Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 9 de xuño de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Catalunya polo si ou polo non

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Previsibelmente a opción do ‘si’ ao novo Estatut, ben recortado e pulido, vai ser a maioritaria para os cidadáns e cidadás de Catalunya, que a esta altura, tras dos anos de discusión estatutaria, xa deben ir bastante cansos do tema en cuestión. Isto indubidabelmente terá certo reflexo nas urnas, no que se refire á cota de participación no referendo, máxime cando o proceso estatutario non parece que fose convenientemente acompañado da mobilización da cidadanía, relegada a un papel de espectador nun escenario feito unicamente á medida das forzas políticas con representación parlamentaria.



  ERC agora toca non, clic para aumentar
Esquerra Republicana de Cataluyna (ERC) foi a gran damnificada polo acordo entre o PSOE e CiU, xa que significou a súa saída pola porta de atrás do Goberno catalán (os seus conselleiros da Generalitat foron cesados polo president Maragall) e mesmo internamente abriu un debate de alcance, que motivou que as bases do partido independentista emendasen a decisión da súa dirección política e apostasen abertamente por pedir o ‘non’ ao novo Estatut, tras os recortes feitos polo Parlamento español.
 
Achégase ao ecuador a campaña do referendo do novo Estatut de Catalunya, referendo que está convocado para o vindeiro 18 de xuño. Ese día, pois, o pobo catalán poderá pronunciarse acerca do espazo político-xurídico que pretende ocupar a nación catalá no futuro máis próximo, e vaino facer consciente de que o texto que se presenta para a súa conformidade é un texto rebaixado por Madrid, tras o vergoñento acordo PSOE-CiU na tramitación do Estatut nas Cortes españolas.

O consenso case total acadado no Parlament catalán (co PP como minoritaria e case anecdótica nota discordante), do 90% da Cámara, escachou estrondosamente por mor das arteiradas de CiU e PSOE, preocupados os primeiros polo escaso protagonismo acadado no proceso estatutario e incómodos os segundos por un texto que sinalaba un horizonte de mudanzas no referente á cuestión territorial no Estado español. Artur Mas e Rodríguez Zapatero pactaron suavizar sensibelmente o novo texto estatutario catalán, ao tempo que deseñaban o porvir institucional de Catalunya, que con toda probabilidade terá a forma dun goberno de coalición CiU-PSC (se cadra xa sen o actual presidente Maragall polo medio).

Esquerra Republicana de Cataluyna (ERC) foi a gran damnificada polo acordo entre o PSOE e CiU, xa que significou a súa saída pola porta de atrás do Goberno catalán (os seus conselleiros da Generalitat foron cesados polo president Maragall) e mesmo internamente abriu un debate de alcance, que motivou que as bases do partido independentista emendasen a decisión da súa dirección política e apostasen abertamente por pedir o ‘non’ ao novo Estatut, tras os recortes feitos polo Parlamento español.

Este xesto de coherencia e de afouteza de ERC, manténdose fiel ao texto estatutario emanado do Parlament catalán, é obvio que ten os seus riscos para a formación independentista, que ademais debe asumir a coincidencia co PP na súa posición de negativa perante o Estatut. Nin que dicir ten que as razóns desta oposición duns -ERC- e outros -PP- son antagónicas, mais o balbordo político e mediático que se dá en situacións así impide moitas veces enxergar isto con toda a crueza con que se produce.

Previsibelmente a opción do ‘si’ ao novo Estatut, ben recortado e pulido, vai ser a maioritaria para os cidadáns e cidadás de Catalunya, que a esta altura, tras dos anos de discusión estatutaria, xa deben ir bastante cansos do tema en cuestión. Isto indubidabelmente terá certo reflexo nas urnas, no que se refire á cota de participación no referendo, máxime cando o proceso estatutario non parece que fose convenientemente acompañado da mobilización da cidadanía, relegada a un papel de espectador nun escenario feito unicamente á medida das forzas políticas con representación parlamentaria. Apenas no último momento, cando se confirmaba a felonía do pacto CiU-PSOE, intentou reaccionar, cunha campaña e manifestación en prol do texto estatutario aprobado polo Parlament catalán e polo recoñecemento inequívoco de Catalunya como nación. Algo, isto último, que o texto definitivo só apunta timidamente, como se existise auténtico pavor a sinalar o carácter nacional de Catalunya -a súa condición de nación- no novo Estatut.

Nos vindeiros anos, que serán os primeiros do percorrido do novo Estatut, visto o visto no que atinxe ao xogo político de cadaquén (CiU, PSC-PSOE, ERC...), é posíbel que se produzan mudanzas transcendentes en canto a estratexias partidarias a desenvolver. Así e todo, o que se fará necesario de aquí en diante é a busca da construción dun polo soberanista, de forzas sociais diversas, que comece a aglutinar a maioría social suficiente para que o proxecto nacional catalá se faga hexemónico en Catalunya. E é difícil pensar que ERC, ou mesmo os sectores máis soberanistas de CiU -e se acaso tamén do PSC-, non tenten remar nesa dirección.

Hoxe por hoxe, e alén do resultado do referendo do novo Estatut, o que parece que triunfou en Catalunya son as propostas que máis satisfán á onda españolista, renuente ao recoñecemento pleno do carácter nacional de Galiza, Euscadi e Catalunya e, xa que logo, da realidade plurinacional do Estado español. En todo caso, malas novas para todos aqueles que, coma nós, cremos posíbel e aspiramos a unha Galiza soberana.


Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/06/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta