seu entender, tras esta sentenza hai un intento de “amedrentar as actuacións sindicais e coartar a liberdade sindical e o dereito á folga”.

Carlos Vázquez participaba nun piquete de máis de 50 persoas na folga xeral do 20 de xuño de 2002. Tras percorrer diferentes lugares o piquete dirixiuse ao centro comercial Pontevella. Alí dirixíronse ao establecemento “Pidolti”, onde continuaba a actividade. O piquete permaneceu no exterior e co tumulto a porta viuse abaixo.

Segundo recolle a sentenza, considérase feito probado que foi o propio Vázquez quen abaneou a porta até que caeu. Aínda máis, afírmase que “resultan unánimes as testemuñas prestadas ao recoñecer ao acusado como a persoa que zarandeaba a porta...”.

Porén, no relato do acontecido durante o xuízo, Blanco sinala que, efectivamente, tanto o encargado do centro como un traballador recoñeceron a Vázquez como responsábel da ruptura do cristal da porta de entrada.

Afirmacións ambas que non coinciden coas declaracións prestadas polos policías que estaban xunto ao piquete, un autonómico e dous nacionais, segundo os que non houbo ningún tipo de violencia. Os axentes declararon ademais que a ruptura do cristal fora debida a que se amoreara a xente arredor da porta e que desde atrás o piquete empurrara, o que provocou que os que estaban diante foran sobre ela. Mesmo chegaron a asegurar que a porta se desprendera sen que houbera ningún tipo de balanceo previo.

Os policías tamén explicaron que eles mesmos estaban a carón da porta e que se viran empurrados polo tumulto, pero que non identificaban a Carlos Vázquez como responsábel dos feitos.

A súa declaración foi corroborada por un perito policial quen, tras examinar as fotos extraídas do vídeo do centro comercial, confirmou que en diferentes fotogramas se constataba que non se estaba exercendo ningún tipo de violencia.

Diante destas declaracións, o secretario comarcal de Ourense considera que “no decurso do xuízo se apreciou perfectamente que non había motivo algún para acusar a este compañeiro dos feitos que se lle imputan”.

Malia as testemuñas presentadas, o Ministerio Fiscal mantivo a súa petición de pena de tres anos e mes de prisión e unha multa de catorce meses cunha cota de 12 euros por un delicto contra os dereitos dos traballadores, que foi desestimado.

Si foron estimadas as outras peticións resultando: por un suposto delicto de danos, sete meses de multa a razón de seis euros por día, con arresto substitutorio en caso de impago; a indemnizar ao responsábel de “Pidolti” na cantidade de 2.634,36 euros en concepto de responsabilidade civil; á Compañía Nacional Suíza con 3.045 euros e ao pagamento das costas causadas.

Con esta sentenza, Etelvino Blanco considera que resulta obvio que se trata dun intento de castigar ao sindicalismo da CIG. Por iso, xa se ten acordado presentar recurso ante a Audiencia Provincial.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/05/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta