|
Actualidade CIG-Comunicación-
Nesta proposta de acordo defínense compromisos de incorporación e recolocacións dos traballadores da industria auxiliar da minaría do carbón galega diante do inminente remate e peche das minas de Cerceda e As Pontes. Un acordo que debería asinarse de contado dado o unánime seguimento da folga. A CIG reclama que o peche das minas galegas do carbón dea alternativas e solucións aos traballadores e comarcas afectadas e que as empresas e o goberno español asuman as consecuencias sociais, laborais, económicas e medio ambientais diante do peche das minas. Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña lamenta o papel de UGT e CCOO diante desta convocatoria de folga, ao non terse sumado á mesma. “Todo indica”, di Carril, “que non lles foi dabondo a deixadez feita dos intereses das minas galegas do carbón na negociación do Plano Miner II, asinado o pasado 28 de marzo en Madrid por CCOO, UGT, Ministerio de Industria e a patronal do Carbón, que esqueceu aos traballadores da industria do carbón de Galiza”. O secretario comarcal da CIG de A Coruña engade ademais que “o éxito desta folga representa un descrédito sen precedentes para CCOO e UGT, que logo de ter negado os dereitos dos traballadores galegos das auxiliares a un futuro de recolocacións e de incorporacións e logo de facer o que fixeron para evitar esta folga os traballadores foron quen de pasar por riba desas centrais sindicais”. A CIG non vai consentir que o Goberno central, Limeisa e Endesa pretendan acometer o peche das minas sen compensación algunha para o cadro de persoal das empresas auxiliares, para as comarcas afectadas e para Galiza, logo de terse aproveitado da espoliación dos recursos naturais galegos e da produción enerxética galega para o desenvolvemento económico do Estado español. |
||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/07/2006 |
||||||||||||
|