|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Sostén isto Núñez Feijoo, ao tempo que el e mais o seu partido negan a Galiza a súa consideración histórica de “nación”. Dalgún xeito, é coherente o PP negando este estatus ao noso país, coherente cunha visión do Estado español tan reaccionaria e centralista como a que posúe desde sempre este partido. Partido nado -é ben lembralo- das cinzas daqueloutro partido, Alianza Popular (fundado entre outros por Manuel Fraga Iribarne), oposto a calquera descentralización político-administrativa do Estado e herdeiro dunha das pólas do caduco réxime franquista. Sostén Núñez Feijoo tal afirmación por que el, eles, si teñen resolto o problema identitario: son españois e exercen como tales. Ben, exercen como tales porque o poden facer, fronte aos que non podemos exercer a nosa identidade, os galegos, por exemplo. O marco xurídico-político ampara isto: a Constitución española vén a ser isto. E sábeno ben no PP, que apelan unha e outra vez á esa idea delirante e apolítica de que “racha España”. Velaí a primeira contradición: se a cuestión identitaria é secundaria -ou, o que vén a ser o mesmo, está resolta para o PP-, por que concentrar toda a acción política do seu partido nesa idea, a “unidade de España”? E ademais fano desde unha concepción totalmente fundamentalista do feito, apelando, dito sexa de paso, non á intelixencia das persoas senón ás súas vísceras. Segunda contradición: se o PP sostén que o novo Estatuto de Galiza non pode quedar por baixo do aprobado para Catalunya, como cadrar isto con que o Estatuto catalán si fai mención a que Catalunya é unha nación? Dentro da lóxica do debate estatutario, sábese que non vai ser indiferente que nos diferentes textos en reforma se inclúa ou non a consideración de determinadas “comunidades” como nacións. De feito, Andalucía (por vontade do mesmo PSOE) apresurouse a incorporar a fórmula “realidade nacional” ao seu novo texto estatutario, porque sabe que así consolida un estatus distinto ao doutras das definidas na Constitución española como comunidades autónomas. Estatus diferente que até o de agora se recollía baixo a fórmula “nacionalidade histórica”, aplicado a Galiza, Euscadi, Catalunya e tamén para Andalucía. Terceira contradición: se o PP sostén que o importante é falar do “financiamento”, por que durante os meses que levamos de debate estatutario esta cuestión non foi nin mencionada polos líderes do partido dereitista? Habería que lle dicir a Núñez Feijoo: É ou non é a economía, paspán? Pois será, abofé que será a economía. Saiba Núñez Feijoo, e os seus, que os que non renunciamos á nosa identidade de galegos tamén acreditamos en que a Galiza do futuro deberá ter nas mans a chave da súa economía. Nazón de Breogán si, pero a vaquiña polo que vale...
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/07/2006 |
||||
|