|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Os millares de persoas que saíron ás rúas compostelás na mañá do día 17 (por volta de 10.000) fixérono coa plena consciencia de estar nun momento diferente e especial, motivado por dúas circunstancias: por unha banda, o debate do novo Estatuto de Galiza e, pola outra, o cambio de Goberno e as expectivas xeradas tamén en torno da cuestión do idioma. Non resulta unha novidade subliñar que o ordenamento lingüístico do Estado español, emanado da Constitución de 1978 e da doutrina do Tribunal Constitucional, privilexia a lingua castelá fronte ás linguas das nacións sen estado. Así, a oficialidade dos idiomas galego, vasco e catalán non é unha oficialidade plena, senón constrinxida polo estatus de superioridade do idioma español, o cal si representa un deber para o conxunto dos cidadáns. En paralelo a este marco legal que violenta os nosos dereitos lingüísticos como cidadáns que habitamos este territorio chamado Galiza, cunha lingua propia que é o galego, existe toda unha situación que se vén prolongando durante decenios de minorización do idioma galego en canto aos seus usos sociais. O español como idioma asociado ao poder (político e administrativo, económico, mediático, relixioso...) veu desprazando e substituíndo o noso espazo lingüístico particular e, xa que logo, minguando a vitalidade do galego como idioma nacional do noso país. Enfrontar a minorización lingüística do galego vai ter que, indefectibelmente, enfrontar as relacións de poder hoxe existentes, conquistando para a lingua galega novos espazos de uso, ao tempo que se garante un outro estatus legal, xa de idioma nacional e oficial. No camiño non deixan de ser importantes as tarefas cotiás, isto é, o irmos acadando pequenas cotas para a lingua galega, que signifiquen máis usos sociais e unha mellor consideración por parte da nosa sociedade, fuxindo de moitos dos prexuízos aínda socialmente existentes sobre a utilidade e o porvir do idioma galego. Nese camiño sería imperdoábel a non exixencia de compromisos claros e inequívocos do novo Goberno da Xunta, e xa non só das áreas que se veñen considerando as máis directamente vinculadas á lingua (Secretaría Xeral de Política Lingüística ou Consellaría de Cultura), senón que debe ser unha acción conxunta que desenvolva políticas de promoción e difusión do idioma en todas e cada unha das áreas de Goberno. O galego non pode nin poderá manter a súa vitalidade se non entra no eido económico, no das novas tecnoloxías, nos ámbitos de lecer da xente nova, no extenso mundo do deporte, etc, etc. Isto é, o galego non debe ser só unha lingua de poemas e cancións -que tamén- senón que ten e terá que ser a lingua habitual das relacións económicas e comerciais, a lingua vehicular do ensino, a lingua normal das administracións, a lingua natural dos medios de comunicación... Hai que se convencer, sobre todo desde o nacionalismo (polo seu grao de consciencia e compromiso co idioma galego), de que a normalización da nosa lingua é posíbel, alén de necesaria e urxente. Contamos cun nivel de uso moi importante, aínda que sexa certo que se dá unha regresión doadamente constatábel xeracional e territorialmente. Contamos tamén cun tecido social considerábel que ten entre as súas bandeiras a da lingua de noso. Contamos, así mesmo, cun espazo institucional non pequeno desde o que irmos artellando medidas efecticas en prol do idioma galego. E mesmo contamos cunha sociedade, todo o complexa e plural que se queira, mais que non dubida en considerar o galego como un dos seus trazos identitarios irrenunciábeis, e isto mesmo a xente que non o ten como idioma habitual de uso. Se cadra, este 17 de Maio debería significar un punto de inflexión nesa dirección, na de redobrar esforzos en prol da normalización do noso idioma. Porque queremos e tamén porque podemos.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/05/2006 |
||||
|