|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Dunha banda, o martes día 9 foi o día escollido polo Goberno español, as centrais sindicais CCOO e UGT e as entidades patronais CEOE e CEPYME para escenificaren publicamente o asinamento dunha nova reforma laboral. Doutra, o mércores día 10 os representantes dos traballadores do metal da provincia de Pontevedra acordaban coa patronal os termos do seu futuro convenio colectivo para os vindeiros tres anos, termos que serían ratificados nas asembleas de traballadores realizadas o propio día 10 e mais o día seguinte. E así, mentres as formulacións da nova reforma laboral (contida no chamado “Acordo para a mellora do crecemento do emprego” e asinada pola parte social polas cúpulas de CCOO e UGT) son máis favorábeis aos intereses patronais que aos da clase traballadora, o acordo para o convenio do metal da provincia de Pontevedra signfica un avanzo laboral importante para estes traballadores e traballadoras atinxidos polo devandito convenio (uns 20.000). O acordo para unha nova reforma laboral -que mesmo recibiu o aplauso inicial do PP, partido que claramente representa os intereses do capital- é un acordo que se dá desde as cúpulas sindicais de CCOO e UGT, de costas aos traballadores e traballadoras, que viron imposibilitada a súa participación nas discusións, xa que nin foron consultados nin informados convenientemente dos contidos destas segundo se ían producindo. Para máis escarnio, o sindicalismo nacionalista (a CIG en Galiza, a hexémonica ELA en Euscadi, xunto con LAB -as tres centrais co aval de seren sindicatos representativos a nivel do Estado-) nin sequera foi convidado a participar das negociacións, o que tinxe aínda máis de sospeitas o acordo acadado. O devandito acordo, de carácter estatal, volve a desviar unha cantidade inxente de diñeiro público ás arcas dos empresarios (valéndose de dúas vías: bonificacións en cotas á Seguridade Social e redución de cotizacións...), mentres que abarata o despedimento -nalgúns casos, case que ata a gratuidade para o empresario- e non reduce nin de lonxe a alta precariedade existente, cuestión esta que si debería ser o elemento central a corrixir nunha reforma laboral digna de tal nome. É dicir, os beneficios para a clase traballadora resultan na práctica inexistentes, malia que se queira disfrazar esta realidade. De que serve a limitación ao encadeamento de contratos laborais se ao final o despedimento se achega aos limiares do despedimento libre? Contrariamente a ese acordo, que espella singularmente un importante déficit democrático, o negociado para o novo convenio do metal pontevedrés partiu da procura dunha implicación total dos traballadores e traballadoras afectados, que participaron tanto das bases iniciais sobre as que se ía comezar a negociar como de toda a fase posterior. Fase que incluíu máis dunha semana de paro e intensas mobilizacións, que foron garantía dun acordo final máis que aceptábel para os intereses dos traballadores do metal da provincia de Pontevedra. Á marxe dos beneficios salariais conquistados, o aspecto máis salientábel dos contidos deste acordo para o novo convenio do metal na provincia de Pontevedra ten que ver coas medidas adoptadas para a redución real da precariedade existente no sector. A grandes trazos, conseguiuse case duplicar a estabilidade laboral (dun 30% a un 50% de contratación indefinida nos tres anos de duración do convenio) e, ademais disto, logrouse que a creación dunha bolsa de contratación da que van facer seguimento os traballadores. No fondo, o que se confrontaron nestes dous acordos foron dous modelos sindicais radicalmente diverxentes: un (o das cúpulas de CCOO e UGT) que opta pola vía pacticta e entreguista, mesmo a custo de abdicar das súas responsabilidades de defensa e protección dos intereses dos traballadores; outro (encabezado en Galiza polo sindicalismo nacionalista que practica a CIG) que, ademais de afondar nas vías de participación para os traballadores, enfronta os intereses da patronal e procura arrincar, a través da mobilización, melloras tanxíbeis para a clase traballadora. É máis, no conflito do metal da provincia de Pontevedra o verdadeiramente ilustrativo é que se demostra que resulta posíbel combater a precariedade laboral desde a loita común e consciente dos traballadores e traballadoras, que neste caso ademais privilexiaron esta loita por riba da consecución doutros intereses, como os salariais. Espléndida lección para o futuro, pois ese grao de compromiso sería importante que o asumisen importantes bolsas de traballadores e traballadoras no noso país. O que está en xogo é demasiado importante para a clase traballadora como para non reflexionar e actuar en consecuencia. Outro modelo de facer sindicalismo, o que practican os sindicatos plenamente intregados no sistema, está abocado ao fracaso e é pouco menos que un suicidio para a clase traballadora. A avaliación de resultados desta nova reforma laboral pactada, desgrazadamente, indicaronos que isto é así.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/05/2006 |
||||
|