|
Actualidade CIG-Comunicación-
Se o malestar entre o persoal era grande debido a excesiva presión comercial que ten características de acoso organizado, a tentativa da Dirección de reclasificar a todo o persoal administrativo como comercial ten desatado o conflito. Por outra banda, a empresa está incumprindo os compromisos existentes en materia de emprego e retribucións. Ante esta situación a Sección Sindical da CIG aprobou por unanimidade iniciar un proceso de mobilizacións de representantes sindicais, así como asembleas de traballadores/as por todo o país. Todo co fin de frear a agresiva política laboral e comercial posta en marcha polo Comité de Alta Dirección da Entidade dirixido por José Luís Méndez. Así, os delegados e delegadas da CIG dos distintos Comités de Empresa de toda Galiza concentráronse dende as 11:30 da mañá do xoves diante da oficina principal de Caixa Galicia en Compostela baixo o lema, “Traballo Digno. Non á persecución, á presión e o acoso”. Durante a concentración as persoas participantes corearon lemas contra a situación que padece o cadro de persoal, entre eles “O seu beneficio, o noso sacrificio”; “Somos unha caixa, non somos un bazar” (en alusión ás motos, televisións e demais produtos que se venden nas oficinas) ou “Méndez abonda de presión”. Pero sen dúbida o máis coreado foi a parodia do último anuncio de Caixa Galicia na televisión: “Queredes presión? Non!!; Queredes acoso? Non!!; Queredes motos? Non!!” O acto rematou cunha asemblea informativa dentro da oficina, na que se deu lectura ao comunicado que se estivera repartindo tanto á clientela como ao resto do público en xeral (reproducido ao pé desta noticia), e ao finalizar a súa lectura o persoal que se encontraba no interior despediu a concentración cun aplauso, agradecendo a solidariedade coa súa situación.
A Dirección de Caixa Galicia presentou hai pouco os resultados do primeiro trimestre deste ano. Os propios números cantan: o seu beneficio é o noso sacrificio. Ao longo de 2005 foron captados 125.000 novos clientes; pola contra o cadro de persoal e o número de traballadores/as por oficina permaneceu estable. Hoxe as oficinas teñen unha sobrecarga de traballo que tamén padecen os clientes que teñen que aturar colas durante horas e nomeadamente os traballadores/as. O persoal realiza cada día un maior número de horas extras que a empresa nega, non paga nin cotiza a Seguridade Social. A Dirección, non contenta con estes resultados, está implantando novos e agresivos sistemas de control, vixilancia e novos modelos de produción, sen ter en conta á representación sindical. Este sobre-esforzo e o acoso ao que estamos sometidos ten consecuencias: durante o primeiro trimestre deste ano abandonaron a empresa tantos e tantas traballadores e traballadoras como en todo o ano 2005. Segundo a propia Dirección durante o ano 2005 a produtividade por empregado/a incrementouse nun 20%; os traballadores/as de Caixa Galicia xestionamos 500.000 euros por riba da media do sector financeiro. Xa no 2006 medrou de novo nun 24%. Pero non contentos coa profesionalidade do persoal agora pretenden implantar unilateralmente unha reclasificación do persoal administrativo. Pero este incremento da produtividade non só se debe ao sobre-esforzo do cadro de persoal. Incumprindo os acordos asinados coa CIG, hoxe a empresa está utilizando bolseiros/as para realizar traballos directos. Son alumnos/as en prácticas das Universidades e FP que non cobran un salario nin cotizan á Seguridade Social. A presión comercial ten tamén repercusións sobre a Seguridade das Oficinas. Desgraciadamente estamos asistindo a un incremento dos atracos que, por outra banda, son cada vez máis agresivos. Malia as protestas da CIG, a Dirección está desmontando unilateralmente medidas protectoras (arcos de seguridade) por entender que son unha “molestia” para a clientela. A saúde e a integridade física e psíquica dos traballadores/as está por riba de consideracións comerciais. Os traballadores/as de Caixa Galicia temos hoxe un clima laboral moi deteriorado do que a Dirección está tirando unha grande rendibilidade comercial. É hora de traspasarlle o problema á empresa, o primeiro paso para solucionar o noso problema. O Consello de Administración debe recuperar as atribucións que ten cedido ao Comité de Alta Dirección e non se poden implantar medidas unilaterais que afectan gravemente a todo o cadro de persoal. Traballo DIGNO! |
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2006 |
||||||||||||
|