|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os deputados do BNG no Parlamento de Galiza, Bieito Lobeira e Fernando Blanco, presentaron unha pregunta parlamentaria provocada pola desproporcionada e violenta actuación policial na carga que tivo lugar o pasado luns 8 de maio en Vigo e consideran que estes feitos “inaceptábeis desde unha perspectiva democrática, precisan de explicacións formais, e mesmo da correspondente depuración de responsabilidades derivada da gravísima situación xerada polos corpos policiais”. Na pregunta presentada na cámara sinalan que “con independencia de que a competencia nesta materia se sitúe actualmente na delegación do Goberno español na Galiza, non lle poden ser indiferentes estes feitos ao Goberno de Galiza”. Alén diso, os parlamentarios nacionalistas manifestan no escrito presentado que esta actuación supón dinamitar “calquera intento de solución do problema laboral a curto prazo” e consideran que a “irresponsabilidade neste contexto, por parte de que tomou a decisión de utilizar a violencia, é ben manifesta”. No texto pregúntase que información posúe o Goberno de Galiza a respecto da brutal carga policial efectuada en Vigo o 8 de maio contra milleiros de traballadores do Metal que se manifestaban na defensa dun convenio xusto; de quen partiu a decisión de utilizar a violencia contra os traballadores; se se vai pedir a depuración de responsabilidades por estes feitos graves; se o Goberno de Galiza considera que este é o mellor xeito de resolver conflitos sociais e se se van solicitar formalmente explicacións ao Goberno español polo ocorrido. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2006 |
|||||||||
|