Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 5 de maio de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Francia, Bolivia, EEUU e a folga no Metal pontevedrés: A loita de clases que non cesa

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Se a desaparición, hai década e media, do chamado “bloque socialista”, co esfarelamento da URSS como punta do iceberg, facía presaxiar un devalo na loita da clase traballadora -como así foi inicialmente-, non é menos certo é que a extensión das políticas neoliberais a escala mundial xerou -e continúa a xerar- unha resposta importante dos segmentos sociais máis desfavorecidos.



  Traballadores/as, clic para aumentar
Non podemos permanecer alleos a estas mudanzas que se producen contra a lóxica do capital e que, pola contra, avanzan en conquistas sociais para a clase traballadora e para os pobos en xeral. A loita dos traballadores e traballadoras do Metal da provincia de Pontevedra é tamén unha loita de ampla dimensión, na medida en que se trata dun pulso que a clase obreira galega lle está a botar á burguesía local, en prol dunhas mellores condicións laborais. E aínda que o resultado final desa loita vai afectar moi directamente aos 20.000 traballadores chamados á folga, todos os que nos sintamos parte do devir histórico da clase traballadora temos que nos ver atinxidos polo seu desenvolvemento. (Ilustración: “Los Trabajadores”, de Rick Flores).
 
Contra o diagnóstico interesado dos gurús neoliberais dos nosos días, a loita de clases non é unha reliquia do pasado, senón que, hoxe coma onte, actúa como forza motriz da Historia, por moito que esta, a Historia, sexa tan cambiante e ás veces o desenvolvemento da dialéctica Capital-Traballo pareza inclinarse cara á primacía dos intereses do primeiro sobre o segundo. Mais a teimuda realidade sinala que nada, que nin fin da Historia, nin desaparición da loita de clases, nin morte da clase obreira.

As virulentas reaccións dos centros capitalistas fronte á lexítima e valente decisión do goberno boliviano encabezado por Evo Morales de nacionalizar os hidrocarburos, anunciada este Primeiro de Maio, son unha clara mostra de que a loita de clases está máis ca viva. Como tamén se viu nas últimas semanas na loita da mocidade e da clase traballadora francesa contra o chamado Contrato de Primeiro Emprego, tentativa gobernamental de precarizar aínda máis o mundo do traballo. Como así mesmo se percibe na vaga mobilizadora protagonizada pola comunidade hispana nos propios Estados Unidos. E como se está a ver desde hai un par de días con motivo da folga do Metal da provincia de Pontevedra, folga que procura unha mellora cualitativa nas condicións laborais -non só salariais- de preto dos 20.000 traballadores afectados.

Se a desaparición, hai década e media, do chamado “bloque socialista”, co esfarelamento da URSS como punta do iceberg, facía presaxiar un devalo na loita da clase traballadora -como así foi inicialmente-, non é menos certo que a extensión das políticas neoliberais a escala mundial xerou -e continúa a xerar- unha resposta importante dos segmentos sociais máis desfavorecidos, que está a producir un avanzo nas posicións que viñan minguadas do Traballo fronte ao Capital.

Froito desa resposta está a ser a proclamación de gobernos en América Latina de orientación claramente anti-neoliberal (e anti-imperialista), que hoxe son polo de referencia para moitos movementos sociais, sindicatos ou partidos políticos en todo o mundo. De aí que desde as forzas do capital se busque, como sexa, a erosión destes gobernos, como estamos a ver co Goberno de Bolivia que está a ser fortemente presionado para que rectifique a súa decisión de nacionalizar os hidrocarburos.

Máis ca nunca, cómpre a solidariedade da clase traballadora, que debe acompañar estes procesos políticos que se dan noutros contextos nacionais pero que resultan estimulantes e exemplificadores para os diversos pobos e nacións. Se gobernos como o español, ou instancias como as europeas, pretenden exercer chantaxes varias a estes gobernos, baixo a escusa inmunda da defensa dos “intereses xerais” do país, que saiban que a clase obreira vai seguir firme nas súas convicións solidarias con pobos como o de Bolivia, pobos que están a acompañar e mesmo a protagonizar un auténtico cambio político, social e económico nas súas fronteiras, con dimensión certamente planetaria.

Non podemos permanecer alleos a estas mudanzas que se producen contra a lóxica do capital e que, pola contra, avanzan en conquistas sociais para a clase traballadora e para os pobos en xeral. A loita dos traballadores e traballadoras do Metal da provincia de Pontevedra é tamén unha loita de ampla dimensión, na medida en que se trata dun pulso que a clase obreira galega lle está a botar á burguesía local, en prol dunhas mellores condicións laborais. E aínda que o resultado final desa loita vai afectar moi directamente aos 20.000 traballadores chamados á folga, todos os que nos sintamos parte do devir histórico da clase traballadora temos que nos ver atinxidos polo seu desenvolvemento. O seu éxito será para nós un motivo de satisfacción e esperanza. O seu fracaso, aínda que improbábel e nada desexábel, deberá contribuír a fortalecer e mellorar as nosas capacidades futuras de enfrontamento ao capital.


Santiago de Compostela, 5 de maio de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/05/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta