|
Actualidade CIG-Comunicación-
O sector siderometalúrxico en Galiza afectado por convenios provinciais ocupa a máis de 42.000 traballadores e traballadoras cun salario medio entre provincias que oscila en 11.900 € e 14.100 € /ano. As actividades reguladas por estes convenios son as relacionadas coa venda, reparación e industria auxiliar do automóbil, a construción naval, mecanizados e automatismos, a montaxe e instalacións eléctricas e de fontanaría, industria do aluminio, mantemento industrial, rótulos luminosos, instalación de telefonía fixa e móbil e outras afíns.
Están localizadas fundamentalmente na provincia de Pontevedra. Nos últimos catro anos as empresas iniciaron de xeito masivo, agás algunha excepción, a retirada do convenio provincial, para non estaren afectadas pola conflitividade cadencial que se producía na negociación do convenio. Estas empresas que traballan na actualidade co sistema produtivo de sincronización coa fábrica matriz (toyotismo, just in time) non poden deixar desatentido o abastecemento, xa que provocaría un efecto de colapso con consecuencias directas na fábrica principal. Esta é unha das debilidades do propio sistema, que obriga ás auxiliares a adoptar convenios de empresa en condicións máis beneficiosas para os seus cadros de persoal coa finalidade de preservar a conciliación nas relacións laborais. Dos convenios negociados nestes últimos anos nestas empresas, onde a CIG é esmagadoramente maioritaria, destacan as continxencias importantes de estabilidade no emprego, cun promedio do 75% de persoal fixo e melloras substanciais en xornada e salarios. Contrastan radicalmente con este estado de legalidade as empresas subcontratadas polas auxiliares do automóbil, nas que se realizan traballos de menor precisión e menos asistidos de tecnoloxía. Todas estas empresas están afectadas polos convenios provinciais e basean a súa rendibilidade produtiva na explotación das condicións de traballo. O promedio de contratación indefinida acada no mellor dos casos un 30% do cadro de persoal, cun perfil de operarios menores de 30 anos en que prevalece o contrato por obra que se finaliza e se inicia novamente cada certo tempo. Neste ciclo de interrupción e recontratación estamos vendo persoal que leva máis de 10 anos de antigüidade non contabilizada na empresa. A xornada habitual fixa unha media de 10 horas diarias obrigatorias, compensadas o exceso en axudas de custo a un prezo sensibelmente inferior ao convenio. Do mesmo xeito, estas empresas terceirizadas derivan posteriormente unha porcentaxe importante do seu traballo aos domicilios, organizados en células de cinco ou seis persoas non contratadas legalmente no que podemos denominar traballo somerxido. Polo que somos capaces de contabilizar na temporalidade das saídas e recepción de material desde diferentes empresas, a cifra aproximada de persoas que realizan este traballo a domicilio unicamente na Comarca de Vigo pode oscilar entre 700 e 800 persoas.
Existe, por parte das empresas, fundamentalmente nos concesionarios directos das marcas, a necesidade de estabilizar cadros de persoal, xa que a renovación constante da tecnoloxía nos novos modelos require unha formación profesional suficientemente especializada que non se garante mediante a rotación incesante de contratos. Aquí prodúcese unha ruptura xeracional nas contratacións dos mozos, con contratos de temporalidade e un promedio de 10 horas diarias de traballo, no que o exceso de horas non se paga ou son escasamente compensadas, distintamente dos oficiais con máis anos que disfrutan normalmente de contratación indefinida e unhas bonificacións salariais. Nos restantes talleres de automoción que non son concesionarios directos, a realidade laboral é exponencialmente máis precaria con menores retribucións e unha aparición crecente dos contratos a tempo parcial que cobren ilegalmente toda a xornada. O sector da reparación do automóbil ocupa en Galiza a aproximadamente 14.500 persoas.
Malia seren actividades profesionalizadas, mantén unha relación de contratación eventual superior ao 60%. A excepción daquelas empresas de certo tamaño e inseridas tradicionalmente nestas actividades, o groso das empresas ten unha media de entre 4 e 10 traballadores e resulta especialmente habitual a desaparición e aparición de pequenas empresas, que se suceden nun mesmo titular, por razóns normalmente de non pagamento de promotores da construción que provoca a quebra da empresa, o arrastre das débedas aos provedores eléctricos e a finalización dos contratos do persoal, que secuencialmente ingresan na nova empresa co mesmo patrón, pero sen antigüidade no traballo. Nestas actividades xa podemos ver unha importante entrada de emigrantes que cobren as prazas de axudantes, sendo esta categoría a máis explotada para efectos salariais e de contratación, que na súa totalidade son temporais. A xornada laboral oscila entre as 10 e 11 horas diarias, retribuídas no seu exceso a prezo inferior ao legal. No caso dos peóns é frecuente a non compensación do sobreexceso da xornada e das axudas de custo por comida, subtraéndolles deste xeito do salario mensual cantidades superiores aos 600 €. Tamén neste sector observamos que o contrato a tempo parcial gaña espazo como modelo de fraude, xa que o persoal sometido a estes contratos realiza a totalidade da xornada.
Diferencia sensibelmente as condicións de traballo segundo se trate de cadro de persoal directo dos estaleiros ou persoal de auxiliares. No primeiro caso a situación de reconversión sistemática e finalista pretende un cadro de persoal de síntese para tarefas exclusivas de loxística, supervisión e administración, subcontratando a totalidade da produción directa. Deste xeito, xa na actualidade en momentos punta de traballo en construción ou reparación naval, o cadro de persoal directo, fundamentalmente nos estaleiros privados non supera o 15% da man de obra total. As relacións laborais dos cadros de persoal dos estaleiros públicos ou privados están lexisladas por convenios de empresa que estabelecen unhas condicións aceptábeis e ausencia de precariedade, consecuencia da estabilidade no emprego, o derrame negociador de moitos anos e da organización e presión sindical sostida. Nas auxiliares subcontratadas ou na reparación a flote a situación é radicalmente distinta, acollidos a convenios provinciais, a contratación susténtase maioritariamente en contratos por obra e especialidade relacionados por barco. A contratación indefinida non acada o 30 % dos cadros de persoal e circunscríbese en gran medida á estrutura administrativa e de mandos. Nos cadros de persoal de operarios podemos atopar con excesiva frecuencia oficiais soldadores e caldeireiros con relación laboral superior a 12 anos na mesma empresa, encadeando sucesivamente contratos de obra, que se compatibilizan alternativamente segundo a carga de traballo con vacacións ou situacións estacionais curtas no desemprego. A facilidade por parte das empresas para a consecutividade destes contratos durante tantos anos prodúcese pola multiplicidade dunha mesma empresa que está desdobrada en dúas ou máis razóns sociais, polo que rexistran alternativamente baixas e altas na contratación, na mesma empresa, no mesmo centro de traballo pero con diferente nome e número patronal. Este cadro demóstranos a irregularidade do efecto causal para a contratación, xa que todo este persoal que rota durante varios anos na mesma empresa podería estar contratado a tempo indefinido. A xornada laboral practicamente regular no sector é de 11 horas diarias. Esta sobrecarga constante na xornada e unhas condicións de traballo duras e contaminantes, acúsase ao longo do tempo na saúde dos traballadores, con consecuencias como a fatiga física e innumerábeis problemas relacionados coas articulacións e o aparato locomotriz, que non son admitidas como enfermidades profesionais. A imposibilidade de xubilarse anticipadamente cunha pensión digna por razón de salarios deficientes e baixas cotizacións obriga a moitos traballadores con incapacidades e limitacións físicas a prolongaren a vida laboral ao máximo da idade permitida. As horas extraordinarias teñen carácter obrigatorio polos motivos de contratación temporal, a negativa a realizar horas extra significa a non renovación do contrato. Estas horas son compensadas a todo persoal, pero con diferencias importantes na aproximación ao convenio se se trata dun oficial ou dun axudante. Na actualidade traballan en Galiza na actividade de construción e reparación naval subcontratada 7.700 traballadores.
O perfil da empresa tipo oscila na media dun cadro de persoal de entre 10 e 30 operarios. Reproduce unha situación idéntica ás anteriores na configuración da contratación. Os oficiais con certa antigüidade son fixos e os axudantes eventuais, polo tanto as características de precariedade tradúcense en superexplotación das categorías máis baixas, en obrigatoriedade de horas extras compensadas ou non a prezo inferior ao tasado, negativa do disfrute das xornadas de descanso por exceso no calendario anual, redución das vacacións e ultimamente aparición dos contratos a tempo parcial con sobrexornada non cotizada. A maiores, estase a introducir con certo peso a figura do autónomo, máis beneficiosa para o empresario nas cotas de produtividade retribuídas, horario ilimitado e ausencia de axudas de custo. A xornada diaria para este sector non é inferior ás 10 horas diarias.
Multiplicou a súa actividade nos últimos anos coa liberalización e a aparición dos novos operadores. Este novo escenario na disputa do mercado basea gran parte da competitividade para a oferta de tarifas e servizos na sobreexplotación dos traballadores subcontratados, tanto de instalación como telemárketing. As vítimas desta nova precarización neste sector foron precisamente aqueles traballadores e traballadoras das empresas, caso Sintel ou Radiotrónica, con estruturas solventes e condicións de traballo reguladas por convenios de empresa. Na actualidade podemos ver un universo de pequenas empresas reguladas por convenios provinciais, maioritariamente sen representación sindical e a totalidade do cadro de persoal contratado por temporalidade ou obra. A xornada traballada oscila entre 11 e 12 horas diarias. O convenio colectivo serve unicamente como referencia subxectiva, posto que o salario se estabelece en función de altas e instalacións a modo de produtividade. O promedio da xornada realizada e o salario real percibido, tal e como temos constatado, detrae do que sería o salario legal e correpondido a cada traballador, unha media de 700 euros mensuais. A maiores, os desprazamentos que implican axudas de custo por comida son compensados a prezo inferior ao legal. O sector mellor regulado dentro do contorno siderometalúrxico con convenios provinciais é o de mecanizados, automación e robótica. A singularidade deste sector de alta intensidade tecnolóxica require unha formación específica e elevada dos cadros de persoal, onde practicamente non existe a figura do peón e onde as condicións de traballo son aceptablemente dignas tamén polas razóns de competencia entre empresas na captación de traballadores formados. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2006 |
|||||||||
|