|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nun novo capítulo das reformas laborais negociadas e pactadas de costas á clase traballadora, sen información nin participación ningunha por parte dos colectivos aos que teoricamente se pretende regular, o Acordo para a Mellora do Crecemento e o Emprego que veñen de subscribir o Goberno estatal, a Patronal e os sindicatos CCOO e UGT representa por encima de todo o triunfo dun modelo económico radicalmente neoliberal e a preponderancia das posicións negociadoras dunha patronal que consegue impor a lóxica dos seus intereses máis descarnados: a precariedade, a fraude, a inseguridade, o dumping salarial, a desprofesionalización, etc. Baixo uns titulares enganosos que queren vender e invitar ao optimismo, o contido deste Acordo de Reforma Laboral só incorpora en realidade medidas que fortalecen a posición das empresas que basean o seu negocio e a súa productividade no mantemento da precariedade en calquera dos seus formatos: a contratación temporal sucesiva, a subcontratación irregular, o mercado das ETT e do prestamismo laboral, a contratación parcial para actividade de xornada completa, etc. Non hai nada que ofreza a traballadores e traballadoras máis emprego, máis profesión, máis ingresos, ou máis protección, en cantidades e calidades apreciables. O obxectivo máis visible desta reforma é a transferencia de enormes recursos económicos á patronal para convencela de que contrate máis e mellor, nunha vía que se demostrou fracasada nos anos anteriores. A loita contra a precariedade por tanto segue estando despois deste Acordo no mesmo lugar no que estaba: na negociación colectiva, na acción sindical a pé de obra, na denuncia permanente, e no esforzo solidario da clase traballadora. Non temos con este Acordo ningún novo respaldo legal nin institucional para esa tarefa, e sen embargo temos unha patronal ainda máis fortalecida.
Como se pode observar no cadro, o balanzo desta nova reforma laboral cae absolutamente do lado das empresas e da patronal, que son unha vez máis as auténticas beneficiadas dun Pacto Social. O conxunto de medidas que favorecen directamente ás empresas teñen un impacto económico evidente e directo, incrementando os seus ingresos vía subvención, diminuíndo os seus gastos vía reducción de cotizacións, e diminuíndo igualmente as súas responsabilidades económicas respecto de salarios e indemnizacións das que se farán cargo os Fondos Públicos a través de Fogasa. De forma moi especial favorécese o impulso da actividade das empresas de traballo temporal (ETT) ao diminuir tamén as súas cotizacións sociais, así como a concatenación da contratación temporal para un mesmo posto de traballo, pola mesma ou distinta persoa, ao non dispoñer de medidas reais e eficaces para poñer freo ao seu abuso. Non existe por outra parte neste pacto a valentía de meter man de verdade na lacra da subcontratación sucesiva, no baile de contratos entre empresas dun mesmo empresario ou na taxa de temporalidade admisible. Pola contra, todas as medidas que se presentan como positivas polos asinantes non son máis ca un “brindis ao sol” xa que non teñen eficacia directa, non recoñecen novos dereitos, non garanten máis contratos, ou máis renda, ou máis protección, como se observa con claridade no cadro-resumo. Ao mesmo tempo, os sindicatos que unha vez máis subscriben unha reforma favorable ás patronais se garantizan para sí mesmos a creación e a presenza exclusiva en máis e máis comisións e grupos de traballo para analizar a evolución destas medidas e para preparar novas propostas de futuro... das que non podemos esperar nada bo. En definitiva, unha nova oportunidade perdida de conquistar máis dereitos, máis estabilidade e máis dignidade.
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/06/2006 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||