Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 27 de maio de 2006

1.156 palabras para contar 200 anos de historia
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Simón Bolívar, clic para aumentar
Simón Bolívar na praza que leva o seu nome en Caracas.
Rómulo Gallegos Freire, clic para aumentar
Rómulo Gallegos Freire.
Francisco de Paula Santander, clic para aumentar
O xeneral colombiano Francisco de Paula Santander era o representante da oligarquía colombiana que asasinou ao marechal Sucre.
Hugo Chávez, clic para aumentar
Chávez na República Islámica de Irán.
Bandeiras Venezuela, clic para aumentar
Bandeiras nun acto político. Caracas, abril de 2005.
Maiorías chavistas, clic para aumentar
As maiorías opositoras resultaron ser maiorías chavistas.
Hugo Chávez e Evo Morales, clic para aumentar
Chávez e Evo Morales.
Cos pobres da terra, clic para aumentar
“Cos pobres da terra quero eu a miña sorte botar”, José Martí.
Ensinando a identidade bolivariana, clic para aumentar
Ensinando a identidade bolivariana.
O pobo, clic para aumentar
O pobo.
 
Nunca antes se falara tanto de Venezuela. Fálase de Venezuela a través da guerra de Iraq, do goberno de Estados Unidos, polo seu rexeitamento ao ALCA, pola nacionalización dos hidrocarburos en Bolivia, por Fidel, pola campaña electoral peruana, pola política interna colombiana, pola mala prensa interna que ten Fox en México, polos "expropiados" españois, por Ramonet, por mil e unha razóns hai que falar de Venezuela e do seu proceso.

Onte mesmo, seguindo as reaccións ante a nacionalización da industria petroleira en Bolivia, os xornais galegos e españois enchían as súas páxinas de opinión (e senrazón) con artigos e notas sobre Bolivia e Venezuela.
Fago a excepción de que sempre falo de Venezuela e o seu proceso, e non exclusivamente de Chávez. Porque moitos queren darnos a entender que o proceso revolucionario que está a suceder hoxe na República Bolivariana de Venezuela é froito do capricho e da mente do presidente venezolano. Nada máis afastado da verdade.


Antecedentes

A guerra de independencia en América, que comezou precisamente en Venezuela, debe ser o punto de inicio de algo que aínda non rematou, a verdadeira liberdade dos venezolanos e venezolanas. A guerra de independencia é considerada polos historiadores modernos coma unha guerra civil entre dous bandos. Dun os brancos crioulos que pretendían, ademais do poder económico na colonia, o poder político -lembremos que se alzaron en armas para defender ao rei-, e doutro as forzas españolas peninsulares que, aínda que non tiñan o poder económico, tiñan o poder político-administrativo.

Velaí a guerra de independencia venezolana e latinoamericana; unha guerra civil entre dous bandos que respondían á mesma clase social-racial pero a distintos amos. Foi tamén Venezuela o lugar en que apareceu un terceiro bando na loita, o dos desposuídos, o dos esfarrapados, o dos que non eran brancos... o bando dos chamados "pardos" guiados por un desherdado da raza e da clase, o ex-militar, e ex-convicto o exiliado asturiano Tomás Boves, alcumado o "urogallo".

Boves cabalga dirixindo a milleiros de homes desherdados que loitaban contra "realistas" (españois) e "patriotas" (defensores dos dereitos de clase dos brancos nados en América). Boves prometía terras e liberdade e ceibar os lazos de escravitude que unían os venezolanos cos brancos peninsulares e cos brancos americanos. Boves morre nunha batalla que gaña e remata coa súa vida unha obra inconclusa no social e no político: a liberdade dos homes e mulleres de Venezuela e América.

O exemplo venezolano e posíbel levalo a toda América, onde as clases brancas, poderosas economicamente e criadas no estranxeiro, mantiveron o mesmo sistema de explotación do home polo home. Así, o século XIX venezolano foi un século convulso e compulso. Con grupos de homes armados asolando o país. País que no seu nacemento era parte dun todo chamado a Gran Colombia, formada por Colombia, a actual Venezuela, o norte de Brasil, Guíana e parte do Ecuador máis Panamá.

As xenreiras e as loitas intestinas entre as clases poderosas brancas fixo que José Antonio Páez erguese as súas armas contra os brancos bogotanos, que asasinaran previamente o mariscal Sucre e mandaran ao exilio o propio Bolívar. En 1830 Páez separa Venezuela da Gran Colombia. Aquí comezou unha historia de presidentes analfabetos e de bandoleiros presidentes. A historia veu perpetuada pola bonanza económica que aterrou no século XX, co petróleo, e a intromisión económica británica no século XIX e estadounidense no século XX, non só en Venezuela senón en toda Latinoamérica, a través das súas compañías extractoras de materias primas.

Estas compañías fomentaron guerras artificiais entre países irmáns, coma a guerra do "guano" entre Perú, Bolivia e Chile a finais do século XIX ou mesmamente a independencia de Panamá de Colombia en 1903. A lista sería interminábel. Dende o roubo a Venezuela das dúas terceiras partes do seu territorio guianés até a ditadura da United Fruit Company en Centroamérica, pasando pola propiedade de todas as compañías de bens e servizos en mans de estadounidenses de Cuba e a emenda Platt como trasfondo.


Século XX

O século XX en Venezuela nace o día da morte do ditador Juan Vicente Gómez en Maracay, o 17 de decembro de 1935. Ese día remata a Venezuela feudal e nace outra Venezuela, que tivo a oportunidade de mudar a súa singradura. Dúas "ditabrandas" seguiron a de Gómez. Primeiro a de Eleazar López Contreras e despois a de Isaías Medina Angarita, deposto por un golpe de Estado en outubro de 1945.


A primavera venezolana de 1945

O golpe de Estado, dirixido por unha Xunta Revolucionaria e presidido polo ex-comunista Rómulo Betancourt, recoñeceu a República española no exilio como goberno lexítimo do Estado español e fixo un tránsito cara a unha democracia moderna. O escritor Rómulo Gallegos gaña as eleccións en 1948 e despois de nove meses un golpe de Estado remata con tres anos de cambios e esperanzas nunca antes vistas nin soñadas en Venezuela.

As ditaduras militares que rematan en xaneiro de 1958 e as "democracias" que as continuaron até a chegada á presidencia de Chávez en 1999 teñen en común moitas cousas. En primeiro lugar, seren sistemas dedicados á infravolaración do cidadán, negándolle a participación no sistema político. Unha ditadura de partidos substituíu á ditadura militar. Así, dende 1959 até 1999 dous partidos viviron de costas ao seu pobo e dilapidaron varios milleiros de millóns de ingresos petroleiros.


O século XXI é de Chávez e do pobo latinoamericano

Á sombra desta dilapidación ou, mellor dito, roubo ao pobo venezolano e latinoamericano, estivo sempre á espreita o goberno estadounidense a través das súas empresas e a defensa dos seus intereses. A nacionalización da principal fonte de ingresos de Venezuela, a industria petroleira, serviu para que, ademais da ditadura de partidos, outra nova ditadura saíse á luz, a daqueles técnicos das clases medias que atendían, se formaban e aceptaban coma un mandamento divino as directrices dos Estados Unidos.

Velaí o país desesperado que elixiu a Chávez como presidente. Unha poboación sen ensino, sen vivenda, sen saúde, sen dereitos políticos, sen acceso á información veraz, sen dereito ao protagonismo, unha poboación que era só una escusa para lexitimar, cada catro anos, aos demagogos de turno.

Chávez representa unha esperanza porque chamou ás cousas polo seu nome. Desenmascarou o sistema de "liberdades" e á prensa nacional e internacional. Pero Chávez, máis ca unha esperanza para o seu pobo, é unha realidade que se cumpre no día a día nas escolas bolivarianas con tres comidas diarias. Cos módulos de asistencia primaria e os máis de 10.000 médicos cubanos que viven nos barrios de todo o país. Co exterminio do analfabetismo e coa firme determinación de dar aos venezolanos e aos latinoamericanos a dignidade humana que só Cuba ten entre as mal chamadas "democracias" latinoamericanas. Falamos de feitos e non de desexos, os desexos están á vista da historia e a vitoria está no sorriso dos nenos que, aínda que pobres, van á escola e teñen médico. Escribir o proceso actual sería impensábel sen este limiar.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/05/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta