|
Actualidade CIG-Comunicación-
No caso de A Coruña, a concentración tivo lugar o día 6 de xuño, tras da Asemblea de delegados/as, diante da Subdelegación do Goberno, con consignas nas que se lembraba que “Con esta reforma laboral, máis precariedade” ou “CCOO e UGT vendéronos á patronal”. Canto á comarca de A Mariña, elixiuse a localidade de Burela para celebrar, o día 8 de xuño, tanto a asemblea de delegadas e delegados como a concentración. Neste caso contaron coa presenza do secretario xeral da CIG, Suso Seixo. No decurso da asemblea, alén de debater sobre as graves repercusións da reforma na clase traballadora galega, as e os asistentes solicitaron de Seixo que explicara polo miúdo como se desenvolveu o conflito do Metal, un tema que suscitou especial interese polo seu alcance na loita contra a precariedade laboral. En Cee e Carballo tamén se convocaron asembleas de delegadas e delegados o pasado día 7 de xuño. Curiosamente, no caso de Carballo apareceu a Garda Civil para pedir información sobre o lugar onde tería lugar a concentración, que non fora convocada porque non estaba previsto celebrala. Tanto as asembleas de delegados/as como as concentracións insírense dentro da campaña nacional deseñada polo Consello Confederal da CIG para manifestar o rexeitamento do sindicato á Reforma Laboral. Campaña que culminará coa convocatoria dunha manifestación nacional prevista para o próximo día 23 de xuño, con saída ás 11:30 horas da Alameda compostelá. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2006 |
|||||||||
|