|
Actualidade / Artigo A revolución galega de abril de 1846 Manuel Mera-
Todo comezou o 2 de abril cando se pronunciou en Lugo o Segundo Batallón do Rexemento de Zamora, ao mando do comandante Miguel Solís Cueto, que estaba de paso para Valladolid. Días despois sumaríanse ao levantamento Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui. Mentres, as tropas con base na Coruña convertíanse no centro do apoio ao goberno. Contra o esperado, a insurrección non prendeu no resto do Estado, e colleu en Galiza un tinte reivindicativo provincialista (pre-nacionalista). No ano 1860 a poboación galega atinxía 1.799.224 habitantes, ou sexa, o 11,49% do total do Estado español. Este gran peso demográfico dáballe un gran valor estratéxico a todo o que acontecese no noso país. De todos os xeitos foise perdendo peso, xa que en 1787 Galiza representaba o 13,5% da poboación do Estado. Non había no país grandes centros urbanos; as maiores cidades eran Compostela e A Coruña, que superaban en pouco os vinte mil habitantes, Ferrol contaba algo máis de dez mil, Vigo uns seis mil, Ourense arredor de cinco mil e así o resto das cidades galegas. Ou sexa, era unha sociedade rural. Como xa se dixo, o levantamento principiou en Lugo, cando o segundo Batallón do Rexemento de Zamora (sobre mil homes), con base na Coruña, ía camiño de Valladolid, a onde estas tropas foran desprazadas. O día catro pronunciouse Compostela. O día 6 de abril chegan a esta cidade as tropas de Solís, ás que se sumou o provincial de Xixón, ficando en Lugo media compañía, carabineiros e ‘nacionais’, en total 600 homes para a súa defensa. Hai posteriormente un encontro coas forzas fieis ao goberno en Cacheiras, enviadas dende A Coruña, que remata nunha tregua de dous días. Parten forzas de Compostela para se sumaren ao pronunciamento á provincia de Pontevedra e Compostela é ocupada momentaneamente por Samper. Na provincia de Pontevedra o comandante da garda civil, Manuel Buceta, decide pola súa conta unirse ao levantamento; o día 9 subleva o batallón provincial de Segovia, e ao día seguinte acontece o propio coas tropas que teñen base en Vigo, baixo as ordes do brigadeiro Leoncio Rubín de Celis (o batallón de Oviedo e un destacamento de artillaría). Ese mesmo día incorporouse Tui, onde había dúas compañías do batallón do provincial de Segovia. A esta altura os rebeldes contaban con cinco batallóns de soldados de liña, ademais de numerosos garda civís, carabineiros, milicias “nacionais”, licenciados e dúas compañías de literarios e algo de cabalaría. Por volta dun pouco máis de cinco mil homes en armas, unha forza moi equivalente á que tiña o goberno na Coruña, Ferrol e Ourense(1), xa que estes sumaban en total sete batallóns, malia que dous deles eran de tipo defensivo ou que non se podían empregar en terra –artillaría e mariña-. O día 13 de abril parten tropas dende Compostela para se enfrontaren ás do goberno, que están acampadas en Sigüeiro ao mando de Puig Samper. As forzas de Solís son moi superiores. Despois de catro horas de batalla, con baixas por ambas as partes, os rebeldes deciden recuar a Compostela, ao entenderen que non lles sería posíbel pasar o río Tambre ese día. Samper mandou colocar dúas pezas de artillaría na ponte e tomar posicións nunha fábrica de curtidos. Pola súa banda, as forzas do goberno tamén retroceden baixo as ordes de Mac Crohon cara á Coruña, por demisión de Samper. Este foi o primeiro encontro armado. Sobre as baixas nesta batalla Samper, di no seu informe ao capitán xeneral Villaloga: “Creron os rebeldes fácil empresa, por traeren triples forzas, mais tenlles custado moi caro, pois perderon moita xente entre mortos e feridos”. E engade que nas súas tropas houbo dous mortos e dez feridos. Fixéronse Xuntas Revolucionarias en todas as cidades en que se fixeran pronunciamentos e o día 15 realizouse unha reunión en Compostela. A esta xuntanza non acudiu a de Lugo, sexa por estar daquela sitiada ou por desavinzas sobre onde se debía celebrar o encontro. Organizáronse ademais xuntas locais en moitas vilas, como Muros, Noia, Rianxo, Pobra, Vilagarcía, Cambados, Cangas, Padrón, Caldas, Tui, Redondela, Baiona e mais a Guarda, así como en diversos lugares da provincia de Lugo. Constituíase pois o día 15 de abril a Xunta Superior do Goberno de Galiza, sendo nomeado presidente Pío Rodríguez Terrazo e secretario Antolín Faraldo. O resto dos membros son Xosé María Santos, por Pontevedra, e Ramón Buch, por Vigo. Ademais dos anteriores, asistiron á xuntanza en representación do exército Miguel Solís Cuetos e Leoncio Rubín de Celis. Estes dous militares foron nomeados mariscais de campo, como un xeito de resolver a rivalidade no mando, xa que Rubín tiña unha graduación maior que Solís, e este iniciou e dirixiu o levantamento. Antolín Faraldo, secretario da Xunta Superior, destacara nos anos previos pola súa defensa dos intereses de Galiza en xornais como La Situación de Galicia, El Idólatra de Galicia, El Recreo Compostelano, El Porvenir... E tamén pola súa participación na Asemblea Federal de Lugo no ano 1843 “para tratar da reorganización de Galiza, dado o resultado da revolución iniciada daquela contra Mendizábal. Un dos asistentes, Antolín Faraldo, propuxo que se discutira se Galiza debía ser independente, proposta rexeitada por só un voto de diferenza”(2). Sobre Faraldo, di Murguía no seu libro Los Precursores: “Adiantábase dez anos ao Reino social cristián. Quen será capaz de dicir nin explicar o que se debe, en todos os artigos por el publicados en 1841, xa no Idólatra de Galicia, xa despois no Recreo Compostelano, a mestura de sentimentos relixiosos e de involuntarias aspiracións revolucionarias, nin ben acusadas, nin podo que se pode sospeitar ben comprendidas?... Había un conflito entre as súas crenzas e as súas convicións, entre o que lle dicía o corazón e o que era froito do íntimo convencemento (...) Coñecía o por que se debía intentar a obra de rehabilitación do país galego, que iniciaba, e o como podía facerse... (...) Ao entender do loitador brigantino, as xentes galegas teñen as virtudes dun pobo libre, relixioso e cabaleiresco. Era un apaixonado celtista, procuraba o alento dos vencellos espirituais coas Gralias e a Britonia (...) sentía arredor de si a realidade dunha Galiza indiferente, introvertida. Pero, en todo caso, Galiza para el non podía esmorecer”(3). Entre outras decisións a Xunta Superior na reunión do día 15 de abril acordou publicar o periódico Revolución. Saíu o primeiro exemplar o 17 de abril, e nel afírmase: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte, vaise levantar desta humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza (...) galegos contando co voso apoio logrará –a Xunta- que a nosa provincia sexa temida e respectada”. Unha boa parte do texto está adicado a xustificar o levantamento progresista contra o Goberno, oporse ao sistema tributario e exixir unhas Cortes Constituíntes.
Decidíronse ademais medidas de tipo militar:
Ademais acordouse que servisen como forzas defensivas da cidade os 100 homes das “milicias nacionais” e os 150 voluntarios. Parte deles foron enviados como destacamentos aos barrios dos arredores da cidade. Estas medidas amosan que a insurrección non tiña un carácter estritamente militar, e que os problemas económicos e sociais foron tratados dende o primeiro intre. O feito de que todas as medidas se tomasen en relación con Galiza demostra a importancia que tiña para os revolucionarios darlle un contido de país, ou provincialista, recuperando de feito a unidade administrativa perdida coa reforma centralista de 1833. Decididos a tomar o resto das cidades da nación os insurrectos crean dúas divisións, unha ao mando de Miguel Solís que se dirixe á Coruña e Ferrol, e outra comandada por Rubín de Celis, co obxectivo de ocupar Ourense. A división de Solís, á que se lle chamou “Exército libertador de Galiza”, compúñase do segundo batallón de Zamora, e os batallóns provinciais de Segovia e Xixón, unha compañía de gardas civís, cento vinte carabineiros, vinte de cabalaría do escuadrón Villaviciosa e dúas pezas de artillaría. Arredor dun 2.500 homes, nun cálculo aproximado. O día 15 de abril inician a andaina cara á Coruña. A medida que avanzan, recúan as tropas de Mac Crohon. As avanzadas de Solís chegan a Monelos o día 16, mais vendo que non había ningún movemento na cidade favorábel aos sublevados este decidiu dirixirse a Ferrol, pasando esa noite en Betanzos. Sabedor de que o batallón provincial de Málaga, que estivera sitiando Lugo se dirixía a Ferrol, enviou tropas ao mando de Manuel Buceta para detelo. Estas forzas non chegarían a tempo e só puideron capturar a 108 soldados da retagarda á altura da Ponte do Porco. En Betanzos recibiu Solís unha comisión de persoas “distinguidas” de Ferrol que lle comunicaron que entre o día 18 e 19 de abril habería un pronunciamento na cidade, polo que decidiu achegarse con todas as tropas ao seu mando. Estivo fronte á cidade practicamente todo o día 19 sen que houbese ningún movemento a prol dos sublevados(4), polo que decidiu voltar a Compostela dado de que tiña información de que tropas do Goberno ían cara a Ourense coa intención de se dirixir posteriormente a Pontevedra e Compostela, enviando a Lugo 160 infantes e as dúas pezas de artillaría que tiña.
Cando unha avanzada da segunda División se achegou para exixir que se sumasen á revolución, foi recibida cunha descarga de fusilaría. Comezou a troca de disparos. Non se intentou forzar a ponte nin atravesar o río nalgunha das barcazas que estaban gardadas só por dez ou doce carabineiros. Ás oito da tarde Rubín decidiu que as forzas recuasen e iniciou esa mesma noite a marcha cara a Ribadavia. Deste xeito fracasaba o intento de toma da cidade de Ourense por parte da segunda División. Moito se ten escrito sobre os motivos polos que actuou deste xeito Rubín de Celis, desde os que pensan que xa tiña un pacto co Goberno, ata o temor de que as súas tropas se visen atrapadas entre dous fogos, xa que as forzas ao mando de Concha estaban a sete leguas, en Monforte, aínda que este só contaba a esa altura con dez compañías e soldados de cabalaría pois que o resto da tropa non chegara. En Ribadavia reunido o consello todos opinaron que se debía resistir nesta vila, malia o cal Rubín de Celis manifestou que decidira marcharse a Ponteareas. A esta altura unha parte dos oficiais xa desconfiaban del. O segundo no mando Sebastián Arias tampouco estaba de acordo coas decisións de Rubín. As tropas da segunda División estaban formadas polo provincial de Zamora e Oviedo, un batallón de milicia nacional e licenciados, así como carabineiros. Sobre uns 2.500 homes, que pasaron os días seguintes facendo marchas e contramarchas, fortificacións aquí e acolá, sen un obxectivo claro, perdendo o tempo. O día 23 de abril foi decisivo, pois as tropas de Solís que voltaran a Compostela días antes -e decidiran repregarse sobre Pontevedra- entraron en contacto en Cacheiras coas enviadas polo goberno ás ordes do xeneral Gutiérrez de la Concha. As forzas revolucionarias estaban compostas polo segundo batallón de Zamora, o batallón provincial de Segovia, e o de Xixón, algúns carabineiros, garda civís, parte do escuadrón Villaviciosa, nacionais e licenciados. Sobre uns dous mil cincocentos homes-, sen artillaría e dúas compañías que foran enviadas a Lugo. Os licenciados estaban ao mando de Vicente Cobián, e as milicias nacionais de Pedro Fernández Taboada. Nacionais e licenciados sumaban 250 homes. As tropas ás que se enfrontaba Solís en Cacheiras eran as comandadas polo coronel Chinchilla. Conformábanas o terceiro batallón do rexemento América, o terceiro batallón do rexemento da Raíña, o provincial de Mondoñedo, uns 150 homes a cabalo do rexemento da Raíña e catro pezas de montaña. As forzas en número eran moi semellantes, aínda que a cabalaría e a artillaría daban un peso especial ás forzas de Concha. “A batalla decidiuna o certeiro fogo de artillaría de Concha, apoiada polas cargas da súa cabalaría, frustraron todo intento de avanzo dos soldados de Solís (...) coa súa artillaría bateu Concha as posicións ocupadas polo comandante Víctor Velasco”(5). Sobre a dureza da batalla, di Juan Do Porto no seu libro: “baténdose en diferentes frontes a queimarroupa, e cun valor insuperábel, disputaba o terreo palmo a palmo” –refírese ao Segundo batallón de Zamora-.
Neses momentos ao xeneral Concha incorporóuselle a columna dirixida polo brigadeiro Rodríguez Soler, que estaba composta polo terceiro batallón América, o provincial de Guadalaxara, un batallón da Raíña (menos catro compañías), 200 cabalos do rexemento do mesmo nome e dúas pezas de montaña. Cada batallón estaba integrado por uns 700 homes aproximadamente (algún completo ata por mil homes). As tropas do goberno co apoio da columna de refresco ao mando de Soler decidiron atacar os sublevados. A esta altura os efectivos do xeneral Concha eran sobre uns 5.000 homes, numerosa cabalaría e artillaría. O avanzo comezou ás dúas do serán e fíxose en tres columnas. A primeira invadiría a cidade pola esquerda, atravesando o camiño real de Padrón a Compostela; a segunda ía entrar pola estrada de Lugo; e a terceira, polo centro, polas rúas de Hórreo e Sar. A batalla foi cruenta, dura, corpo a corpo. “Un pelotón de soldados, mandados por un sarxento defende, sen máis baluartes que os seus corpos, a ponte da Rocha, estrando o pavimento de cadáveres inimigos, e non abandonando o seu posto, hostilizado polo batallón América, ata que se remataron as municións”. Conseguidas máis, seguen combatendo, e “en dúas horas longas deron conta de 500 homes (...) Víctor Velasco mandando outro pelotón, entrou á baioneta entre as fileiras dos contrarios, chegando case que arrincarlles a bandeira”(6). A medida que se van rematando as municións fóronse retirando cara ao centro da cidade, concretamente cara ao mosteiro de San Martiño Pinario. Manuel Buceta non está de acordo con esta decisión porque coida que é unha trampa, e considera que é máis oportuno retirarse cara ao monte Pedroso e dende alí camiño de Pontevedra. Solís non quere xa que di que “a súa vida pertence á patria e hoxe salvámola aquí ou perecemos todos por ela”. “As rúas estradas de cadáveres, as pedras zumegando sangue, as paredes cribadas a balazos! E o horrendo estourido do canón, os berros dos combatentes e o galopar dos cabalos levaban espanto e terror ao seo das familias”(7). O xeneral Concha manda tomar os últimos postos dos revolucionarios, que son o pazo arcebispal e as casas da Acibecharía. A defensa é teimosa, polo que custa numerosas baixas ás forzas invasoras. No pazo Arcebispal a defensa estaba dirixida polo comandante Velasco que se retira cara a San Martiño Pinario cando fica sen municións. No convento segue a defensa, ata que quedan sen municións, polo que Solís fai unha reunión de oficiais na que se decidiu non se render. Dende fóra os sitiadores instaban os soldados a rendérense que nada lles ía acontecer. Vendo a situación Solís reuniu os sarxentos que lle dixeron que eles xa cumpriran co seu deber, que non tiñan ningún medio para resistir ao inimigo, polo que desexaban iniciar as conversas para a capitulación. As negociacións contaron coa intervención do arcebispo. Concha non aceptou máis que a rendición incondicional, só ofereceu consideración á tropa, e dixo que se non se entregaban en cinco minutos serían todos pasados a coitelo. Manuel Buceta e outros oficiais pedíronlle a Solís que fuxise con eles, mais non quixo. Ás sete da tarde entregaron as armas 1.400 soldados da Primeira División e os xefes e oficiais que os mandaban, menos sete que ficaron agochados dentro do mosteiro, e outros 400 que non entraran nel, que se dirixiron a Vigo onde esperaban unirse ás forzas de Rubín. Os soldados foron incorporados aos batallóns do goberno e os xefes e oficiais arrestados. O día 25 foron trasladados a Coruña uns 56 prisioneiros, xefes e oficiais, “amarrados cóbado con cóbado e a pé”, escoltados por catro compañías do provincial de Mondoñedo e algunha cabalaría ás ordes do coronel Cachafeiro. Ao chegar a Carral instalouse unha Comisión Militar, nomeada polo xeneral Villalonga, no mesón-taberna existente no lugar coa finalidade de xulgar e executar os prisioneiros “dúas horas despois de notificada a sentenza”, segundo a orde. Villalonga nun primeiro intre quería axustizar a todos os xefes e oficiais, mais diante das protestas, decidiu facelo só cos capitáns ou de maior graduación. O día 26 compareceron diante da Comisión Militar os prisioneiros, onde abondou con que recoñecesen participar no levantamento para ditar sentenza, sen que se admitise ningún tipo de defensa. O día 26 foron fusilados contra os muros da igrexa de Santo Estevo de Paleo, o que fora xeneral do “Exército Libertador de Galiza” Miguel Solís, o comandante Visor Velasco, e os capitáns: Manuel Ferrer, Jacinto Daban, La Infanta, Fermín Mariné, Lloréns, Sánchez, Márquez, Martínez e Valero. O 4 de abril foi fusilado en Betanzos o sarxento Antonio Samitier.
Pola súa banda, a segunda División, ao mando de Rubín de Celis, a esta altura estaba totalmente desfeita. Os 2.500 homes que a integraban estaban ciscados pola provincia de Pontevedra. A columna central, de 1.500 homes atopábase o día 25 en Soutelo de Montes dirixíndose á Estrada e despois practicamente sen acougo a Cuntis, e de aquí a San Xurxo de Sacos, onde xunto co seu axudante e un guía Rubín abandonou a tropa. O día 26 embarcaba en Vigo cara ao exilio. Sebastián Arias, que ficou á fronte das poucas tropas que lle seguían despois das marchas e contramarchas de Rubín, e dada a situación, indicoulles que se ía exiliar en Portugal. Serían 28 oficiais, 8 sarxentos e 76 soldados os que o seguiron.
Estes barcos serían os que utilizarían tanto Rubín, como unha boa parte dos membros das xuntas revolucionarias para se poñeren a salvo da represión dos “moderados”. Despois en Portugal moitos deles serían internados en Peniche, onde o trato non foi moi bo. A represión non se fixo esperar. Eran tantos os presos militares que algúns cuarteis convertéronse en prisións. En Ferrol houbo que deixar libres o día 5 de maio a algúns delincuentes para facer lugar aos militares vencidos e detidos, que eran máis de 2.000. Tamén foron moitos os civís que sufriron cárcere, sobre todo na provincia de Pontevedra e nas vilas da ría de Noia e Vilagarcía. Tettamancy di no seu libro sobre o levantamento: “O 5 de maio en Compostela –os detidos- foron despoxados publicamente de toda roupa militar e fíxoselles pasar en camisa pola cidade para encerralos despois na casa cuartel de Santa Isabel”. As expatriacións comezaron coa saída do bergantín goleta Ebro escoltado ao San Pablo no que ían 103 prisioneiros(8). E pola súa banda o historiador, e deputado por Izquierda Republicana, Emilio González López, di que a dureza da represión causou graves danos físicos e morais ao noso pobo; e deu lugar a unha enxurrada de exiliados, especialmente a Portugal, só comparábel á que provocou a intervención en Galiza na época dos Trastamara no século XIV, a de Fernando IV e a dos Reis Católicos. É verdade que o levantamento ficou illado axiña, malia que puido durar máis e mesmo complicarse para as forzas do goberno. Aínda así tivo a súa importancia militar e debeu preocupar dabondo a Madrid cando terminou enviando un exército de operacións composto por máis de 13 batallóns (uns oito ou nove mil homes), que foron chegando a Galiza ata o día 25 de abril. Non podemos ignorar ademais que boa parte dos xefes e oficiais non eran galegos, así como case que todos os fusilados en Carral. Non así da tropa, tal como se pode comprobar na relación que Tettamancy fai no seu libro de militares e civís aos que se outorgou a Cruz do Valor e Constancia, e Beneméritos da Patria e San Fernando, que foron centos, a maioría galegos, algúns menos asturianos e outra cantidade menor de distintos lugares do Estado. Na batalla de Cacheiras e Compostela as forzas enfrontadas foron numerosas. Primeiro en Cacheiras sobre con máis de dous mil cincocentos homes de cada parte, e despois en Compostela o dobre de efectivos por parte do Goberno que dos sublevados. En total, máis de sete mil persoas combatendo na cidade. Que o número de baixas foi grande, fica claro cando Juan Do Porto afirma que só entre as tropas do goberno que entraban pola estrada de Padrón os revolucionarios causaron cincocentas baixas. Tamén a dureza posterior da represión indica que correu moito sangue. Tettamancy no seu libro (un verdadeiro e completo estudo do tema) di sobre a batalla en Cacheiras que houbo sobre 60 mortos e 180 feridos por ambas as partes, aínda que foron máis as do goberno(9). Sobre o total de mortos e feridos durante toda a batalla dá a cifra de cincocentos(10). Dise, con razón, que non houbo incorporación de masas, e que non se contou coa ‘milicia nacional’. Sendo certo, non se pode descoñecer que en Tui se incorporaron uns 400 milicianos e máis do dobre se sumamos Vigo e Pontevedra. Aínda que en Compostela a cifra foi menor, mais tamén se destaca que faltaba armamento e que, por exemplo, só se puido formar unha compañía de literarios. Sobre a insurrección Fernández del Riego, no seu libro Antolín Faraldo, o gran soñador, fai a seguinte valoración: “Sen dúbida, os acontecementos de 1846 comezaron cun pronunciamento militar, pero tras del empezou axiña a se configurar a presenza dunha gran coalición civil de carácter galego, progresista, que o forneceu do seu selo cara ao futuro”. A Revolución de 1846, como o Banquete de Conxo posteriormente, foron un símbolo para o rexurdir de Galiza no século XIX. Ademais, ten unha enorme importancia que aquelas figuras senlleiras de Galiza que viviron os feitos ou coñeceron os actores -como Murguía- sexan os que lles deron dende moi cedo un valor sobranceiro. Non se pode esquecer que os participantes nesta insurrección foron recoñecidos posteriormente pola Lei do 12 de decembro de 1855 asinada por Isabel II “Reina de las Españas” como “Beneméritos de la Patria” aos fusilados en Carral e Betanzos, e aos xefes dos diferentes corpos que participaron na acción o día 23 de abril e aos individuos das Xuntas que os acompañaron ate ese día. Engade que as cinzas destes militares se colocarán con honras nun momumento ergueito a tal fin. O monumento inaugurouse o 22 de maio de 1904; a iniciativa foi de “La Liga Gallega” e iniciárase cinco anos antes. Sobre esta homenaxe dixo Curros Enríquez: “Gloria aos fillos da miña Patria que sentiron indignación ante o esquecemento criminal no que xacía a memoria dos Mártires da liberdade galega, e souberon honralos erguendo este Monumento”. A revolución de 1846, progresista cun tinte prenacionalista, foi no fundamental unha batalla entre militares cunha participación cativa de milicianos (que non se pode ignorar que xogaron xunto a carabineiros e garda civil un papel máis importante nos combates nas rúas de Compostela), espertou consciencias e animou a toda unha xeración que estaba xermolando, como Murguía, Rosalía, Aguirre ou Pondal. Ese será o seu grande triunfo, o de deixar semente. Foi a revolución á que se sumaron aqueles que amaban a Galiza, tanto como para reclamar que fose temida e respectada. Dúas verbas que din moito, así como considerar a esta nación colonia da Corte española. Pedían xustiza sabedores de que esta exixencia só tiña valor co fusil na man. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Bibliografía: La Revolución Gallega de 1846, F. Tettamancy, Imprenta Regional de Carré (1908). Los Mártires de Carral, F. Tettamancy Gaston, Imprenta fotogravado de Ferrer (1912). Episodios Gallegos, Manuel Casás Fernández, Ediciones Galicia (1953). “Pronunciamento de 1846 e rexionalismo galego”, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Grial nº50, 1975. Historia de Galicia –idade contemporánea-, X.R. Barreiro Fernández, Galaxia, 1981. Pensamento galeguista do século XIX, Francisco Fernández del Riego, Galaxia, 1983. “Antolín Faraldo”, Baldomero Cores Trasmonte, Gran Enciclopedia Gallega, 1984. De Espartero a la Revolución Gallega de 1846: la buena y mala fortuna del progresismo gallego, Emilio González López, Edicións do Castro, 1985. Estructura Económica Regional de España en la Historia, Situación, Banco Bilbao, 1986. A Revolución de 1846, Juan Do Porto, Cooperativa Editores Galegos, 1993 (orixinal de 1846). O nacemento do galeguismo (1840-46) –O nacionalismo galego-, Justo G. Beramendi, A Nosa Terra (1995). Agitacións campesinas na Galiza do século XIX, Carlos E. Velasco Souto, Edicións Laiovento (1995). Historia Xeral de Galicia, varios, A Nosa Terra (1997). Antolín Faraldo, o gran soñador, Francisco Fernández del Riego, Edicións Xerais (1998). Los Precursores, Manuel Murguía, La Voz de Galicia (2004). |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Notas: (1) Na Coruña, dous batallóns do rexemento Zamora e un de artillaría, en Ferrol o provincial da Coruña e outro máis, e en Ourense os provinciais de Mondoñedo e Guadalaxara. (2) “Asemblea Federal de Lugo”, Gran Enciclopedia Gallega, tomo 2, páxina 240. (3) Antolín Faraldo, o gran soñador, Fernández del Riego, Edicións Xerais. (4) Non se debe esquecer que Ferrol tiña tradición progresista. (5) “La Batalla de Cacheiras...”, Emilio Gonzalez López en De Espartero a la revolución gallega... (6) A Revolución de 1846, Juan Do Porto. (7) A Revolución de 1846, Juan Do Porto. (8) Tettamancy. (9) Tettamancy, La Revolución Gallega de 1846, páxina 268. (10) Tettamancy, La Revolución Gallega de 1846, páxina 293. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/06/2006 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|