Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 12 de xuño de 2006

Entrevista a Rafael Uzcátegui, secretario de organización do partido Patria Para Todos de Venezuela
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Rafael Uzcátegui, clic para aumentar
Rafael Uzcátegui na CIG de A Coruña. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Rafael Uzcátegui é secretario de organización do partido Patria Para Todos (PPT) da República Bolivariana de Venezuela


Xurxo Martínez Crespo:
Que pasa en Venezuela? Que é o proceso bolivariano?

Rafael Uzcátegui: A inmediatez do noso proceso dificulta falar del. É moi difícil presentar unha exposición na cal poida expoñerse a totalidade, ou a parcialidade do que está acontecendo; por iso a min gústame contestar, expoñer en conxunto a esta pregunta.

Pódense ter distintas visións, pois é un proceso no que hai lecturas moi diferentes e complexas. Se escoitas a un oficial das Forzas Armadas, fará a un lado cousas importantes deste proceso que, por exemplo, son determinantes para nós os civís que participamos na súa xénese.

XMC: Que cousas importantes obviaría un militar?

  Cipriano Castro, clic para aumentar
Cipriano Castro, óleo de Antonio Herrera Toro, 1902.
 
Uzcátegui: Os acontecementos do 4 de febreiro de 1992, por exemplo, serían vistos dende unha perspectiva castrense, esquecendo os acontecementos previos a ese levantamento cívico militar, é dicir, algo así como a máxima kantiana segundo a cal o suxeito determina as peculiaridades do obxecto.

XMC: Chávez é un militar de formación. Participaría desa versión que dá maior protagonismo aos militares no levantamento do 4 de febreiro de 1992?

Uzcátegui: Diferimos de Chávez nalgúns puntos esquemáticos, nós, como organización política Patria Para Todos (PPT) e moitos outros partidos na súa visión de moitas cousas. Por exemplo, na súa visión das catro Repúblicas anteriores, a actual sería a quinta. Para nós a quinta non é a quinta, senón a cuarta república. Pero Chávez non é precisamente a persoa que aposta polo militar, o seu discurso é civilista e humanista, o seu discurso é revolucionario.

XMC: Que é Patria Para Todos?

Uzcátegui: Patria Para Todos provén do antigo Partido Comunista de Venezuela, do cal proveñen dous grupos principais a partir de 1972. Por unha banda a Causa R (Causa Radical) que non se chamaría así senón até un ano despois, e por outra o Movimiento al Socialismo (MAS).

  Bloqueo de Venezuela, clic para aumentar
Bloqueo de Venezuela polas potencias europeas, 1902, debuxo de Willi Stöwer.
 
O partido Patria para Todos é un dos partidos que apoia o proceso revolucionario bolivariano, xunto a outras forzas políticas e sociais. Construímos unha estrutura de homes igualados polo debate, en exercicio permanente e na medida en que o exercemos. Non o logramos á perfección, somos un esforzo, un proxecto en construción. No PPT hai vellas e novas militancias, nalgúns sitios temos máis forza que noutros e somos unha organización que vai alén do activismo; chamámolas “políticas móbiles” porque os nosos militantes participan nas distintas organizacións internas do PPT, agrúpanse segundo os seus intereses coas organizacións sociais que comparten eses mesmos intereses e a través delas pomos en práctica a política.

Patria Para Todos ten partida de nacemento, temos un xenoma, temos unha árbore xenealóxica, temos un ADN que nos identifica, sabemos de onde provimos. Por iso temos unha especial deferencia por Alfredo Maneiro(1). recoñecémolo como un dos
  Juan Vicente Gómez, clic para aumentar
O ditador Juan Vicente Gómez no hipodromo en 1933.
 
precursores das nosas ideas. En primeiro lugar, únenos o patrimonio de moitos anos de loita. Os homes e mulleres que estamos en Patria Para Todos transitamos maioritariamente proxectos comúns que foron superados e, ao seren superados, producíronse debates e diferencias nesas organizacións e despois reatopámonos. Cada un de nós ten distintas prácticas que non foron simplemente as da Causa R e fomos o suficientemente tolerantes, o suficientemente intelixentes para entender que iso é un patrimonio colectivo. O principal patrimonio de Patria Para Todos son os seus homes e as súas mulleres, a súa dirección que é unha síntese do pasado, que é unha síntese de moitas loitas e esa síntese é a que veu marchando. Únenos ademais un programa, un corpo ideolóxico, un corpo de ideas para loitar e para organizarnos, únenos unha práctica, unha tradición oral. Únenos a tradición do debate, a tradición da elaboración teórica e nela recoñecémonos. Por iso a marcha de Pablo Medina non causou a trauma que noutras organizacións causan esas rupturas, porque logramos facer ese debate do xeito máis claro, máis aberto, máis democrático e como resultado diso Pablo Medina marchou só con outros que se foron e comparten os seus mesmos intereses. Entón, iso é normal, para outras organizacións foi traumático.

  Marcos Pérez Jiménez, clic para aumentar
O ditador Marcos Pérez Jiménez.
 
XMC: Porque ese baile de siglas na historia da esquerda venezolana. Cales eran as diferenzas?

Uzcátegui: É unha cuestión de medios e fins. Nós tiñamos coas organizacións anteriormente citadas un pasado común, aínda que non compartísemos moitas cuestións ideolóxicas. Pero esas diferenzas tamén as temos dentro da nosa organización actual Patria Para Todos. Eu e Alí Rodríguez Araque militabamos no PRV-FALN Partido de la Revolución Venezolana-Fuerzas Armadas de Liberación Nacional, unha escisión do que se chamou o “duglismo” baixo o pensamento e a acción de Douglas Bravo e de Alfredo Maneiro.

Compartimos cos grupos anteriores a nosa visión marxista e a crítica ao problema do poder. A esquerda venezuelana, a diferenza doutras organizacións de Latinoamérica, nunca abandonou unha estratexia de poder. Nós non podemos exhibir unha vida democrática como pobo, como por exemplo Uruguai, Chile, incluso a mesma Arxentina. Nós tivemos unha vida “democrática” curta e incluso unha vida municipal moito máis curta aínda, pois non chegamos aos vinte anos en que podemos escoller alcaldes ou gobernadores. Isto fannos coincidentes e diverxentes con outros países do noso contorno.

Nós non podemos fachendearnos coma a oligarquía colombiana de ter 200 anos de democracia. Vivimos unha ditadura de 36 anos, onde o ditador Juan Vicente Gómez era o amo do poder.

  Caída do ditador Marcos Pérez, clic para aumentar
A caída do ditador Marcos Pérez Jiménez en 1958. (Foto: ©Jorge Humberto Cárdenas).
 
Os sindicatos nosos non nacen, primeiro nacen os partidos e despois os sindicatos e iso fainos particularmente distintos a países coma Chile ou Arxentina e Uruguai, onde a vida sindical ten un enorme peso. Pasamos dunha sociedade atrasada, moi atrasada a unha sociedade altamente industrializada que aínda non é moi comprendida por moitos países.

XMC: Venezuela, debido ao petróleo, é un caso especial e atípico en Latinoamérica. É unha sociedade atrasada e desenvolvida, asemade, coma o Brasil.

Uzcátegui: Venezuela é o posuidor do noveno complexo industrial do mundo, que é o complexo petroleiro; na enerxía, sobre todo no gas e no petróleo, nós temos tecnoloxía propia, estou falando de INTEVEP, instituto venezuelano do petróleo con tecnoloxía propia punta capaz de transformar petróleo pesado en petróleo consumíbel a través dun proceso ideado por este instituto baixo o nome de orimulsión, que baixo as novas definicións da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), os petróleos pesados que non eran considerados coma petróleos senón como betumes si son considerados como Reserva Petroleira Comprobada (RPC) e iso fai de Venezuela o maior país con reservas comprobadas de petróleo do mundo e, polo tanto, dános o dereito de ter unha maior cota de produción dentro da OPEP.

  Enterro simbólico ditador Marcos Pérez, clic para aumentar
Enterro simbólico do ditador Pérez Jiménez, Caracas, xaneiro de 1958.
 
Esta maior cota de produción dentro da OPEP non a podemos cumprir por vernos afectados por unha política agresiva por parte dunha dirección da empresa estatal Petróleos de Venezuela Sociedad Anónima (Pdvsa), que antes privilexiou a produción por riba dos prezos do petróleo e inundou o mercado do petróleo levando á liquidación á nosa produción. Cando o petróleo subiu, non estabamos na capacidade de producir dentro do aumento da cota asignada pola OPEP.

XMC: Sempre que se fala de Venezuela é inevitábel falar do petróleo?

Uzcátegui: O petróleo e as Forzas Armadas non poden deixar de citarse cando se fala da realidade venezuelana, do seu pasado, do seu presente e do seu futuro. É difícil entender que son os venezuelanos e as venezuelanas sen falar das forzas armadas. A nosa guerra de independencia foi unha guerra moi cruenta. Entre 1810 e 1826, morreu a metade da poboación venezuelana. Despois veu a Guerra Federal, que durou outros cinco anos e terminou con gran parte da outra metade da poboación venezuelana que quedara viva. Despois chegou o paludismo e xa a comezos do 1900 chegou o petróleo. O petróleo e as Forzas Armadas son a xénese do Estado venezuelano.

  Wolfgang Larrazabal, clic para aumentar
O almirante Wolfgang Larrazabal. (Foto: ©Jorge Humberto Cárdenas).
 
Isto ten repercusións moi profundas. Falar da historia de Venezuela é falar de Simón Bolívar, e falar de Simón Bolívar obriga a un discurso necesariamente e obrigatoriamente antiimperialista. O pensamento de Bolívar ten un sentido de unificación e un sentido libertario, que é moi difícil falar da natureza das forzas armadas noutros países. Nós nacemos, e niso si temos unha coincidencia importante co resto dos países da América Latina, o Estado e a Nación e as Forzas Armadas asemade. Nacemos coas contradicións da Ilustración, o pensamento burgués.

En Memorias del antidesarrollo de Héctor Malavé Mata hai unha idea interesante, nós nacemos negando o propio desenvolvemento. Na primeira etapa do goberno de Carlos Andrés Pérez, exportamos capital sen ter exportado mercadoría, incluso tivemos trazos imperiais na nosa economía, debido á particularidade da explotación petroleira.

XMC: Que permanece do Partido nos revolucionarios venezuelanos actuais?

  Intentona golpista xeneral Castro León, clic para aumentar
A intentona golpista do xeneral Castro León o 23 de xullo de 1958. (Foto: ©Jorge Humberto Cárdenas).
 
Uzcátegui: Do vello Partido herdamos algo moi importante. Mentres no sur do continente ás Forzas Armadas eran consideradas polos partidos de esquerda coma un exército burgués, o Partido Comunista de Venezuela nunca se referiu ás Forzas Armadas venezuelanas coma o exército burgués, sempre vai referirse a el coma o exército patriota, e os que utilizaron esa terminoloxía foron principalmente outras organizacións como Bandera Roja ou aquelas que viñan da socialdemocracia. Nós, os comunistas, utilizabamos a cualificación para as Forzas Armadas de patrióticas e reservabamos para un sector das Forzas Armadas, a Garda Nacional que nace fundamentalmente na era petroleira e aos corpos de Batallóns de Cazadores como proimperialistas. No caso do resto das Forzas Armadas non é así. Incluso existiu un momento no que o peso popular e democrático non estaba no exército senón na Armada.

XMC: Daquela o exército venezuelano sempre estivo ao carón do seu pobo?

Uzcátegui: Si. Incluso deron pé á creación de movementos armados de liberación. A diferencia doutras expresións armadas do continente as Fuerzas Armadas de Liberación Nacional (FALN) xorden en 1962 dunha alianza de dous sectores, fundamentalmente nos dous alzamentos militares que se producen cun mes de diferenza nese ano, o 4 de maio e o 2 de xuño de 1962, cunha alianza civico-militar. Incluso na nosa memoria actual fica a lembranza dun dos oficiais que participou neses alzamentos militares en apoio do pobo en 1962, que foi Victor Hugo Morales, oficial comunista que hoxe é deputado na Asemblea venezuelana.

  Asinantes do acordo de Punto Fijo, clic para aumentar
Os asinantes do acordo de Punto Fijo, nome da residencia de Rafael Caldera.
 
Co esforzo do Partido Comunista de non caracterizar as Forzas Armadas coma unha forza reaccionaria, puidéronse manter vivas, dentro das Forzas Armadas, correntes democráticas, correntes populares e ideas revolucionarias.

É moi difícil ver un xeneral negro en Colombia. Non houbo un xeneral negro en Colombia. En Venezuela non era tan complicado, agora por certo, temos varios. En Colombia non vai haber un ministro de Educación negro. En Venezuela temos un ministro de Educación negro.

XMC: Son tan importantes as Forzas Armadas para entender Venezuela?

Uzcátegui: Non entender a realidade petroleira venezuelana ou non entender a realidade das Forzas Armadas é non entender a conciencia deste país (Venezuela). En cada venezuelano, en cada oficial das Forzas Armadas hai un pequeno verme que lle di que Simón Bolívar, un día, montou dacabalo a dar liberdades a todos os homes e mulleres de América. A diferenza dos exércitos doutros países latinoamericanos, as
  Intentona golpista xeneral Castro León, clic para aumentar
Alzamento militar coñecido como El Porteñazo do 3 de xuño de 1962. (Foto: ©Ramón García).
 
Forzas Armadas venezuelanas, dende a independencia, nunca tiveron un conflito de confrontación, só co Estado español durante a independencia e contra as armadas imperialistas de Gran Bretaña, Alemaña e Italia durante o bloqueo naval de 1902 e a invasión de tres portos, cando trataron de cobrar a débeda externa que tiña Venezuela en tempos de Cipriano Castro.

XMC: Cipriano Castro sería un loitador antiimperialista?

Uzcátegui: Cipriano Castro tivo un discurso abertamente imperialista que despois, el e mais o seu discurso, serían abertamente satanizados. Era froito dunha corrente antiimperialista e liberal de comezos do século XX, moi consciente do discurso de César Augusto Sandino, de Farabundo Martí e outros.

XMC: Existían partidos políticos na Venezuela de comezos do século XX como para levar á práctica ideas coma as de Cipriano Castro?

Uzcátegui: En 1936 xorden os primeiros partidos políticos en Venezuela, moi mergullados dentro do pensamento socialista. Incluso os partidos reaccionarios de Venezuela son partidos dende o punto de visto organizativo de carácter leninista, mesmo a propia democracia cristiá é leninista na súa estrutura, pois era a única fonte de inspiración e referencia para construír organizacións na Venezuela da época. O feito de non existir unha vida sindical intensa coma noutros países marcou as estruturas de partido para nós.

  Anagrama das FALN, clic para aumentar
Anagrama das FALN.
 
Pasamos por toda a etapa do gomecismo (o ditador Juan Vicente Gómez que morre en 1935) e chegamos a un momento de moita importancia, que o presidente Chávez define como o nacemento da IV República, que é o ano de 1958.

XMC: O 23 de xaneiro de 1958 é a caída da ditadura de Marcos Pérez Jiménez e o nacemento da “democracia” entendida como ditadura de dous partidos que se alternaban no poder.

Uzcátegui: Consecuencia da guerra fría, Estados Unidos crea e mantén unha serie de ditaduras no continente, Cuba ten unha, Venezuela ten outra. As nosas ligazóns con Cuba son tan fortes, que un ano despois da caída da ditadura de Marcos Pérez Jiménez por unha insurrección cívico-militar cae a ditadura de Batista.

A caída de Pérez Jiménez vén da man da Xunta Patriótica, ideada no XXIII pleno do Comité Central do Partido Comunista de Venezuela en 1956, concibindo unha política unitaria e un organismo convoca a unha insurrección. O 21 de xaneiro de 1958 a insurrección está perdida; nese momento, sectores progresistas das Forzas Armadas, a Armada neste caso, da man do contraalmirante Wolfgang Larrazabal, apoia a insurrección e destitúe o ditador Marcos Pérez Jiménez.

  Douglas Bravo e Alí Rodríguez Araque, clic para aumentar
Douglas Bravo e Alí Rodríguez Araque na guerrilla venezuelana dos 60.
 
XMC: Por que o Partido Comunista de Venezuela non toma o poder en 1958 e cal é a influencia da Revolución cubana no camiño venezuelano?

Uzcátegui: No balanzo histórico do propio Partido Comunista, despois do seu III Congreso, recoñece que lle fallou visión e vocación de poder no derrocamento da ditadura en 1958. Sendo a forza máis organizada, a que achegou a política, os cadros e incluso tiña os seus propios oficiais dentro das Forzas Armadas, non tivo nin a vocación nin a visión da toma do poder unha vez logrado o obxectivo de derrocar a ditadura.

Isto puido deberse á vella formación dos comunistas daquel momento e á situación internacional na que teoricamente non era o momento axeitado para a toma do poder, e cede o poder á burguesía. Por iso, cando logra reaccionar, Cuba, Fidel Castro, a sacudida para América Latina e especialmente para os venezuelanos, era a negación do que tiña sido a política do Partido Comunista, que derrotan os que chamaron “campións da democracia do Caribe”, Rómulo Betancourt, Haya de la Torre, Figueres, Velasco Alvarado, porque teoricamente era imposíbel facer a revolución en América Latina pois os acordos internacionais e ser o patio traseiro de Estados Unidos, a misión fundamental dos comunistas era defender o territorio consolidado da Unión Soviética. Isto prevaleceu dentro do Partido Comunista. A experiencia cubana permite sacudirnos, mais, no noso propio balanzo que hoxe facemos, se imos facer un balanzo da loita armada, no caso do PPT, temos o balanzo da Causa R e o balanzo do PRV-FALN, dous xeitos de ver ese proceso que nos marcou profundamente.

  Alfredo Maneiro, clic para aumentar
Alfredo Maneiro, 1938-1982.
 
XMC: Que podemos agardar do “proceso”?

Uzcátegui: O importante do proceso que estamos vivindo é que nos deu ferramentas para transformar este país tendo como actores principais o home e a muller.

Hai infinitas posibilidades, podemos agruparnos en torno á produción, en torno á educación, en torno á comunidade, hai cantidade de iniciativas. O presidente Chávez ten a obriga de promover a construción do movemento social pero o actor, que é o pobo, mulleres e homes actuando, teñen o dereito e o deber de construír as súas propias organizacións, aquelas que defendan os seus intereses.

XMC: Nótase algún cambio por mor deste proceso na sociedade venezuelana. Son máis activos e concienciados politicamente as venezuelanas e os venezuelanos?

  Partido Comunista de Venezuela, clic para aumentar
Anagrama do Partido Comunista de Venezuela.
 
Uzcátegui: Se algo positivo sucedeu é que a sociedade venezolana se politizou, mergullouse de política ben entendida e iso é bo porque significa que asumiu retos, asumiu lectura, asumiu demandas e esas demandas son un gran salto. Unha sociedade como aquela que nunha oportunidade mereceu a crítica de Edmundo Chirinos ao referirse ao estudantado dese momento como unha xeración parva, esa xeración parva quitou a máscara. Aquí esa xeración parva atopámola en PDVSA a cal se exhibía como apolítica e resultou ser a máis política de todas: Giusti resultou ser o maior proxecto político neoliberal en Venezuela, o mesmo que Rojas, o mesmo que Rasquin, Horacio Medina, o descendente de galegos Juan Fernández, Gómez Montero, o mesmo que todos estes personaxes aparecidos nos paros petroleiros. Daquela, a independencia terminou sendo unha falsidade, unha ficción. O apoliticismo resultou ser o que é: un engano, unha fraude.

  Partido Comunista de Venezuela, clic para aumentar
Caracas, novembro de 2005, marcha anti Fox. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Somos unha sociedade con intereses e, ao sermos unha sociedade con intereses, somos unha sociedade política. Por iso se a finalidade é unha ditadura non podes apoiarte nunha organización democrática; se demandas participación estás obrigado a crear unha organización democrática porque as organizacións se parecen aos obxectivos que se propoñan.

A resistencia é o vello patrimonio da sociedade venezuelana, ese patrimonio que vén do que son as loitas de máis de 50 ou 60 anos que están na memoria, están na vida e están na práctica de mulleres e homes que participaron no proceso revolucionario que se deu no marco dos 40-50 anos de “democracia” representativa, o que se chamou o réxime “puntofijista”. As mulleres e os homes do partido Patria Para Todos foron parte do conflito histórico no cal a sociedade venezolana se debateu e que hoxe conceptualizamos como a transición para refundar a República Bolivariana de Venezuela.

  Monumento conmemorativo derrota dereita reaccionaria PDVSA, clic para aumentar
Monumento conmemorativo da derrota da dereita reaccionaria que dirixia PDVSA até 2003. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
XMC: Venezuela é un país en constante loita dende a súa independencia. Loita civil que veu adormecida polo Pacto de Punto Fijo?

Uzcátegui: Aquí é importante salientar que as loitas en Venezuela non conclúen co asasinato de Zamora nin recomezan o 4 de febreiro de 1992 (intento de golpe de Estado de Chávez). As sucesivas loitas que se emprenden moito antes da caída de Pérez Jiménez fracturan o bloque de poder constituído polo puntofijismo (Pacto de Punto Fijo), que foi unha alianza fundamental da socialdemocracia (Acción Democrática) e a democracia cristiá (COPEI) con sectores que posuian o poder económico amarrado coas distintas administracións do goberno estadounidense.

Houbo tendencias que resistiron dentro das Forzas Armadas e permaneceron como correntes ideolóxicas, moitas delas inducidas e sostidas polo traballo organizativo das organizacións de esquerda, particularmente polo PRV dirixido por Douglas Bravo, a Causa R dirixida por Alfredo Maneiro e outros sectores que, de xeito marxinal, actuaban pero non tiñan a forza estrutural, a forza que dá a organización política para facelo.

Por outra banda, a perseveranza en todo o campo sindical, no esforzo político, conduciu ao ascenso de gobernadores e alcaldes revolucionarios que chegaron ao poder e terminaron co noso “ancièn règime” que era o “puntofijismo”, fracturaron a vella alianza que sostiña ese pacto que permitiu os corenta e tantos anos de “democracia” representativa.

  Placa monumento Paul del Río, clic para aumentar
Placa do monumento da escultura de Paul del Río. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
XMC: A chegada de alcaldes e gobernadores revolucionarios trouxo a un Chávez polo camiño electoral?

Uzcátegui: Hugo Chávez, despois do seu intento errado de golpe de Estado, recoñece que polo camiño electoral é posíbel chegar ao poder. É alí cando aparece o Movimiento V República (MVR), dunha conxuntura electoral, e herda a estrutura teórica construída por anos dende a guerrilla, dende os cuarteis, dende a conspiración, dende a reflexión dos cárceres, ou dende unha curta clandestinidade que viviron algúns dos seus fundadores. Toda esta estrutura teórica foi a que trouxo a Chávez.

XMC: Tamén trouxo o nacemento de Patria Para Todos a decisión de Chávez do camiño electoral?

  Monumento conmemorativo derrota dereita reaccionaria PDVSA, clic para aumentar
Marcha de apoio a Chávez en Caracas dende o derradeiro andar das torres do Silencio.
 
Uzcátegui: Por outra vía, noutro conflito, nun marcadamente ideolóxico aparece Patria Para Todos. O agromar de homes e mulleres que conforman Patria Para Todos, é a longa acumulación de case 5 décadas de loita onde temos mulleres e homes que veñen do vello PCV, que veñen do esforzo de Alfredo Maneiro, ou veñen da Tendencia Revolucionaria. Esas correntes xunto con individualidades de tanto peso como foron os que chegaron do ensino, como é o caso de Aristóbulo Istúriz e un importante número de educadores, dálle vida á Causa R, relánzaa o xa desaparecido Alfredo Maneiro e colócaa nunha perspectiva de desafío de poder coa candidatura de Andrés Velásquez á presidencia da República no ano 1993.

Hai unha situación propia da transición, é un conflito que nos toca vivir para converter en realidade aquilo que era utopía, que era un soño.

XMC: O cambio que soñaron os homes e mulleres do PPT é utópico?

Uzcátegui: Socialmente falando temos que producir os cambios e o PPT é unha organización cuxo fin, propósito e razón é producir eses cambios. Están presentes innumerábeis esforzos que tratan de descualificarnos, de colocarnos na beirarrúa de enfronte, de evitar que continuemos no camiño revolucionario, porque o que está en xogo é a disputa pola dirección do proceso, porque ningunha dirección exerce o liderado. Non son utópicos, é dicir, etimolóxicamente falando non é que estean en ningures, están no exercicio en nos resultados do noso labor de goberno.

  Monumento conmemorativo derrota dereita reaccionaria PDVSA, clic para aumentar
Cartaz electoral Chávez e o PPT. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
XMC: Ningunha dirección exerce o liderado?

Uzcátegui: Nós temos unha diferenza co MVR, non somos unha estrutura de masas, non pretendemos ser unha estrutura con miles e miles de militantes. Non nos negamos a que a xente participe no proxecto noso e abrimos vías de participación, pero o mellor xeito de participar é coñecéndonos, así como para casar primeiro hai que ser noivos. Non convidamos a militar senón a coñecernos en igualdade de condicións; interésanos e queremos que nos coñezan, que coñezan o debate noso, a nosa política, o que somos. Se ese coñecemento nos leva a unirnos nun mesmo proxecto, unímonos; se nos leva a unirnos para defender este proceso, igual o facemos. Non se trata de construír un partido polo partido mesmo nin “pepetizar” á xente. Procuramos máis a calidade que a cantidade e acumulamos forzas para ser unha organización de vangarda, unha ferramenta revolucionaria estreitamente vinculada ao pobo.

  Chávez e Bolívar, clic para aumentar
Chávez e Bolívar en Lima.
 
O PPT naceu para protagonizar grandes cambios, para ser unha forza revolucionaria; nese sentido debemos ser menos goberno e máis pobo, ser parte importante da dirección deste proceso. Se o cambio o adiantan só as cúpulas, matámonos. Se é do pobo, será distinto, a final de contas copeyanos, adecos, nuevotiempistas, emeverristas e pepetistas temos o mesmo "modus facendi" e ese é o reto, buscar, artellar as formas de participación.

XMC: Metas e aprendizaxes nun mundo hostil.

Uzcátegui: O importante neste momento é que liberemos os mecanismos de participación. Hai unha crise e ningunha sociedade saíu da crise nin deu saltos económicos sen que prevaleza o home. O gran salto económico da revolución industrial en Inglaterra fíxose sobre a miseria e a morte de millóns de mulleres, e homes, nenas e nenos, de xeracións. A colonización de América e África foi igualmente terríbel. O home deu grandes saltos cara a adiante, algunhas veces retrocedeu e aprendemos con isto que o único xeito de conxurar a violencia, de realizar os cambios en democracia, en paz, é que homes e mulleres actúen. Se o deixamos aos grupos políticos, ás vangardas, o proceso será violento. Se diso se apropia a sociedade, ela daralle o contido de paz preciso e imporá a paz.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
 

 

Nota:

(1) Alfredo Maneiro naceu en Caracas en 1937 e morreu de súpeto dun ataque ao corazón en 1982.

Membro fundador do partido Causa R e profesor universitario. Foron os seus pais Manuel Plácido Maneiro e Ana Leticia González. Era descendente dos próceres da Independencia venezuelana contra España, Manuel e José Joaquín Maneiro. A educación primaria realizouna na Escola Experimental Venezuela e o bacharelato no colexio Andrés Bello de Caracas. Na súa adolescencia ingresou na Mocidade Comunista, incorporándose á loita política contra o goberno de Marcos Pérez Jiménez. Entre 1955 e 1959 estudou 2 anos de dereito na Universidade do Zulia, regresando a Caracas para continuar co activismo político, logrando ascender até o Comité Central do Partido Comunista. Dentro das accións executadas por grupos estudantís liderados por Maneiro na década de 1960, destaca pola súa transcendencia internacional o asalto ao automóbil do embaixador de Estados Unidos Teodoro Moscoso, e o secuestro con fins propagandísticos do agregado militar estadounidense. Iniciada a loita guerrilleira no país, Maneiro tivo a súa primeira experiencia na Azulita, estado Mérida, pero a escasa vocación para o combate militar e a negativa dos campesiños da rexión a incorporarse á guerrilla, fixo fracasar o intento.

En 1962 creouse a Fronte Guerrilleira Manuel Ponte Rodríguez no oriente do país e asumiu a xefatura da fronte co nome de “Comandante Tomás”; a acción guerrilleira mantívose por parte do Partido Comunista ata mediados de 1966. Logo virían anos de definicións ideolóxicas dentro da esquerda venezolana; Maneiro participou entón activamente como un dos dirixentes que lideraron a disidencia dentro do comunismo venezolano, que culminou coa división do partido en 1970, pero non se incorporou á dirección do partido Movimiento al Socialismo (MAS), permanecendo á marxe da euforia que levantou o nacemento dese novo partido político. En 1972 incorporouse á Universidade Central de Venezuela onde iniciou estudos de filosofía, obtendo a licenciatura en 1977 cunha tese sobre Maquiavelo; paralelamente aos seus estudos, e logo dun receso dedicado á reflexión?, emprendeu un traballo político que deu como resultado a creación da Causa R, dirixida nos seus primeiros momentos a dúas experiencias fundamentais no seu traballo de ideólogo das loitas populares; o sindicato SUTISS dos traballadores da Siderúrxica do Orinoco (SIDOR), en Ciudad Guayana, que lle conferiu unha nova dimensión ao sindicalismo no país e o movemento Pro-Catia no oeste de Caracas; demostrando que un movemento político podía crecer pola soa forza dos seus ideais, pola capacidade para motivar e acender a expectativa das masas. O seu traballo enriqueceuno coa docencia na Escola de Comunicación Social da Universidade Central de Venezuela. En 1982 propuxo ao seu partido o apoio á candidatura presidencial do recentemente falecido Jorge Olavarría; ao sufrir un colapso cardíaco internouse no Hospital Clínico Universitario de Caracas onde lle sobreveu a morte. Casara con Ana Brumlik con quen tivo 3 fillos, unha delas, Ana Moleiro Brumlik exerce o xornalismo en Costa Rica.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/06/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta