|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
Na introdución temos ben expresado o pensamento dos xornalistas sobre o personaxe, pero se cadra, o máis asisado dun libro que non paga a pena nin ler despois da entrevista de Maite Rico é “Sen o cru (petróleo), din os veteranos xornalistas venezolanos, o ex-militar golpista ‘non estaría no poder’”. É dicir, os presidentes en Venezuela mantéñense segundo o prezo do barril de petróleo e non segundo os resultados das urnas; só falla que digan que Bush se vai retirar de Iraq para rematar co goberno de Chávez.
“A xente ten a esperanza en Chávez coma o home capaz de ‘democratizar’ a renda petroleira. Os programas sociais son de feito, entregas de diñeiro. Chamámoslle Don Regalón, e para el é un éxito”. O éxito non é para el (Chávez) senón para os nenos e adultos alfabetizados, as 600.000 persoas operadas de toda Latinoamérica da vista (a partir desta semana, o programa amplíase aos pobres estadounidenses), a Lei de costas (idéntica á española), e o que se deu en chamar democracia representativa e protagónica, e non unha ditadura de partidos. Efectivamente, despois de dous anos de serios e asisados estudos, estes xornalistas venezolanos dinnos nun libro que os programas sociais son a través de diñeiro... de aquí a dous anos máis, o Nobel en Economía para os dous. “Chávez puxo a pobreza na axenda e amplas capas populares sentíronse dignificadas”. Lóxico, pero porque non a puxeron os anteriores presidentes? O que non din estes xornalistas é que a dignificación dos pobres en Venezuela, 60% segundo eles, non é por seren postos nunha axenda por Chávez, senón por ser posto Chávez na axenda dos pobres. Se en Venezuela, segundo estes xornalistas e El País, existe un goberno semidemocrático, ególatra, astuto, histriónico... como entenden que un organismo estatal coma o Instituto Nacional de Estatística dea cifras en contra do goberno coma as que eles din, segundo as cales a pobreza pasou en cinco anos dun 42,38% ao 60%? Porque estes xornalistas non dan as cifras que da a ONU sobre o desenvolvemento humano en Venezuela, UNICEF e OMS e fan unha comparación co ano 1999? Son as 9 da noite e acabo de ler a parvada das 9 da noite. Segundo Marcano e Barrera Tyska, aínda que Chávez se presenta coma líder dun novo modelo político (perdín a posibilidade de discernir se el se presenta ou son precisamente os medios quen o presentan), Chávez encarna a tradición do Estado rendista característica da clase gobernante venezolana. Esta parvada, que vén de lonxe a través do prófugo da xustiza e escritor Arturo Uslar Pietri, dicía algo así coma que a renda que entraba en divisas por concepto de venda de petróleo debía reinvestirse en fabricar outros produtos que non fixesen á economía venezolana tan dependente. A blindaxe do comercio internacional, a exclusión das materias primas dos acordos de libre comercio, o dumping e a imposibilidade de poder exportar o producido (o mercado venezolano é moi reducido para montar fábricas) fan desa proposta do escritor e prófugo da xustiza Arturo Uslar Pietri unha idea pobre. Esta idea pobre, a través do enunciado de “sementar o petróleo”, serviu para encher a boca de moito político barateiro en campaña electoral. Meses antes de gañar as eleccións Chávez, en 1999, a cúpula da empresa estatal de petróleo e sipaios coma Teodoro Petkoff e o vello socialcristián Rafael Caldera, pretendían privatizar a única fonte de ingresos do país, a compañía petroleira, por ser “pouco eficiente e pouco competitiva”. O tempo daría a razón a Chávez cando unha folga criminal sen trasfondo laboral e que exixía a súa renuncia e inhabilitación por anos para volver presentarse a eleccións, era comandada pola dirección da empresa estatal de petróleo. Máis de 60 días tiveron os venezolanos que trasladarse a pé, sen poder cociñar polo capricho duns eficientes directores que estudaran en Estados Unidos. Hoxe a renda petroleira non serve para dar esmolas, senón para alimentar, educar e sandar o pobo venezolano e o pobo latinoamericano. É iso populismo? Que aburrimento con que os que sandan son cubanos, os que alfabetizan son cubanos, os que protexen o presidente son cubanos... e os do INE que deron estatísticas do crecemento da pobreza? Serán da CIA? Da oposición? Por que, libremente, non se pode optar por un modelo, comunista, castrista, guevarista... Ten que ser o estadounidense-occidental? Non deu resultado en 50 anos de democracia, canto tempo máis imos darlle? Cen anos máis? Cuba, país pobre, superpoboado, sen recursos naturais é o único país de Latinoamérica en que a persoa humana ten dignidade para vivir, estudar, e levar unha vida sa. En Cuba terán moitos problemas, pero ninguén morre por falla de cartos ou deixa de ir á escola. O modelo que seguir se cadra é o de New Orleáns despois do Katrina? Ou o de manter a chusma a raia? Estes dous xornalistas venezolanos, na súa entrevista, non falan da volta ao poder de Chávez da man do pobo. Tampouco da colaboración de Estados Unidos e o Estado español co ditador Carmona. Non falan do despedimento de Ludmila Vinogradoff por solicitude dos lectores españois que seguían os acontecementos do golpe de abril de 2002. Non hai moito máis que dicir. |
|||||||||||||||
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/05/2006 |
|||||||||||||||
|