Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 23 de xuño de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Coa Igrexa (católica) seguimos a bater

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Agora parece que a tarefa para Igrexa católica española é a defensa da “unidade de España”. En asemblea plenaria os bispos van ter esta como unha cuestión central a consideración e debate, suponse que coa bendición papal, do mesmo Papa Ratzinger que se chantou diante do que queda dos campos de concentración nazis de Auschwitz para lle pedir responsabilidades a Deus coma se tal cousa, e obviando en troca a responsabilidade certa das altas xerarquías eclesiásticas da Igrexa católica (co Papa do momento, incluído) no sobrecolledor apoxeo do réxime nazi na Alemaña dos anos 30 e 40 do século pasado.



  O papa en Auschwitz, clic para aumentar
Seica a xerarquía eclesiástica está doente polos procesos estatutarios abertos e polas demandas históricas das nacións do Estado de seren recoñecidas como tales, nacións de pleno dereito e con capacidade para decidir acerca da súa soberanía.
 
A xerarquía eclesiástica española anda preocupada. Ben, isto entra dentro da normalidade, e máxime nun estado de cousas como o actual a nivel planetario, en que a globalización capitalista segue a condenar a millares de persoas no mundo á fame, á miseria, á explotación, á guerra... Continentes enteiros como África seguen a desangrarse por unhas veas abertas que semellan non ter fin.

Tampouco no ámbito doméstico o conto está para botar foguetes. Cada vez maiores segmentos da sociedade do Estado español estanse a ver abocados á exclusión social e/ou á diminución paulatina dos seus estándares de vida. Segundos e terceiros mundos dentro dun primeiro mundo, que cada día que pasa adelgaza as súas marxes e dá cabida a menos xente.

Mais a Igrexa oficial actuante no Estado español non ve isto, enleada como está en procurar a comprensión ético-moral e relixiosa do actual e o futuro marco xurídico-político do Estado. Seica a xerarquía eclesiástica está doente polos procesos estatutarios abertos e polas demandas históricas das nacións do Estado de seren recoñecidas como tales, nacións de pleno dereito e con capacidade para decidir acerca da súa soberanía.

Desde logo, non resulta extraña esta actitude da Igrexa, en sintonía coa deriva dereitista e españolista do Partido Popular (PP). Á fin e ao cabo, esta mesma Igrexa (que apenas se reformou por dentro nas últimas décadas) foi sostén e guía ideolóxico-espiritual da ditadura franquista. Tanto o foi que aínda non atopou o momento para se desculpar e pedir perdón polos seus pecados terrenais ao ser partícipe dun réxime criminal, alén de ilexítimo, como o franquismo.

Dous anos, ademais, leva librando a curia española a súa particular batalla por seguir a manter os seus privilexios -que non son poucos- no Estado español. As tímidas mudanzas en aspectos como a educación ou a regulación das parellas de feito realizadas polo Goberno do PSOE están a ter resposta, mesmo con mobilizacións na rúa, por parte da Igrexa. Estes privilexios foron intocábeis na época do Goberno de Aznar, quen tamén apoiou a súa acción de goberno na curia eclesiástica española.

Escandalosos, pola súa magnitude, son os ingresos que recibe do propio Estado, que se di aconfesional e laico, mais que segue favorecendo os intereses da Igrexa católica. Como escandaloso é o peso que aínda hoxe ten no ensino no Estado español, tanto no público como no privado e concertado.

Agora a tarefa para Igrexa católica española é a defensa da “unidade de España”. En asemblea plenaria os bispos van ter esta como unha cuestión central a consideración e debate, suponse que coa bendición papal, do mesmo Papa Ratzinger (Bieito XVI) que se chantou diante do que queda dos campos de concentración nazis de Auschwitz para lle pedir responsabilidades a Deus coma se tal cousa, e obviando en troca a responsabilidade certa das altas xerarquías eclesiásticas da Igrexa católica (co Papa do momento, incluído) no sobrecolledor apoxeo do réxime nazi na Alemaña dos anos 30 e 40 do século pasado.

A Igrexa segue a ser un poder, un poder real, tanto no Estado español como en vastas zonas do mundo. O aliñamento da súa cúpula coas teses ideolóxicas máis dereitistas e conservadoras é un feito preocupante, que exixe e vai exixir dos que promovemos unha(s) sociedade(s) laica(s) posicionamentos non ambiguos a respecto da Igrexa e dos intereses que promove. O ensino é un dos lugares, non o único, onde dar pasos en prol da laicidade. Tempo non habería que perder demasiado.


Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/06/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta