|
Actualidade CIG-Comunicación-
O BNG agarda que o Parlamento de Galiza inste ao goberno galego para que se dirixa ao goberno central a fin de que no cupo de incorporacións e recolocacións que recolle o “Plano nacional de Reserva Estratéxica do Carbón 2006-2012 e novo modelo de desenvolvemento integral e sustentábel das Comarcas Mineiras” se beneficien as subcontratas das minas galegas de lignito pardo. Alén diso, solicita que se demande do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que clarifique cantas incorporacións e recolocacións lle corresponden a Galiza. O pasado 28 de marzo asinábase en Madrid, entre o Ministerio de Industria, Tursimo e Comercio, a patronal Carbounión e as organizacións sindicais estatais UGT e CCOO o denominado “Plano nacional de Reserva Estratéxica do Carbón 2006-2012 e novo modelo de desenvolvemento integral e sustentábel das comarcas mineiras”, máis coñecido como plano Miner II, continuidade do anterior Plano da Minaría do carbón 1998-2005. O actual plano 2006-2012 prevé pasar dunha produción de 20 MTn (das que 8 MTn son de lignito pardo galego) e 8.284 traballadores e traballadoras a fixar a produción da minaría do carbón no 2012 en 9,2 MTn e 5.300 traballadores e traballadoras. O Plano ten un capítulo específico para axudas á Reactivación das Comarcas Mineiras, no caso galego as de Cerceda e As Pontes, con axudas directas para infraestruturas, apoio a proxectos de investimento empresarial, formación e bolsas. Tamén recolle un Plano Social para os traballadores das empresas mineiras baseado, fundamentalmente en prexubilacións aos 52 anos de idade equivalente, coa bonificación do coeficiente redutor. Blanco Parga explica que para ter acceso a estas medidas sociais (prexubilacións), os traballadores “deberán estar no Réxime Especial da Minaría do Carbón da Seguridade Social ou, como acontece no caso galego, ter coeficientes redutores adxudicados pola Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social. O deputado nacionalista explica que “os traballadores e traballadoras das empresas mineiras para acollerse ás prexubilacións deberán acreditar, ademais, 8 anos ou máis de cotización á seguridade social, contrato fixo de empresa e ter tres ou máis anos de antigüidade na empresa”. O plano tamén contempla, durante a súa vixencia, entre o 2006 e 2012, 1.700 altas de traballadores e traballadoras ao sector da minaría, por orde de prioridade en función de: excedentes do Plano 2006-2012, subcontratas (que serán considerados excedentes do sector segundo criterios que aplique a Subcomisión de Adaptación Laboral do Plano) e traballadores e traballadoras externos. Adicionalmente, serán recolocados 520 traballadores e traballadoras das empresas afectadas polos peches de empresas mineiras. Blanco Parga lembra que en Galiza as dúas minas de lignito pardo de Limeisa en Meirama (Cerceda) e de Endesa nas Pontes, teñen previsto rematar a extracción de carbón o 31 decembro do 2007; aínda que a actividade mineira continuará varios anos nos labores propias de peches de mina. Neste senso, as prexubilacións que recolle o Plano favorecerán un menor impacto traumático sobre o emprego directo nas empresas titulares das minas de Limeisa e Endesa. Porén, “nada se di especificamente das empresas subcontratadas ou auxiliares da actividade mineira destas dúas empresas principais; é dicir, non queda claro o futuro dos traballadores das auxiliares que, nalgún caso, levan máis de 20 anos nesa actividade”. O deputado nacionalista salienta que as minas galegas, cunha extracción actual de 8 MTn sobre os 20 MTn do Estado, “fixeron e fan unha achega moi importante para a produción eléctrica que favoreceu e favorece o desenvolvemento económico do Estado, mesmo en épocas de crise enerxética, como a producida en 1973, sen que o noso país, máis alá dos salarios dos traballadores e traballadoras teña recibido compensación algunha”. Por iso, e agora que se está a falar dos peches das minas de lignito pardo, “logo da súa espoliación”, matiza Blanco Parga, “desde o BNG entendemos que este peche débese acometer dando satisfacción a todos os intereses afectados, territoriais, medioambientais e, por suposto, tamén laborais”. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/05/2006 |
|||||||||
|