ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 14 de xullo de 2006

Hai un compromiso de acordo sen ratificar pola ausencia de Endesa na xuntanza e a mobilización se mantén
A CIG fai un chamamento a CCOO e UGT para que secunden a folga nas minas de Cerceda e As Pontes

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Mina de lignito de Endesa en As Pontes, clic para aumentar
A CIG valora positivamente esta Proposta de Acordo aínda que a ausencia intencionada de Endesa e a postura negativa a aceptar este acordo por parte de Limeisa fai irreversíbel manter a convocatoria de folga en demanda de que as empresas principais asuman compromisos claros, concretos e expresos. (Foto: Vista da mina de lignito de Endesa en As Pontes).
 
O pasado martes día 11 de xullo, chegouse a unha proposta de acordo para as mesas da industria auxiliar do carbón afectadas polo remate da actividade extractiva nas minas de Cerceda e As Pontes. Porén, diante da ausencia de Endesa na xuntaza, mantense a convocatoria de folga. A CIG fai un chamamento a CCOO e UGT para que manteñan o seu apoio a esta mobilización.

Ademais do compromiso de incorporacións de traballadores das auxiliares a Limeisa e Endesa, tomando como referencia un mínimo de 4 incorporacións por cada nove baixas, de todos os traballadores das auxiliares que poidan acceder a unha prexubilación conforme ao Plan Miner II, defínense as liñas mestras dun Plano de Recolocacións de todo o persoal das auxiliares que non reúna os requisitos para prexubilarse. Xunto a iso, chegouse ao acordo de manter ao maior número de empregados actuais diante do descenso progresivo da produción.

A CIG valora positivamente esta Proposta de Acordo aínda que a ausencia intencionada de Endesa e a postura negativa a aceptar este acordo por parte de Limeisa fai irreversíbel manter a convocatoria de folga en demanda de que as empresas principais asuman compromisos claros, concretos e expresos.

“Limeisa e Endesa están na obriga”, explica o secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril, “de asinar esta proposta de acordo para que esta folga non teña lugar e para que asuman a súa responsabilidade cos traballadores das auxiliares”.

A CIG entende que o Goberno central, Limeisa e Endesa se aproveitaron durante décadas das minas galegas para satisfacción do desenvolvemento económico, obtendo en exclusiva multimillonarios beneficios da produción enerxética, como para que agora, diante do seu peche, non garantan alternativas de futuro para os traballadores das empresas auxiliares.

Carril fai un chamamento a que CCOO e UGT asuman tamén a súa responsabilidade e sexan quen de secundar esta folga e todas as medidas necesarias para que estas Propostas de Acordo sexan unha realidade.

O secretario comarcal da CIG de A Coruña agarda que así sexan quen de corrixir que na negociación do Plano Miner II, negociado e asinado en Madrid o 28 de marzo de 2006 por CCOO, UGT e o Ministerio de Industria, teñan esquecido estes dereitos á incorporación e recolocación para todos os traballadores das auxiliares de Cerceda e As Pontes.

 
 
Informacións relacionadas
12/07/2006 Desde as 23:00 horas do 19 de xullo até as 24:00 horas día 20, e desde as 23:00 horas do 25 de xullo ás 24:00 horas do 27
Anúnciase convocatoria de folga nas minas galegas do Carbón, Limeisa e Endesa e Auxiliares
16/05/2006 O BNG demanda no Parlamento de Galiza medidas para os traballadores das auxiliares do carbón
08/05/2006 Galiza discriminada no Plan do Carbón asinado por CCOO e UGT
10/03/2006 Só recibirá 135 dos 195 millóns que lle corresponderían tendo perdido xa 140 no período 1998-2005
A CIG considera que o reparto dos fondos do Plan do Carbón 2006-2012 discriminan a Galiza
26/01/2006 No período 1998-2005 tan só recibiu 64 dos 200 millóns que lle correspondían
Galiza discriminada no reparto de fondos mineiros
 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/07/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta