|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
Consuelo Martínez: O día 21 de xuño, tras intentar pactar uns servizos mínimos coa empresa que garantiran o dereito á folga, non houbo acordo, polo que se decidiu remitir as propostas da empresa e o comité de folga á Consellería de Sanidade para que mediara e decretara os servizos mínimos. Ese mesmo día mobilizáronse os traballadores e saiu de Povisa unha caravana de 150 coches con carteis alusivos á negociación do convenio colectivo e á convocatoria de folga, encabezados pola megafonía da CIG que recorreron o centro da cidade. A mobilización foi un éxito, con gran repercusión nos medios de comunicación locais, e no hospital vivíase un ambiente moi propicio para a folga, até o punto de que mesmo os contratados/as estaban participando activamente en todas as mobilizacións. O día 22 de xuño, mantivemos unha nova reunión da mesa negociadora, na que a empresa repitiu a mesma oferta, pero engadindo para o ano 2008 un 0,5% máis de aumento salarial e redución de xornada de 1 día. Ao non aceptar regular a contratación nin a limitación dos contratos en prácticas, rematou a reunión sen acordo. Ese mesmo día celebrouse unha Asemblea de traballadores/as para informar sobre a negociación e o non acordo nos servizos mínimos. Pero para sorpresa de todos e todas, CCOO, UGT e SGPS unilateralmente, sen ter comentado nada no pleno do Comité de Empresa nin pedir opinión á Asemblea, deciden convocar un referendo para a aprobación da oferta da empresa e aprazar a folga para o día 4 de xuño.
Consuelo Martínez: A CIG manifestou na Asemblea e entregou por escrito, no pleno do Comité de Empresa para que constara en acta a súa oposición a respecto desta forma de actuar, xa que só a Asemblea ten potestade para aprazar a folga e convocar o referendo, porque foi a Asemblea quen decidiu convocala. Solicitamos tamén que ao referendo non fose convocado o colectivo médico, pois nunca participan nas asembleas de traballadores/as, o seu salario páctano individualmente coa empresa ao marxe do convenio e xa se pronunciaran en contra da folga e a favor da sinatura do convenio nunha asemblea só para médicos/as, convocada por O'MEGA (sindicato corporativo). Pero o colectivo médico aseguraba o trunfo da proposta da empresa, polo que non só se lles convoca ao referendo senón que CCOO, UGT e SGPS fan campaña entre os médicos/as pedíndolle que acudan a votar. Ademais o referendo foi convocado para votar SI para aceptar a proposta da empresa e asinar o convenio e NON ir á folga. Paula Castro: Que pediu a CIG que se votara no referendo? Consuelo Martínez: A CIG pediu que se votara en contra da sinatura do convenio. Ademais, o persoal que participou nas mobilizacións sentiuse estafado polas seccións sindicais convocantes e nós quedamos de novo en solitario na defensa dos intereses dos traballadores/as. Paula Castro: Nos días seguintes a sección sindical da CIG tivo que enfrontarse a máis problemas. Podes explicar que ocorreu? Consuelo Martínez: O día 27 solicitamos á presidenta do Comité de Empresa unha copia do censo que se ía usar para o referendo ao tempo que comunicamos os nomes dos nosos interventores/as. Porén, negáronse a recoller o comunicado, así que o entregamos no Departamento de Persoal para que se nos entregara o censo. O día 28, ás 08:00 horas deu comezo o referendo e denegóusenos o censo e o dereito a interventores. As seccións sindicais convocantes fixeron corpo coa dirección en contra dos dereitos da CIG, até o punto de que estes sindicatos avisaron á empresa para que desaloxara aos delegados/as da CIG do salón de actos no que se estaba a realizar a votación, xa que ante a falla de censo estábamos pedindo aos traballadores/as que se identificaran ante nós para poder levar control da votación. A empresa obediente, enviou ao xefe de Persoal e ao xefe de Seguridade e expulsou aos delegados/as da CIG. Foi necesario chamar á Inspección de Traballo, ao tempo que se presentaron en Povisa o secretario comarcal e o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG. O inspector de Traballo obrigou á empresa a entregar copia do censo á CIG e a permitir a nosa permanencia no salón de actos. A esas alturas xa eran as 12:00 horas, polo que houbo 4 horas de votación que non controlamos. Alén diso, as urnas estaban tapadas cando se iniciou a votación, polo que non se podía asegurar que estivesen valeiras nese momento. Ante a nosa presenza no salón de actos e comprobar que temos o censo, as seccións sindicais de CCOO, UGT e SGPS volveron pedir á empresa que nos impedira controlar o referendo e ante a imposibilidade de facelo, chamaron ao conselleiro delegado para darlle as queixas. Durante todo o día do referendo -a votación rematou ás 11- apareceron varios anónimos repartidos polo hospital que tiñan como único obxectivo desprestixiar á CIG e que segundo comentarios foron iniciativa da propia dirección. Tamén chegaron testemuñas de presións aos médicos para que participaran no referendo. Evidentemente toda a dirección e mandos intermedios pasaron polas urnas. Paula Castro: Cal foi o resultado final da votación? Consuelo Martínez: Ao final, a dirección gañou o referendo en votos: SI=515, NON=261. Censo: 1.428. Pero sobre todo, perderon CCOO, UGT e SGPS. Manipularon e venderon o convenio, regaláronlle á empresa un convenio a 3 anos que segue a deixar desprotexidos aos máis precarios, que non recolle ningunha mellora social, que non avanza en saúde laboral, que non garante dereitos para as mulleres vítimas de violencia de xénero, é dicir, un convenio que non responde ás expectativas e intereses dos traballadores/as. Paula Castro: Adoptará a CIG algunha medida ante esta situación? Consuelo Martínez: Presentaremos demanda por represión sindical contra a empresa e os sindicatos convocantes do referendo. Paula Castro: En que consiste o novo convenio? Consuelo Martínez: Non temos información, cando estivemos presentes en todas as reunións da mesa negociadora. Nin nos chamaron para a súa redacción, nin se nos deu explicación sobre algún punto que din que está negociado como promoción interna ou permisos retribuídos. Tampouco sabemos se nos chamarán para a sinatura do Convenio ou se CCOO, UGT, SGPS, O'MEGA e Empresa xa decidiron que a CIG non vai asinar este convenio. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/07/2006 |
||||
|