|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os comparecentes coincidiron en solicitar do bipartito que interveña no Concello de Dozón facendo uso da Lei de Administración Local para que se remate dunha vez por todas coa situación de acoso que padece Ana Lois Navaza e os traballadores e traballadoras do Concello en xeral. Alén diso, requiriron do actual presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijoo, que adopte medidas contra un membro do seu partido, o alcalde de Dozón, ao estar probado que hai unha actitude voluntaria pola súa banda de causar dano contra unha traballadora, tal e como se recolle na propia sentenza. Neste sentido, a secretaria confederal de Muller, Elvira Patiño, lembrou que se celebraron varias xuntanzas da CIG con representantes do Partido Popular tanto a nivel local como comarcal e mesmo nacional nas que se recoñeceu o comportamento irregular de Adolfo Campos, pero nas que se adiou unha toma de decisión a que houbera sentenzas en firme, para garantir a presunción de inocencia, “e xa hai 33”. Xunto a iso, recordou tamén que o PP presentou unha proposición non de lei na anterior lexislatura sobre a regulación e sancións en casos de acoso moral na Administración pública, “polo tanto, presentan este tipo de iniciativas e logo amparan ao alcalde de Dozón”. Ana Lois Navaza resaltou que o importante desta sentenza “é que recoñece como feitos probados que o inicio desta situación vén porque fun como candidata polo BNG no ano 1999; que hai multitude de resolucións e ordes de traballo da Alcaldía que foron recorridas e son estimatorias das miñas pretensións, declarándoas nulas por ser contrarias a dereito e por ser constitutivas de desviación de poder”. Pola súa banda, Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde laboral, resaltou como outro dos aspectos fundamentais o feito de que nesta sentenza se asocie unha situación de acoso cunha situación que atenta contra a prevención da saúde dos traballadores”. De feito o fallo emitido céntrase na falta de medidas de seguridade e di literalmente que “estimando parcialmente a demanda interposta por dona Ana Teresa Lois Navaza fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social e o Concello de Dozón, declaro a obriga do Concello demandado de aboar o recargo sobre as prestacións por incapacidade temporal percibidas até o último proceso incoado o día 5 de febreiro de 2002 por falta de medidas de seguridade en contía do 50% condenando ás demandadas a estar e pasar por esta declaración e ás consecuencias que se deriven da mesma, debendo o Concello de constituír o capital custo”. Ana Lois Navaza subliñou a respecto desta sentenza que “a lei da a posibilidade de sancionar, en función da gravidade das faltas, entre un 30 ou un 50% de recargo de prestacións. Neste caso o maxistrado entendeu que a gravidade era a máxima e, polo tanto, aplicou esta sanción”. Henrique Outeiral, que era secretario comarcal de Administración pública, en Pontevedra, cando se iniciou o proceso, subliñou o “triste papel que está facendo a Fiscalía de Pontevedra neste caso, porque malia as sentenzas e malia os fallos, tan demoledores, non só non actúa senón que mesmo impide que se apliquen ou non se persoa e solicita o arquivo das dilixencias tamén da querela por desacato de sentenzas, prevaricación continuada e lesións”. Os representantes da CIG anunciaron ademais que seguirán traballando sobre este asunto e actuando puntualmente para dar a resposta axeitada a esta situación mentres non se soluicone, xa que Ana Lois Navaza continúa a padecer a situación descrita na propia sentenza. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/06/2006 |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|