|
Actualidade CIG-Comunicación-
Con base nun Real Decreto do ano 1999, que privilexia o uso do castelán fronte aos outros idiomas oficiais do Estado (feito dubidosamente democrático), o devandito Servizo de Protección da Saúde da Xunta de Galiza ameaza á empresa Eurofruit con “tomar as medidas oportunas” no caso de que non empregue o español na etiquetaxe dos seus produtos alimentarios, produtos que teñen como destinatarios os cidadáns galegos. Produce indignación que a estas alturas de desenvolvemento autonómico desde as administracións públicas galegas se estean a menoscabar os dereitos lingüísticos dos galegos, condenando á lingua galega a un papel secundario e marxinal. E máis tratándose dun novo Goberno, de coalición entre o PSOE e o BNG, que asinaran no pacto de Goberno que a normalización do idioma galego era un dos elementos centrais, dando satisfacción a unha demanda social de décadas no noso país. Nese sentido, e ante a gravidade do feito, a CIG insta ao Goberno da Xunta e aos partidos que o sustentan a modificar, á maior brevidade posíbel, estas actitudes de belixerancia contra a lingua deste país, e eviten discrimacións como a sinalada. O primeiro ano de novo Goberno practicou unha política lingüística continuísta respecto da anterior, na que non se está a facer unha aposta seria e coherente en prol da lingua propia de Galiza, desenvolvendo o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento no anterior período de sesións. Plan que debería ser a auténtica “folla de ruta” en materia normalizadora para o Goberno da Xunta.
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2006 |
||||
|