|
Actualidade CIG-Comunicación-
A xornada de onte foi especialmente emotiva para os máis de 10.000 traballadores e traballadoras do Metal de Vigo que, desde primeiras horas da mañá, comezaron a organizarse en piquetes para acudir á asemblea que se celebraba no Concello. Emotiva polos incidentes do día anterior, pola carraxe de saber que 13 compañeiros estaban detidos e por saber que algúns dos feridos seguían en estado grave. Desta volta e dadas as circunstacias, a cita diante do Concello para participar na asemblea adiantábase ás 10:30 horas. Aos folguistas sumábanse ademais, para mostrar a súa solidariedade, os traballadores dos principais estaleiros vigueses, que estiveron na rúa cos seus compañeiros até que todos os detidos foron liberados. Desde a Praza do Concello, os traballadores e traballadoras, encabezados polos secretarios xerais das tres centrais sindicais -CIG, CCOO e UGT- percorreron as rúas da cidade en manifestación até as dependencias do xulgado, onde agardaron pacientemente a saída de todos os detidos. Os arredores de Travesas quedaron completamente colapsados pola marea humana que se concentraba en espera da liberación dos compañeiros. A xornada foi longa pero non se produciron incidentes. Desta volta os antidisturbios mantivéronse nun máis que discreto terceiro plano, seguramente conscientes da provocación que suporía a súa presenza logo da violencia demostrada na carga que protagonizaran na xornada anterior.
A maioría dos apresados saíron con cargos como resistencia a autoridade ou desordes públicas. Algúns deles xa anunciaron que presentarán denuncia contra as forza policiais pola malleira recibida. O máis triste da xornada foi o anuncio de que o rapaz de 22 anos que sufriu o impacto da pelota de goma no ollo, por un disparo da policía, permanece en estado grave e corre o perigo de perdelo.
Os representantes dos traballadores decidiran, o propio luns, non reiniciar a negociación do convenio do Metal mentres non quedaran liberados todos os compañeiros apresados na xornada anterior. Coa saída do último dos detidos ás tres da tarde acordábase celebrar unha xuntanza coa patronal para as cinco da tarde. A reunión comezou con retraso pero a última hora da noite non se avanzara substancialmente e as partes seguían mantendo posicións diverxentes canto aos contidos do convenio. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2006 |
|||||||||
|