|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
Consuelo Martínez: O convenio colectivo dos traballadores e traballadoras de Povisa empezou a negociarse o día 9 de marzo. A Mesa Negociadora pola parte social está composta por 5 membros da CIG, 2 de CCOO, 2 da UGT, 2 do SGPS e 1 de O'MEGA. Convén aclarar que todas as seccións sindicais con representación no Comité de Empresa uníronse en contra da CIG, tanto no traballo sindical diario na empresa como durante a negociación do Convenio Colectivo. O boicot do resto das seccións sindicais cara a CIG levou á Sección Sindical a unha difícil situación. Houbo que defender as nosas teses e propostas coa oposición frontal do resto do Comité de Empresa. Así, podemos pór como exemplo que o resto do Comité se negou a recoller no Anteproxecto do Convenio Colectivo temas tan importantes como Políticas contra a Violencia de Xénero, Xubilación Parcial, Medidas en Saúde Laboral, etc. Paula Castro: Iniciadas as negociacións, xurde un debate social sobre o Novo Hospital Público para a comarca de Vigo e o Concerto de Povisa, cal foi a posición da CIG ao respecto? Consuelo Martínez: Por parte da sección sindical da CIG inténtase non entrar no debate político sobre o Novo Hospital e o Concerto de Povisa, pero a Dirección, co apoio de gran parte do colectivo médico, asina unha carta que pasan por todos os servizos para recoller sinaturas dos traballadores e traballadoras, defendendo o Concerto que ten Povisa co Sergas. Ante esta situación e mentres o resto do Comité de Empresa solicita unha reunión coa Consellería de Sanidade a petición da Dirección, a CIG convoca unha asemblea de traballadores/as e reparte entre os mesmos un manifesto a favor da sanidade pública e a defensa dos postos de traballo de todos os traballadores e traballadoras de Povisa. Esta posición da CIG foi moi ben acollida entre os traballadores/as. Mentres a negociación do Convenio permanece estancada, polo que se aproba en Asemblea un peche do Comité de Empresa co apoio dos traballadores/as nas consultas de Privados. O segundo día do peche, CCOO, UGT e SGPS, unilateralmente e sen consultar coa Asemblea, deciden abandonar o peche. Paula Castro: En que situación está agora o proceso de negociación? Consuelo Martínez: Ao ser a CIG a única sección sindical cunha posición tomada fronte ao Concerto, a Dirección intenta vincular o Concerto co Sergas, o Novo Hospital de Vigo e o Convenio, ante unha maioría do comité de empresa que non responde á provocación. A empresa péchase nunha oferta de convenio que non responde ás expectativas dos traballadores/as, xa que se reduce a un cativo incremento salarial do IPC previsto máis 1 punto e pouco máis. A Asemblea de traballadores/as rexeita a oferta da empresa e esta, sentíndose forte fronte a un Comité que non responde, ameaza cunha regulación de emprego e aplicación do Convenio Provincial de Pontevedra se o Sergas cambia o Concerto co Hospital. Só a CIG responde á Dirección e non acepta a chantaxe. A Dirección segue a presionar e négase a seguir negociando o Convenio mentres non sexa aprobado o Plano Funcional para a Área Sanitaria de Vigo. A Asemblea de traballadores/as aproba retomar as mobilizacións convocándose concentracións na recepción do Hospital todos os días durante o tempo de bocadillo. Paula Castro: Por que se decide convocar Folga indefinida? Consuelo Martínez: A proposta da CIG preséntase denuncia ante a Inspección de Traballo, que actúa e obriga á empresa a retomar as negociacións, aínda que xa na primeira reunión afirma que asiste á reunión da Mesa Negociadora obrigada e que non vai variar a súa proposta. Ante esta situación, a Asemblea aproba practicamente por unanimidade convocar Folga indefinida, que dará comezo o día 27 de xuño. Mentres tanto, todos os días hai mobilizacións ás 15:00 horas, tanto internas dentro do hospital (manifestacións silenciosas, reparto de información sobre o conflito aos pacientes, concentracións na planta de dirección, etc), como externas (concentracións na entrada principal, manifestacións, etc), contando todas elas cunha gran participación de traballadores e traballadoras do Hospital. A táboa reivindicativa para a convocatoria de folga foi aprobada na Asemblea de traballadores e traballadoras onde, a proposta da CIG e coa oposición das outras centrais sindicais, aprobouse incluír un novo artigo para o Convenio Colectivo que regula e garante a estabilidade no emprego. Mentres tanto, a Dirección de Povisa chega a un acordo co Sergas, nunha negociación da que tamén son parte CIG, CCOO, UGT e a CEP, estando acordado a sinatura do Acordo Básico pola Saúde na Área Sanitaria de Vigo para o día 26 de xuño. Polo tanto, á Dirección de Povisa xa lle rematou o conto de “aí ven o lobo”, porén na reunión celebrada coa Dirección o día 20 de xuño, esta mantén a mesma actitude ante a negociación do Convenio, polo que a Folga parece segura. |
|||||||||||||||
|
|||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/06/2006 |
|||||||||||||||
|