|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os Comités de Empresa sinalan que a Mina de Serrabal constitúe unha actividade mineira de grande importancia e riqueza para o noso País –sendo polo tanto circunstancial á empresa que teña nun ou outro momento esta concesión-. Así, lembran que desta mina se extrae, entre outros minerais, seixo de altísima calidade (silicio solar) que está a servir para desenvolver proxectos pioneiros en I+D+i. Boa proba disto é que no ano 1999, cando esta explotación viviu un cambio de concesionaria, os antigos propietarios da explotación, unha empresa con capital noruegués, condicionaron a contratación de sendas fragatas a IZAR a garantirlles un mínimo de toneladas/ano deste mineral. Xunto a iso, consideran que tanto desde a Administración do Estado como desde a Administración autonómica débese tomar esta cuestión coa importancia que se merece, máis aínda cando están en cuestión varios centos de postos de traballo e apelan á responsabilidade para preservar a plena viabilidade desta explotación mineira, e polo tanto dos postos de traballo, subliñando que non é incompatíbel co desenvolvemento en tempo e forma das infraestructuras ferroviarias no noso País, na Galiza. Os traballadores e traballadoras afectados afirman que a única opción posíbel é garantir a plena viabilidade desta explotación mineira para manter así a globalidade dos postos de traballo e salientan que de nada sirve “que a indemnización pola posíbel expropiación de terreos da mina sexa maior ou menos”. Alén diso, reiteran a defensa dos postos de traballo existentes, non só na mina, senón tamén nas industrias dependentes (Cee e Sabón) e, polo tanto, a defensa de presente e futuro da total viabilidade desta explotación mineira. |
||||
Informacións relacionadas
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/07/2006 |
||||
|