|
Actualidade CIG-Comunicación-
Con este fin estanse repartindo miles de cartaces e panfletos. Esta primeira fase da campaña concluirá o vindeiro día 23 de xuño cunha manifestación nacional en Santiago de Compostela. Nas dúas cidades realizáronse primeiro senllas asembleas e posteriormente concentracións públicas fronte a organismos do Goberno central ou, en caso de non existir, da Xunta de Galiza, como no Ferrol.
En Vigo a asemblea fíxose no auditorio do Concello, e nela participaron uns 300 delegados e delegadas. A mesa estivo presidida polo secretario comarcal, Xerardo Abraldes, e a secretaria de organización, Placer Vila, que fixeron unha breve intervención sobre a reforma laboral. Definiron este pacto como unha fórmula fracasada, que abarata o despido, subvenciona máis unha vez á patronal, e non entra na raíz das razóns que motivan as altas taxas de temporalidade. Por último, realizouse unha concentración, durante media hora, fronte á Delegación Provincial de Traballo, exhibindo unha pancarta que dicía “Non á Reforma Laboral”. Facendo logo entrega no rexistro de entrada da Delegación dun escrito dirixido ao ministro de Traballo no que se rexeita a Reforma.
Na cidade de Ferrol tamén se fixo previamente unha asemblea de delegados e delegadas, á que asistiron 150 persoas, no salón de actos do local da Central sindical. Nesta xuntanza falaron o secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos, e o secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación, Manuel Mera. Ambos argumentaron sobre as consecuencias da nova reforma laboral, que rebaixa a indemnización por despido, non garante realmente a eliminación do encadeamento de contratos, aumenta as subvencións á patronal e rebaixa as cotizacións empresariais por desemprego e ao FOGASA. Analizaron que ademais esta reforma esta relacionada coa reforma fiscal feita fai uns meses, que se calcula fará perder ao Estado máis de nove mil millóns de euros, e a das pensións que se asinará dentro duns días e que será un novo recuar para os intereses da clase obreira. A concentración realizouse fronte ao edificio administrativo da Xunta na cidade departamental. Durante os 45 minutos que durou este último acto, coreáronse consignas contra a Reforma, as políticas laborais e sociais do Goberno central, e acusouse a CCOO e UGT de ser sindicatos do poder. |
|||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2006 |
|||||||||||||||
|