|
Actualidade CIG-Comunicación-
As masivas mobilizacións que protagonizaron os traballadores/as do Metal da provincia de Pontevedra posibilitaron que o principal obxectivo que se perseguía neste convenio, reducir a precariedade, se acadara. Durante os próximos tres anos de vixencia do convenio as empresas estarán obrigadas a que un de cada dous traballadores do cadro de persoal (50%) sexa indefinido; créase unha lista de contratación á que obrigatoriamente teñen que recorrer os empresarios para realizar novos contratos; conséguese que a antigüidade no posto de traballo, cando os traballadores van rotando de empresa en empresa dentro do mesmo grupo sexa a do primeiro contrato; defínese un incremento salarial lineal de 800 euros; recoñécese o dereito á xubilación parcial en igualdade de condicións para fixos e eventuais; o 100% do salario en caso de baixa por accidente ou por hospitalización durante os tres primeiros meses e acórdase que sexan os traballadores quen decidan que mutua contratar. Alén diso, o incremento salarial anual farase sobre o IPC real, co que se evitará que os traballadores perdan poder adquisitivo. Malia todo, a asemblea de Vigo estivo cargada de tensión e a votación -a man alzada- tivo que repetirse en varias ocasións –até tres veces- para que os que rexeitaban o convenio puideran comprobar que, efectivamente, eran maioría os que apostaban por aprobar o preacordo. Alén das intervencións dos representantes sindicais de CIG, CCOO e UGT, varios traballadores subiron á plataforma instalada na praza para manifestar a súa opinión. Houbo preguntas sobre diferentes aspectos do articulado do texto, houbo aplausos e tamén houbo apupos. Na súa intervención, Miguel Malvido, secretario nacional da Federación do Metal da CIG, explicou punto por punto os diferentes apartados do texto, facendo especial fincapé naqueles aspectos máis relevantes e que supoñen un importante avance na loita contra a precariedade. Pola súa banda, Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG, centrou a súa intervención no que supón para o sector do Metal, pero tamén para o conxunto dos traballadores, o convenio recén ratificado. Alcántara tamén agradeceu a solidariedade demostrada por todos os traballadores indefinidos e de categorías altas que loitaron na rúa xunto cos compañeiros que padecen unhas condicións laborais máis precarias, tendo en conta que as principais reivindicacións deste convenio ían dirixidas precisamente a reducir a precariedade e non a mellorar substancialmente a súa situación. O secretario confederal de Negociación Colectiva salientou a conciencia de clase demostrada polos traballadores máis novos, aos que deu o relevo para dirixir os próximos conflitos. Alcántara tamén demandou a solidariedade dos presentes cos compañeiros detidos con cargos, para que de ser multados non teñan que sacar os cartos do seu peto e lembrou aos feridos, nomeadamente ao rapaz gravemente ferido no ollo. Alí mesmo pedíronse responsabilidades á Subdelegación do Goberno pola brutal carga policial do pasado luns e adiantouse a próxima convocatoria dunha manifestación en repulsa polo acontecido.
Onte preguntábaseme canto significaba o incremento salarial de procentaxe. Para oficial de primeira e segunda un 6% no salario base. Para oficial de terceira un 6,4%, especialista un 6,6%, peón un 6,9%. O resto dos temas económicos do convenio suben un 5,4 e o plus de transporte pásase a salario base, que era unha demanda do sector desde hacía anos. Iso é o que significa o incremento de 800 euros lineais. Unha pelexa importante porque os empresarios non querían, nin de broma, que houbera incrementos lineais e nós diciamos que era fundamental que a xente que menos cobraba tivera un pouco máis de incremento. Outro dos temas importantes era o tema da contratación. Este era un convenio para tratar de regulamentar todo o tema da flexibilidade, a eventualidade e os abusos que se estaban cometendo na contratación. Puxemos o listón moi alto pero tamén é certo que iso, para a patronal, era atacarlle no seu núcleo duro. E avanzamos. Avanzamos para conseguir durante a vixencia deste convenio que de cada dous traballadores, un polo menos sexa fixo. Para nós iso é avanzar nas condiciósn laborais dos traballadores do metal e é reducir a precarieddae e é garantir que os traballadores logo se poden presentar ás eleccións sindicais libremente e non que decida o xefe, que os traballadores podan reclamar os seus dereitos, que os traballadores podan dicir non! cando se cometan abusos con eles. Por iso é moi importante. É certo que pediamos máis pero non é menos certo que tendo tanta eventuialidade como temos no sector conseguir que o 50% do sector sexa fixo de plantilla para nós é un éxito. Outro dos temas era o tema da contratación, sobre todo no naval. Era moi importante que ás veces, facendo determinados traballos, terminábase esa contrata, viña outra nova e traía xente nova. Era importante que houbera unha lista de contratación onde os traballadores do sector puideran estar anotados e obrigar porque, no fondo, o que estamos facendo é obrigar ás empresas a que contraten á xente da lista e non o barato barato e se que cumpran as condicións do convenio con eses traballadores que están na lista, como era fundamental. Hai xente por aí que ten un salario inferior ao convenio do Metal da provincia de Pontevedra e nós cambiamos o ámbito de aplicación. Iso significa que a calquera traballador que traballe neste sector, nesta provincia, hai que respectarlo, como mínimo, ten o Convenio do Metal da provincia e non pode cobrar menos salario nin ter unhas condicións laborais inferiores ás que temos marcadas. Iso tamén é un éxito porque o fastidiado sería que comezaran a contratar a xente que cobra menos. Queda claro no convenio que hai que respectalo, tanto en condicións laborais como económicas. O tema das mutuas. Había xente que preguntaba para que era iso. Pois o tema das mutuas é fundamental, porque hai traballadores que son humillados polas mutuas, se lles maltrata e nós queríamos pór unha condición aí: que os traballadores e os representantes sindicais puideramos dicir, esta mutua non! e isto tamén fomos quen de metelo no convenio. Os traballadores agora podemos dicir que a esta mutua que nos maltrata non a queremos. É certo que non no primeiro ano, no segundo, pero non é menos certo que se no primeiro ano os traballadores dicimos: esta mutua non! xa terá conta a mutua para ter unha actitude moito mellor cos traballadores. Outro tema falado nas asembleas, un problema que tiñamos aí latente era o da xubilación parcial. No anterior convenio conseguiramos a xubilación parcial pero tiñamos un problema grave. Os eventuais non se podían acoller á xubilación parcial, e iso tamén o metimos no convenio. Teñen os mesmos dereitos que os fixos para a xubilación parcial. No articulado puxemos que ten que existir un principio de igualdade entre fixos e eventuais para xubilación parcial, unha inxustiza que se estaba cometendo cos parciais que está resolta. O tema das baixas: no tema das baixas metéramos no momento o tema do 100% en caso de accidente e o 100% en caso de hospitalización. Nestes anos sucedeu unha cousa curiosa, que cobrabas o 100% mentres estabas hospitalizado pero en canto che daban a alta no hospital, aínda que seguiras de baixa xa non cho daban. Pois agora queda regulado que, como mínimo, durante tres meses poderás cobrar o 100% aínda que che dean a alta no hospital.
Alí onde apuntabamos, naqueles aspectos que para nós eran centrais, en aquelo que se conseguiu, imos entrar a debater moi polo miudo, para saber o alcance do que fixemos. Imos volver a uns días atrás. Cando empezamos a falar da plataforma, cando motivamos a convocatoria de folga por uns puntos concretos dixemos: este deberá ser o convenio contra a precariedade, para os traballadores precarios, para aqueles que son eventuais. E só hai unha forma de facelo, regular o modelo de contratación. De que xeito debiamos facelo? Había un sector que era o máis castigado, o que máis afectado estaba por esa dinámica de contratación, onde o abuso e a temeridade e a iniciativa por parte do empresario lle correspondeu toda a vida e a partir de agora esa posibilidade xa non a ten. Ese foi precisamente o principal motivo. Se en algún momento aquí tiveramos decidido que, na vez de adoptar medidas contra a precariedade tiñamos que ir a por máis salario, se cadra tiñamos que ter acordado iso. Ao mellor nos equivocamos e tiñamos que ter ido unicamente a por incremento salarial. Sabedes por que? Porque aquí hai miles de traballadores que son indefinidos. Oficias de primeira que non traballan no naval, que están noutros sectores diferentes, no automóbil, e estiveron desde o primeiro día solidariamente dando a cara. Participando con nós. Enfrontándose aos piquetes, aínda que sabían que estas medidas non ían ser principalmente para eles. E eu coido que eles non se sentiron enganados. Se eles saben, e poden dicilo ou acusarnos de que os enganamos e que os levamos a determinados puntos porque lles insinuamos certo recorrido que non era o que había, que nolo digan, porque este convenio é para facer algo que non fixo absolutamente ninguén até o de agora: regular a contratación e poñela en mans dos traballadores. Sacarlles o dominio preceptivo aos empresarios e a posibilidade de manipulación. Non é un problema de palabras, porque alén de estar asinado e recollido, pasa a ser lei, normativa no noso convenio. Pasa a ser dereito. Imos ter moitos problemas para facelo efectivo. Sabedes por que? Porque vai a haber moitas resistencias. Sabedes por que? Porque non queren que teñamos esa posibilidade. Pero eu coido que non hai marcha atrás, non hai retroceso. Iso é importantísimo. Sempre o dixemos e no naval vos sabedes que aquí hai rapaces que están como peóns e non lles están pagando o salario do convenio. Póñenlle en nómina unha cantidade e logo páganlles menos. Sabédelo e está pasando e, sabedes que hai un uns concertos para a hora extraordinaria e non se lle pagan a case ninguén. Polo tanto, nesta reflexión que tantas veces fixemos, dixemos: hai que ir ao punto de orixe, ao que provoca que isto se vaia degradando, deteriorando. Que non se cumpran as relacións de traballo na contratación. Aí había que atacalos e o que conseguimos nós neste preacordo, non o ten absolutamente ninguén. Ningún convenio dos miles e miles de convenios: da construción, do metal, da industria, do comecio, de químicas... ningún vai poder regular o modelo de contratación como o facemos nós. Por que? Porque agora, nas auxiliares do naval, en cada asteleiro, cando un traballador se quede sen traballo, pasa a ser o primeiro na orde da lista e se marchan 20 son os 20 primeiros e cando veña Montajes Nervión e diga: eu vou facer un traballo de soldadura para 30 persoas, pero só teño 5 fixos... vale, pero os outros 25 van ter que ir obrigatoriamente da lista. Teñen que coller aos 25 primeiros. É o que temos escrito, é o que temos que aplicar. Poque para iso pelexamos, para os precarios, para que se acabara dunha vez todo ese tipo de abusos que é o fundamental...
Eu pediríavos, porque todos tedes posibilidades de acceder á documentación -a través de Internet se poden visitar páxinas e acceder a calquera tipo de información-, que busquedes un só convenio que regule os grupos de empresas. Porque os grupos de empresa se organizaron durante estes anos, primeiro, para pagar menos fiscalmente, porque son tan listos, tan intelixentes os empresarios que ao tempo que sobreexplotan a forza do traballo e se enriquecen con ela, cando teñen que pagar fiscalmente, darlle ao Estado aquelo que se debe repartir e investir solidariamente... aí os empresarios din: non, móntome dúas ou tres empresas e entón pago a metade dos impostos que pagaba. Outra razón máis poderosa é que desta maneira din: eu podo botar á xente e así os traballadores están toda a vida empezando e acabando, acabando e empezando. Sabédelo, e moitos estades aínda nesas condicións. Por iso vos digo, visitade as páxinas, consultade calquera convenio que querades e haber se encontrades un que regule que nos grupos de empresa, como imos regular nós, a partir de agora o primeiro contrato que se celebre en cada unha das empresas do grupo vai ser o que se teña como referencia a efectos de antigüidade. Como van arranxar agora ese problema? Quero velo eu! Cando pasen dunha empresa para outra e de outra para outra e a antigüidade ten que ser sempre a do primeiro contrato. Como van facer? Vai ser un contrato indefinido? se lle mantén a antigüidade? Como o van resolver? Xa é lei! Xa o temos recollido! Que despiden? Cando despidan será un contato indefinido e a indemnización será maior. Pero non vai ser como era até o de agora.
Hai por fin unha fronte aí que definitivamente lles empeza a pechar portas. Se lles acaban as saídas. Comeza a ser moitísimo máis complicado facer o que viñan facendo até o de agora. E a partir de aquí estamos seguros de que limitando a precariedade é como van empezar a cumprir o convenio. Non lles queda máis remedio, porque todo o demais é eventual. Queixavámonos sempre, é que non se aplica, o convenio non se respecta. Pois xa establecimos fórmulas para que se aplique e seguro que ao longo destes meses e en diante será respectado moitísimo máis. Até o de agora tiñamos o 30% de indefinidos obrigatoriamente e moitísimas empresas, moitísimos representantes sindicais non fixeron nada para que se fixera efectivo. Hoxe aínda moitas empresas seguen sen ter o 30%, pois a partir de agora que se apuren, que espabilen, porque hai que chegar ao 50% e é tan fácil de contar como que de cada dous un ten que ser indefinido. Ese é tamén outro dos principais motivos polo que nos beneficia o convenio.
Antes de nada desculpade, porque establecimos un criterio e demos prioridade á precariedade. Dixemos que era un convenio contra a precariedade e deixamos un pouco atrás os salarios. E se con alguén hai que desculparse é con todos os traballadores indefinidos, cos que teñen categorías altas, de oficiais... porque este é por vez primeira un incremento solidario, cobra tanto un peón como un oficial de primeira. Por iso, hai xente á que pode que non lle guste, porque é por primeira vez un incremento solidario. O incremento será de 800 euros, 850 euros para ser exactos. Porque a parte porcentual que se deporta do salario base que non se pagaba nin en vacacións nin nas pagas extras corresponde aproximadamente a 50 euros, o resto das cantidades xa volas dixo Miguel Malvido, 6%, 6,4% e 6,9% para o peón. Pode que pareza pouco pero, ao tempo, fomos capaces de cambiar unha orde de incremento natural que se viña aplicando de hai tantísimos anos: faise sobre o IPC do ano anterior, o IPC real, co cal nunca hai perda adquisitiva e nunca hai necesidade sequera de facer revisión, excepto no último ano, porque a revisión é automática desde o primeiro momento. Podía ser máis, pero a 1 de xaneiro de 2008, o incremento medio -moi aproxido- vai ser de entre 2.250 e 2.800 euros máis para todas as categorías. Ímolo comprobar, lembrade esta cifra que vos estou dicindo. Ese vai ser o incremento que ides ter dentro de ano e medio. Esta é a clave, a columna vertebral deste acordo ademais de outras pequenas cousas ás que non se lle quere concender importancia como o das mutuas. Aquí temos pelexado moitísimo. A verdade que moitos dos que estamos aquí arriba xa non imos seguir, pensamos que xa chegou o momento, pero sentímonos tranquilos porque fomos quen de ver o capital que hai aquí. Aquí hai unha mocidade que non ten nada que ver, absolutamente nada que ver, con toda esa versión infame que a desacredita socialmente. Teñen unha conciencia de clase tremenda. Saben o que teñen entre mans e van tomar o relevo. Eles van ser os responsábeis de que as relacións no traballo, os dereitos que ides ter todos durante os próximos anos sexan mellores ou peores en función da conciencia de clase que teñan. Estes rapaces novos van ser agora os que tomen o testigo. E quedades en boas mans. Seguro. Canto ás mutuas, imos ser os únicos que regulemos iso, porque lle imos dicir á mutua ao cabo do segundo ano: adeus, fóra, non estás atendendo á xente, estaslle dando a alta indebidamente, non lle queres recoñecer que é unha baixa por accidente, fora!, outra para acá! E a seguinte igual, pois seguinte, a ver se cambian. Por que agora nós somos a clientela e para nós iso é importante. Polo tanto, ante isto, nós pedímosvos que votedes afirmativamente ao convenio, porque esta loita merece un broche. E ten que ser un broche de aprobación, e canto máis unánime mellor. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/05/2006 |
||||||||||||
|