|
Actualidade CIG-Comunicación-
Alberte Amado, membro do Comité de Empresa e representante da CIG, explica que os traballadores/as destas empresas dedicadas a edicións informatizadas de revistas, guías, formularios... xa convocaran, hai un mes, outra folga e concentracións cos traballadores/as pola negativa a da empresa a entregar o calendario laboral. Amado afirma que “non se cumpre a lexislación en temas como descansos de turnos e temos un xeceso de xornada”. Malia estas condicións, os traballadores/as estaban dispostos a chegar a un acordo pactando unhas condicións. “Se queren flexibilidade”, sinala Amado, “aos traballadores/as teranos que supor algo”. A folga prevista para o día 30 de maio fora desconvocada. Catro días antes, o 26 de maio, houbo unha concentración que se convocou logo de que a empresa se saltara a dilixencia imposta pola Inspección de Traballo, que obrigaba a entregar o calendario laboral. Para evitar a celebración da folga, a empresa entregou o calendario e comprometeuse a seguir negociando. Porén, até hoxe a empresa non entregou ningunha proposta, nun intento de dilatar o tema e “semella como que se non os forzas non queren facer nada. Por iso convocamos estes dous días de folga”, di Alberte Amado quen engade que houbo unha xuntanza previa nun intento de desconvocar a folga, onde a empresa se comprometeu a valorar a proposta dos traballadores/as ou a presentar unha contraproposta. “Entendemos que se foran a aceptar xa o terían feito”. Os traballadores/as, 400 en total, dos que 270 son fixos/as, demandan que se contrate máis persoal e que as condicións dos contratados/as temporais, na súa maioría procedentes de ETTs, teñan condicións laborais dignas, xa que algúns traballan mesmo en fin de semana e teñen un salario inferior aos seus compañeiros/as indefinidos. A representación da CIG en Einsa Print SA é de 5 membros do Comité de Empresa dun total de sete e en Edicións Informatizadas SA é de 8 membros de 8. |
|||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2006 |
|||||||||||||
|