|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
A singularidade propia das recoñecidas como “nacionalidades históricas” do Estado español xa era -e é- indicativo dun marco xurídico-político de certa asimetría entre as 17 comunidades autónomas que contemplou a primeira descentralización político-administrativa do Estado tras a ditadura. A conformación do “Estado das Autonomías”, con 17 unidades que compartían rango legal (de Comunidade Autónoma), non foi senón unha das concesións feitas aos poderes do Estado posfranquista, que viñan a ser os mesmos da época ditatorial, pois aí as mudanzas foron inexistentes. A mesma fórmula dunha transición política á democracia, na vez dunha ruptura democrática que rachase co pasado franquista, revela os límites mesmos da nacente democracia no Estado español. Democracia que seguía sen resolver unha cuestión tan fundamental como o recoñecemento da existencia dun Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüístico, e polo tanto de máis dun suxeito en que debía residir a súa soberanía. A Constitución española do ano 78 do século pasado e mais os Estatutos emanados desta viñeron a plasmar implicitamente a envergadura do problema territorial, mais a solución proposta guiouse unicamente por un instinto retrógrado, de marcados tintes centralistas e uniformizadores. A doutrina coñecida como “café para todos” foi a escollida para agochar a realidade da existencia de nacións diferentes da española no Estado, e aí viñeron a cadrar tanto as dereitas como as esquerdas españolas, que compartían unha mesma visión neste asunto (e desgrazadamente, noutros máis, coma o groso das políticas económicas ou o papel asignado á Monarquía borbónica, etc). O peso social e institucional dos nacionalismos vasco e catalán nos seus territorios (menor aínda no caso do galego) logrou que a cuestión da arquitectura territorial do Estado español non fose algo xa fechado definitivamente, e fechado en falso. Vascos e cataláns están a utilizar a vía da reforma dos seus respectivos Estatutos para poñeren nun primeirísimo claro a necesidade de abordar o debate territorial no Estado español desde outra perspectiva, máis democrática e acorde coas necesidades respectivas dos diferentes pobos. E tamén así o está o facer o nacionalismo galego, aínda que desde unha posición menos hexemónica. De aí que parezan extemporáneas declaracións como as feitas esta mesma semana polo alcalde ferrolán, Juan Juncal (tamén presidente provincial do Partido Popular), na Comisión parlamentaria do Estatuto de Galiza, teimando na sacrosanta unidade da “nación española” -a única que el recoñece- e negando os dereitos lingüísticos do pobo galego a respecto da lingua propia de Galiza. Declaracións que zumegan unha visión resesa e case franquista do actual Estado español e das que mesmo se desmarcaron dirixentes do seu propio partido. Tampouco non deixa de resultar chocante o acordo acadado por PP e PSOE para a reforma do Estatuto das Illas Baleares, seguindo en bastantes aspectos o ronsel deixado polo novo Estatut catalán, texto estatutario que o vindeiro domingo será sometido a referendo. Por certo que na proposta balear, que axiña será enviada ás Cortes españolas, é de salientar que se reactualiza a consideración das Illas Baleares como Comunidade Autónoma para ser cualificada agora como “nacionalidade histórica”. E un apuntamento máis: o Goberno balear, en mans do PP, exixe do PSOE que nas Cortes españolas non modifiquen nin unha coma do texto saído do Parlament das Illas. En todo caso, para o que nos afecta a nós, haberá que ir vendo a posición do PP en Galiza nos vindeiros días, e sobre todo no debate parlamentario sobre o Estatuto que terá lugar na Cámara galega o vindeiro 29 de xuño, que ten toda a pinta de ser unha manobra do partido dereitista para gañar tempo na súa tola carreira cara a ningures.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2006 |
||||
|