Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 2 de xuño de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Montenegro decide, nós tampouco

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Será que a libre determinación dos pobos é só un dereito a garantir discrecionalmente, isto é, en función de certos intereses xeopolíticos e económicos. Polo tanto, o valor democrático do dereito de decisión é utilizado segundo as comenencias dos Estados, e non como valor universal.



  Independentistas de Montenegro, clic para aumentar
Penso que a gran lección democrática desta consulta popular radica na capacidade de lles dar decisión aos pobos (aos seus cidadáns e cidadás) á hora de planificar o seu futuro como tales. Ese é o verdadeiro valor da autodeterminación en democracia. Na “Pel de Touro” (denominada así metaforicamente polo poeta catalán Salvador Espriu) aínda queda un percorrido non pequeno para que isto sexa aceptado, e os pobos galego, vasco e catalán poidamos decidir acerca da nosa propia realidade e do noso encaixe particular no concerto das nacións e pobos do mundo.
 
O domingo 21 de maio foi o escollido para o referendo de independencia en Montenegro. A pregunta formulada ao case medio millón de persoas que tiñan dereito a voto (dun total de 650.000 habitantes) era a seguinte: "Quere que a República de Montenegro sexa un Estado independente con plena lexitimidade conforme ao Dereito Internacional?”. Unha pregunta sen voltas nin reviravoltas, que interpelaba de xeito directo aos cidadáns e cidadás da ex-república iugoslava acerca do seu futuro colectivo.

A esa posibilidade, o do dereito á libre elección por parte do pobo, apelaron e están a apelar os nacionalismos galego, vasco e catalán, e así o fixeron, máis unha vez, agora que a cuestión montenegrina tivo relevancia pública por mor do referendo de autodeterminación. Por que os cidadáns e cidadás de Montenegro poden decidir e por que nós non?

Será que a libre determinación dos pobos é só un dereito a garantir discrecionalmente, isto é, en función de certos intereses xeopolíticos e económicos. Polo tanto, o valor democrático do dereito de decisión é utilizado segundo as comenencias dos Estados, e non como valor universal. Os diferentes gobernos e poderes europeos (co Alto Representante da Unión Europea para a Política Exterior e de Seguridade Común, Javier Solana, en primeira liña), así como os seus voceiros mediáticos, ben se encargaron de pregoar aos catro ventos as incuestionábeis diferenzas entre a República de Montenegro e outras nacións europeas, como a nosa, que carecen de estado propio.

Así e todo, nesa feble liña argumental evitaron en todo momento facer referencias ás responsabilidades habidas no esfarelamento de Iugoslavia e na mesma guerra dos Balcáns, atribuída polos poderes europeos e internacionais unilateralmente ao “imperialismo serbio” (Milosevic foi subitamente ascendido aos altares da demonización) e non aos intereses deses mesmos poderes de esnaquizar a experiencia iugoslava. Experiencia que combinaba un peculiar artellamento das identidades contidas no seu seo, á vez que exploraba vías económicas afastadas dos parámetros neoliberais tan en voga desde finais dos anos 80 no contexto europeo e mundial.

Rota Iugoslavia, para maior gloria do imperialismo realmente existente (que nunca estivo localizado preciamente en Belgrado), as súas ex-repúblicas xa poden convivir harmonicamente cos designios do capital. É de supor que axiña Montenegro dará os pasos precisos para se integrar, xa non en Europa (onde obviamente está), senón nese espazo europeo común que deseñan os arquitectos do capitalismo para o chamado vello continente.

Nese sentido, quen isto escribe non se felicita pola independencia de Montenegro en si (aínda que respecta a soberanía dos seus cidadáns e cidadás á hora de elixer esa opción), e non o fai porque non pode eludir a realidade do seu pasado máis próximo dentro desa experiencia chamada Iugoslavia, que tentou desenvolverse como estado socialista (de vía autoxestionaria no económico) e recoñecendo seis repúblicas constituíntes.

En troca, si penso que a gran lección democrática desta consulta popular radica na capacidade de lles dar decisión aos pobos (aos seus cidadáns e cidadás) á hora de planificar o seu futuro como tales. Ese é o verdadeiro valor da autodeterminación en democracia. Na “Pel de Touro” (denominada así metaforicamente polo poeta catalán Salvador Espriu) aínda queda un percorrido non pequeno para que isto sexa aceptado, e os pobos galego, vasco e catalán poidamos decidir acerca da nosa propia realidade e do noso encaixe particular no concerto das nacións e pobos do mundo. De momento, cómpre ter presente que a nosa soberanía non reside en nós. E esa si será unha conquista a acometer nun horizonte estratéxico máis próximo que afastado. Vainos o futuro niso.


Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/06/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta