Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 13 de xullo de 2006

Con alevosía e nocturnidade, outro regalo para a patronal
 

Silvia Bermúdez Pérez-

CIG-Mocidade


  Galiza contra a Reforma Laboral, clic para aumentar
Coa anterior reforma a patronal aforraba os salarios de tramitación cando recoñecía a improcedencia do despido disciplinario e, no prazo de 48 horas desde a extinción do contrato, depositaba a correspondente indemnización para a traballadora ou traballador. Ésta é actualmente a vía máis escollida polas empresas para o despido individual. É ben saber que dita reforma foi contestada por TODOS os sindicatos na Folga Xeral do 20 de xuño do 2002. Desde o pasado 1 de xullo amplíase este suposto a cando a patronal recoñeza a improcedencia do despido por causas obxectivas (organizativas, tecnolóxicas, económicas e produtivas) da persoa traballadora co mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”. (Foto: “Galicia contra a reforma, polo emprego e a protección social”, lema da pancarta de cabeza da manifestación en Vigo o día da Folga xeral do 20 de xuño de 2002. ©Fernando Pol).
 
O Goberno do PSOE, a CEOE e os “sindicatos” CCOO e UGT introduciron a última hora unha importante medida no Real Decreto Lei da Reforma Laboral, que non figuraba no Acordo asinado o 9 de maio.

Agora, grazas á Reforma Laboral, as empresas non terán que pagar os salarios de tramitación no despido por causas obxectivas dun/ha traballador/a co mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”, sempre que no prazo de 48 horas a empresa recoñeza a improcedencia do despido e deposite no Xulgado do Social a indemnización correspondente.

Os salarios de tramitación fan referencia á compensación económica que percibe o traballador ou traballadora, polo tempo transcurrido desde o momento do despido até a sentenza, cando ésta establece a improcedencia do mesmo. É dicir, se o teu despido é improcedente tes dereito a cobrar (loxicamente) o salario que deixaches de percibir desde o momento do despido até que sae a sentenza. O normal é que isto supoña tres meses de salario.

O Goberno do PSOE, co aval do sindicalismo españolista, da un paso máis na flexibilización do despido, e completa a supresión dos salarios de tramitación iniciada na Reforma Laboral do desgoberno do PP.

Coa anterior reforma a patronal aforraba os salarios de tramitación cando recoñecía a improcedencia do despido disciplinario e, no prazo de 48 horas desde a extinción do contrato, depositaba a correspondente indemnización para a traballadora ou traballador. Ésta é actualmente a vía máis escollida polas empresas para o despido individual. É ben saber que dita reforma foi contestada por TODOS os sindicatos na Folga Xeral do 20 de xuño do 2002.

Desde o pasado 1 de xullo amplíase este suposto a cando a patronal recoñeza a improcedencia do despido por causas obxectivas (organizativas, tecnolóxicas, económicas e produtivas) da persoa traballadora co mal chamado “contrato de fomento do emprego indefinido”.

Ao parecer o abaratamento do despido, o aumento das subvencións ás empresas (1.200 millóns de € cada ano!)(1) e a rebaixa das cotizacións empresariais (2.530 millóns de € cada ano!)(2) non eran regalo suficiente para a patronal, por iso a Reforma agachaba unha nova renuncia.

Podería preguntarme a onde vai toda esa pasta? A resposta é clara, ao espectacular aumento dos beneficios empresariais dos últimos anos. Os datos económicos do primeiro trimestre do 2006(3) son contundentes, o aumento dos beneficios empresariais multiplica por dez ao aumento dos salarios! Así, mentres o beneficio das empresas non financeiras aumentou un 32,4%, e o das empresas que cotizan en bolsa un 40%(4), os salarios da clase traballadora unicamente creceron un 3,2%.

O modelo de pacto social practicado por CCOO e UGT é corresponsábel de que nos últimos 12 anos os salarios reais do Estado español permaneceran estancados, como recentemente sinalou a OCDE. Isto quere decir que se non temos en conta a inflación (IPC) agora cobramos o mesmo que no ano 1994. Tendo en conta que a inflación sufrida por aquelas persoas con menores ingresos supera o IPC real, incluso podemos afirmar que as rentas máis baixas perderon poder adquisitivo.

Menudo reparto da riqueza! Até cando vai seguir subvencionando o Estado os beneficios mutimillonarios das empresas?

Contención salarial? Non grazas.

Sempre gaña quen máis ten, xa está ben!


Vigo, 12 de xullo de 2006.

 
 

Silvia Bermúdez Pérez,
membro de CIG-Mocidade.

  Silvia Bermúdez
 
 

 

Notas:

(1) Datos oficiais do Ministerio de Traballo.

(2) Idem.

(3) Datos ofrecidos polo Banco de España.

(4) Datos da CNMV.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/07/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta