|
Actualidade CIG-Comunicación-
A Executiva Confederal propón, no escrito dirixido a Pilar Cancela, “recabar da Administración Autonómica propostas concretas en cada unha das materias obxecto de tratamento nas diferentes Mesas de Traballo, enmarcadas dentro dunha proposta global do Goberno galego do que ten que ser un Acordo polo Emprego en Galiza, para todo o período de lexislatura”. Alén diso, informa da fixación dunha “data tope de referencia para pechar estas conversas, cando menos nos aspectos máis fundamentais”, engadindo que “consideramos que esa data ten que ser coincidente coa que ten fixada o Goberno galego para pechar a proposta de Orzamentos para o ano 2007”. Neste sentido, Suso Seixo amosa a súa preocupación polo atraso que leva a propia constitución das mesas, xa que aínda se acaba de constituír a Mesa nº3 . “En xeral a dinámica de traballo practicamente non existe e onde vai máis avanzada é na Mesa nº1, que trata de emprego e formación, saúde laboral e economía social”. Seixo subliña que desde a CIG se entende que unha vez as organizacións sindicais teñen presentado a súas propostas, agora “a Administración ten a obriga de definir cales son as súas propostas en políticas para o emprego en Galiza”. Un documento sobre o que poder traballar para chegar acordos en aqueles apartados que sexan coincidentes e negociar aqueles nos que non ocorra así.
A Executiva Confederal xa acordara remitir un escrito ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para manifestar a preocupación da Central polo “pobre balance” de traballo, transcorridos sete meses desde que se fixo a presentación pública do Diálogo para acadar un Acordo Galego polo Emprego. Nesa mesma carta, Suso Seixo xa advertía de que estamos “ás portas da elaboración dos orzamentos do ano 2007, nos que deben figurar aquelas partidas destinadas ás políticas activas e a outras políticas xeradoras de emprego, sen que ata agora se teña chegado a acordo en materia algunha”. Alén diso, a CIG manifesta a súa contrariedade, porque por parte da Administración galega se están elaborando ordes e leis e chegando a acordos coa Administración central en materia de emprego “incidindo en temas que tiñan que ser obxecto de tratamento e consenso nas citadas Mesas de Diálogo para o Emprego”. Malia estas comunicacións, a CIG non obtivo aínda resposta algunha.
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2006 |
||||
|