Actualidade / EntrevistaVolver a Actualidade


Santiago, 26 de xuño de 2006

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino:
“O profesorado interino e substituto é o traballador en precario do ensino”

 

Paula Castro-

comunicacion@galizacig.net


  Anxo Louzao, clic para aumentar
Anxo Louzao: “A Consellaría de Educación, dirixida polo PSOE, ven a evidenciar que os feitos son totalmente contrarios ao que se predica: o tan cacarexado diálogo e negociación. Estámonos atopando cun PSOE que usa os mesmos métodos, propostas e formas que o PP no seu día. Estamos a falar dun tema no cal ou hai mudanzas importantes e cambios radicais ou é a mesma política que a que usou durante 16 anos o PP. Agardemos que realmente se asuma e se teña a mesma sensibilidade, senón sería unha fraude ao colectivo xa que tiña esperanzas de que o novo goberno lle dera unha solución satisfactoria a isto”. (Foto: ©galizacig.com).
 
Paula Castro: Cal é a situación na que se atopa o profesorado interino e substituto?

Anxo Louzao: O profesorado interino é o que non accedeu á función pública a través da oposición, contratado temporalmente e sen os mesmos dereitos nin laborais nin retributivos que o profesorado funcionario de carreira. Non teñen dereito a trienios -pluses de antigüidade- nin sexenios, que é unha cantidade que depende dos anos de docencia, que si cobra o profesorado de carreira. Teñen que impartir ademais da súa materia outras afíns que non son da súa especialidade, teñen que compartir centro... O substituto é chamado con 24 horas para facer unha substitución e se é interino no momento no que se produce unha interinidade, ou sexa unha vacante, sen ter ningún tipo de compromiso nin saber se vai traballar para o curso que vén. Está, de algunha maneira, formando parte dunha bolsa que está a disposición da administración educativa, segundo as necesidades do propio sistema e non segundo as necesidades do traballador. Nese sentido, o profesorado interino e substituto é o traballador en precario do ensino.

Paula Castro: Hai interinos que levan anos nesa situación. Como funciona o sistema?

Anxo Louzao: Hai especialidades nas que hai moitos anos que non se convoca oposición. E hai interinos que acumulan 20 anos de servizo, 15 ou 10 e outros que teñen meses. O sistema de acceso ás listas en educación, sempre foi un sistema público que variou no ano 1995, pero segue sendo un sistema que reúne os requisitos de publicidade, mérito e capacidade. O que foi unha conquista no tempo, que perdurou sempre no sistema educativo, foi que se priorizara a aqueles que teñen máis servizos, máis tempo traballado.

Paula Castro: En que aspectos centra CIG-Ensino as súas reivindicacións?

Anxo Louzao: O que pretendemos non é buscar un acceso pola porta de atrás. Sabemos que o acceso dos funcionarios é a través dunha oposición pero temos que compaxinar os dereitos que debe ter calquera traballador a ter un posto de traballo minimamente estábel con ese acceso. Por iso nos mobilizamos, para conseguir que se garanta un mínimo de estabilidade.

Paula Castro: Como se podería garantir esa maior estabilidade para este colectivo?

Anxo Louzao: Habería que diferenciar dous grupos. Por unha banda, habería que garantir unha estabilidade durante o período transitorio de aplicación da LOE, que vai até o 2011, na medida que vai ter un sistema tamén transitorio de acceso, único para todo o profesorado, estea ou non en activo, sexa ou non interino. Pretendemos que durante ese período transitorio haxa unha garantía de estabilidade para quen teña un tempo de servizo. Consideramos que esa cuestión, a do tempo de servizo, é negociábel. Podíamos partir de catro ou cinco anos ou ben os que neste momento foran cumprindo cinco anos. Por outra banda, habería que contemplar a posibilidade de dar unha garantía definitiva a outro grupo de profesorado interino que leva moitos anos traballando, moitos deles cunha idade avanzada. Serían disposicións excepcionais, pero entendemos que é a única forma posíbel de que a figura de interino fose moi minoritaria.

Paula Castro: Supón un problema que non se convoquen prazas?

Anxo Louzao: É un problema de que non se convoquen prazas en certas materias, pero aí tamén queremos que a oferta de emprego estea negociada para que non se poña en perigo a situación do profesorado interino. Hai que combinar ambas cousas. Iso non evita que haxa oferta de emprego e que nalgúns casos sexa unha oferta de emprego ampla: as prazas que se crean por xubilacións, as de nova creación e tamén unha porcentaxe das que hoxe están ocupadas por interinos, na medida en que hai profesorado interino e substituto que aproba as oposicións. Unha organización de clase como a nosa parte de que baixo ningún concepto pode dicir que a un profesor que leva traballado ‘x’ anos non se lle recoñeza o seu traballo.

Paula Castro: Canto as mobilizacións, houbo algún intento de chegar a un acordo previo coa Consellaría de Educación?

Anxo Louzao: Tiñamos un compromiso da conselleira que mesmo plasmou publicamente nunha comparecencia no Parlamento, nunha entrevista que tivo con nós, e que xa levaba o PSOE no seu programa de goberno -que é quen ten a responsabilidade da Consellaría de Educación- de negociar todo o que ten que ver coas condicións laborais e a estabilidade do profesorado interino. Malia iso, as negociacións comezaron de forma conflitiva, porque tivemos que mobilizarnos para que a administración cumprira co acordado: o inicio das negociacións. Ademais, o comezo das propias negociacións tamén foi conflitivo porque na primeira mesa a Consellaría non traía ningunha proposta relacionada, nin coa estabilidade, nin coas melloras retributivas para o profesorado interino e substituto. E nas retributivas o único que se contemplaba era que o profesorado substituto que traballara máis de 5 meses e medio cobraría os meses de verán agás a parte proporcional das vacacións.

Paula Castro: As mobilizacións deron resultado?

Anxo Louzao: Fomos capaces grazas á mobilización de que a administración trouxera unha proposta cun apartado de estabilidade, pero insuficiente, na medida en que só recollía un compromiso para o profesorado de máis de 50 anos e 15 anos de servizo. Unha proposta que beneficiaba a un número mínimo de traballadores e traballadoras e que apenas supoñía avances xa que se trata dun colectivo que, tal e como son as listas, ten moitas posibilidades de continuar traballando porque son os primeiros, ao teren máis anos de servizo.

Paula Castro: As mobilizacións endurecéronse e mesmo se levou a cabo un peche.

Anxo Louzao: Esta situación levounos a convocar infinidade de concentracións e de todo tipo de mobilizacións, de iniciar un peche o día 29 de maio que rematamos o día 21 de xuño. 23 días de peche permanente e indefinido, máis de 552 horas nas que se turnou o profesorado para reclamar un acordo sobre estabilidade. Máis de 2.000 profesores pasaron polo peche estes días.

Paula Castro: Por que non se chegou a ningún acordo?

Anxo Louzao: É inaceptábel e incomprensíbel e mesmo xa un acto de prepotencia que a Consellaría, chegado un momento, decidira retirar esa proposta que nós considerabamos insuficiente. Iso foi provocado polo posicionamento de CCOO, basicamente. Desde esa central sindical sempre defenderon que baixo ningún concepto se tratara, non só o tema da estabilidade senón tamén todo o que ten que ver cos interinos. A conclusión é que a Consellaría fai unha proposta inicial sen que apareza a estabilidade. Posteriormente, pola nosa insistencia e polas mobilizacións que se estaban dando presenta unha proposta que presenta un aspecto do tema da inestabilidade totalmente insuficiente. As outras organizacións sindicais lideradas por CCOO din que non están dispostas a asinar nada que fale de estabilidade, cando menos para certos colectivos e a Consellaría, valéndose desa excusa, di que o mellor é adendar o acordo do 95. Nós dixemos que iso era unha tomadura de pelo e unha fraude na negociación e que non estabamos dispostos a aceptalo. É como se estás negociando un convenio e o punto fundamental é a suba retributiva e a parte patronal di, como non hai acordo, que se elimina a parte retributiva, firmamos o outro e esquecémonos. A UGT posteriormente dixo que non o asinaría e para CIG-Ensino foi un pocedemento inexplicábel da administración. Por iso, non damos, nin moito menos, por pechadas as mobilizacións.

Paula Castro: Cal é a situación actual?

Anxo Louzao: Nin a UGT nin nós imos asinar ningún tipo de acordo desas características. Polo tanto, seriamos unha ampla maioría, sobre o 67% da representación sindical que non estariamos dispostos a avalar a posición da administración educativa. A próxima mesa está convocada para o día 27 de xuño. A nosa exixencia vai ser que, baixo ningún concepto se asine, nin se adende, nin se formule nada sobre ese tema, partindo de que o proceso de negociación está aínda aberto até o 31 de xuño. E se non se chega a un acordo trasladaremos a negociación para principios de setembro porque non estamos dispostos a aceptar que se peche en falso e agardamos que non haxa ningunha organización sindical que actúe de costas aos traballadores. Hai que sinalar que o profesorado acordou en asemblea que non se asumira ningún tipo de proposta destas características, porque sería facerlle o xogo a propia Consellaría de Educación.

Paula Castro: Finalmente levantouse o peche.

Anxo Louzao: Aínda que continúan as mobilizacións rematamos co peche como consecuencia de que se inician as probas selectivas para acceder á carreira docente e o profesorado vai ir a elas. Para o día 27 de xuño, coincidindo coa Mesa de negociación e contando coa xente que sexa posíbel, porque tamén hai probas de oposición, está convocada unha concentración. Se somos incapaces de conseguir que avancen as negociacións no que queda de mes xuntarémonos para fixar un calendario de mobilizacións para o mes de setembro.

Paula Castro: Como valoran que unha Consellaría do novo goberno sexa reticente a negociar un aspecto fundamental como é a estabilidade laboral?

Anxo Louzao: A Consellaría de Educación, dirixida polo PSOE, ven a evidenciar que os feitos son totalmente contrarios ao que se predica: o tan cacarexado diálogo e negociación. Estámonos atopando cun PSOE que usa os mesmos métodos, propostas e formas que o PP no seu día. Estamos a falar dun tema no cal ou hai mudanzas importantes e cambios radicais ou é a mesma política que a que usou durante 16 anos o PP. Agardemos que realmente se asuma e se teña a mesma sensibilidade, senón sería unha fraude ao colectivo xa que tiña esperanzas de que o novo goberno lle dera unha solución satisfactoria a isto.

 
 

Paula Castro,
coordinadora de CIG-Comunicación.

  Paula Castro
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/06/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta