|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nota da Dirección Nacional da Federación de Químicas e Enerxía Reunida en Compostela a Dirección Nacional da Federación de Químicas, Enerxía e Minería da CIG e analizada a problemática que se está dando na mina de Serrabal en canto ao trazado do AVE, que o Ministerio de Fomento leva o tren polo medio e medio da mina de Serrabal, propiedade de Villar Mir e que ao parecer a única noticia sobre o tema está a ser a indemnización que vai levar o Sr. Villar Mir. Esta Dirección Nacional quere recordar que na mina traballan directamente máis de 100 traballadores, xerando riqueza aos concellos de Vedra e Boqueixón, que non andan sobrados de postos de traballo e que o comercio da zona quedará seriamente afectado. Esta Dirección Nacional opina que é moi importante ter en conta, á hora de redactar un proxecto deste tipo, as variábeis de impacto ambiental, afectación a núcleos habitados, tal e como nos consta que se tiveron en conta, pero faltou estudar as repercusións que xera a perda destes postos de traballo. Esta mina está a producir, entre outros minerais, seixo de alta calidade (silicio solar) que está servindo para traballar en proxectos novos de I+D+i. Ao igual que os traballadores e os Comités de Empresa, a esta Dirección Nacional da Federación de QE-CIG fáisenos difícil entender que se abonen indemnizacións de máis de 325 millóns de euros, cando o actual trazado fica orzamentado en 125 millóns. Cinco quilómetros de AVE van ter uns custos iguais que o AVE Ourense–Santiago. Tamén hai industrias que dependen da mina sufrindo as consecuencias Ramsa e Ferroatlántica, situadas en Sabón e Cee que os seus cadros de persoal vanse ver afectados polo trazado de Fomento empeñado en non variar un trazado do AVE que a todas luces non é o axeitado. Unha pequena variación permitiría conxugar os intereses dos traballadores e traballadoras, das familias, das veciñas e veciños, de Galiza e aforraría diñeiro Fomento. Solicitamos das administracións española e galega retomen o tema sabedores que co actual trazado perderanse centos de postos de traballo.
|
|||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/07/2006 |
|||||||
|