|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
Manolo Simón: O principal problema é a bolsa de contratación. Cando asinamos o convenio sabíamos que eles non ían estar de acordo. De feito, se tardamos nove días en asinar foi porque ASIME tampouco quería chegar a un acordo e aceptar as condicións que propoñíamos porque sabía que logo tería problemas cos estaleiros, pero finalmente non lle quedou máis remedio que facelo. Paula Castro: Trátase de manter o nivel de beneficios abaratando custos en gastos de persoal? Manolo Simón: Ese é o seu problema. Até o de agora quen lidera aos estaleiros é Barreras, que foi o primeiro que empezou cos estaleiros de síntese e coa redución do seu cadro de persoal. Detrás están outros como Vulcano, que é outro dos grandes e Freire que tamén adoita ir a remolque, pero non todos. Barreras o que fai é buscar o maior abaratamento de custos e subcontrata a quen lle ofreza mellor prezo. Piden orzamento nas auxiliares e a máis barata é á que lle dan o traballo. Pero a máis barata cal é? A que ten aos traballadores en situación máis precaria, incumpre o convenio, non paga as horas extras... e iso váiselle acabar. Coa bolsa de contratación estamos obrigando a que sexa o empresario quen estea obrigado a coller aos traballadores por orde de preferencia da bolsa e que non sexa o traballador o que teña que ir onde o empresario a pedirlle traballo, porque se é o traballador o que vai onde o empresario, este condiciona as horas pagadas máis baixas, négalle o dereito ás vacacións... Deste xeito, o empresario que veña pola porta e precise traballadores eventuais vai ter que collelos desa bolsa e o traballador sabe que o empresario ten que contratalo e ten que cumprir o convenio. É a única forma de poder exixir que cumpran realmente o convenio. Paula Castro: Os estaleiros contrataron media páxina de publicidade nas edicións de Vigo de varios xornais e, entre outras, cousas demandan a constitución dunha Mesa na que estea representada a Administración, sindicatos e empresarios do sector naval. Manolo Simón: Esa mesa xa existe e tiña que terse reunido o pasado día 15. Creamos unha mesa paralela do sector naval e ese tema habería que telo tratado aí, pero como levamos anos intentándoo e non se conseguía nada, desta volta abordamos o tema directamente en convenio. Esa mesa constituíuse a raíz dos accidentes laborais e nela chegamos a algúns acordos en materia de control das auxiliares hai máis de un ano. Outro dos acordos adoptados foi o compromiso dos estaleiros de contratar a unha empresa que xestionara toda a documentación que teñen que presentar as auxiliares nos estaleiros e que elaborara unha especie de ficheiro cos traballadores do naval. Quedaron de presentarnos esa empresa en febreiro do ano pasado pero non se daba convocado a Mesa. Presionamos á Administración para que os obrigara a sentarse con nós. Presentaron un borrador ao que chamaron “Libro Branco” a principios deste ano e quedamos para unha nova xuntanza na que se tería que debater a bolsa de contratación, que é o que finalmente nós introducimos no convenio. A reunión foise aprazando nestes tres meses e a última convocatoria estaba fixada para o 15 de maio. Eles atrasárona supostamente pola negociación do convenio provincial. Agora, co convenio asinado entendemos que non lles queda máis remedio que asumilo. Pola nosa banda hai disposición para falar pero de non achegar posturas haberá que presionalos para que acaten esas condicións. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/05/2006 |
||||
|