|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
A guerra incivil do 1936 ao 1939 determinou a saída de moitas galegas e galegos, e a escolla do lugar de emigración dependeu moito, simplemente, do país que quixese acollelos, como foi o caso de México ou Venezuela. A chegada de exiliados, a súa recepción por parte do goberno venezolano, chocou coa oposición dunha maioritaria opinión católica tradicional que apoiaba abertamente ao xeneral Franco e a súa “santa cruzada”. Só os vascos salvaron os obstáculos da chegada e da entrada polo seu recoñecido e aberto carácter de católicos conservadores. O 11 de xullo de 1936, co fin de fomentar a inmigración, apróbase en Venezuela a Lei de Inmigración e Colonización. A lei especificaba claramente quen podían acollerse á lei e entrar a Venezuela. Entre os principais requisitos estaba o de ser de raza branca, non ter antecedentes penais, ter un oficio e non profesar ideas contra a Constitución ou a forma de Goberno.
Arxentina foi pioneiro nesta política. Poboou o sur con galeses, escoceses e galegos. A provincia de Buenos Aires, porén, era un fervedoiro de razas. Rusos, polacos, xudeus, españois e centos de milleiros de italianos xunto a galegos non fixeron a Arxentina máis rica materialmente, mais lograron sintetizar unha interesante e marabillosa identidade que abraia ao achegarse a ela. Países como Chile coa colonización da chamada Nueva Galicia (Chiloé) con colonos alemáns. Perú coa chegada de italianos, iugoslavos e suízos. Brasil con mil razas distintas. Dominicana co afán de “branquear” o país admitiu a milleiros de xudeus fuxidos da Europa de Hitler e tamén a milleiros de republicanos españois exiliados. A inmigración foi unha constante en Latinoamérica. Porén Venezuela recibira unha reducida cantidade de inmigrantes. Nun principio foron os soldados mercenarios ingleses, escoceses, prusianos e irlandeses os que acompañaron a Bolívar na súa guerra de independencia contra o dominio español. Apelidos como Uslar, Braun, O’Leary, Alexander, Vollmer son de descendencia directa de todos eses homes que por unha miserábel soldada, viñan co seu equipamento da fría Europa a loitar nas chairas venezolanas con compañeiros que montaban dacabalo sen arneses, sen zapatos e sen camisa, só cun machete ou unha lanza.
No século XIX co agromar do comercio de café, azucre e cacao comezan a asentarse en Venezuela os primeiros agricultores e comerciantes agrícolas. Alemáns, italianos, corsos, canarios e xudeus. Venezuela, país coa cidade continental máis antiga de América do Sur, Cumaná, posúe tamén o cemiterio xudeu máis antigo de toda América, o cemiterio de Coro, Venezuela sempre tivo fitos á hora da chega a este continente e á hora da saída como é o caso do cemiterio, ademais de estranxeiros. Este desenvolvemento da inmigración do século XIX parou coas incertezas políticas de Venezuela que fixeron do país un dos máis inseguros política, económica e socialmente. O clima húmido e caloroso, as guerras federais e os caudillos que por todo o país impuñan a súa lei facía de Venezuela un país salvaxe e inaccesíbel para o inmigrante europeo.
O derradeiro caudillo en tomar o poder polas armas ao mando da súa propia montoneira foi o andino Cipriano Castro (1854-1924). Castro representa a morte do século XIX e a entrada do XX. Xunto ao desarme dos caudillos provinciais e a construción dun exército nacional, Castro, inimizase co capital e as potencias estranxeiras da época, tanto, que Venezuela chega a sufrir un bloqueo naval angloitaloalemán en 1902 fronte a La Guaira. Castro tiña como inimigos aos representantes da banca venezolana e aos intereses estranxeiros. En 1901 estalla o máis importante movemento de oposición contra Castro: a Revolución Liberadora. Neste levantamento están unidos os máis importantes banqueiros venezolanos, Manuel Antonio Matos, e importantes empresas representantes do capital estranxeiro como New York & Bermúdez Company que tiña unha concesión para a explotación de asfalto. A Compañía del Cablé Francés e a empresa alemá do Gran Ferrocarril de Venezuela. En decembro de 1902 son as potencias estranxeiras, Italia, Gran Bretaña e Alemaña, as que reaccionan e bloquean todos os portos venezolanos, Castro dirá a súa frase entre épica e melodramática: “A pegada insolente do estranxeiro profanou a sagrada terra da patria”.
Estados Unidos xa non é tan conciliador. O presidente Theodor Roosvelt ameaza con invadir senón se suspende o xuízo contra a New York & Bermúez Company, Castro contraataca nacionalizando ao persoal da empresa. Inician un litixio para expropiar outra empresa estadounidense a Orinoco Steamship Company. As relacións diplomáticas quedan rotas en 1908. O seu compadre e vicepresidente Juan Vicente Gómez aproveitará unha viaxe a Alemaña de Castro para darlle o que el chamou a “patada histórica” e separalo do poder. Será Juan Vicente Gómez o que definitivamente mate o caudillismo e a época medieval en Venezuela. Tres décadas de escurantismo durante o goberno de Gómez permitiron aos venezolanos e venezolanas loitar arreo contra esta ditadura que moitos chamaron dun “demo eterno”. Dende a “patada histórica” até o 17 de decembro de 1935 durou. A era de Gómez foi a época dos cárceres e das cadeas á mellor xeración intelectual que tivo o país, máis é tamén a época do cambio. A aparición do petróleo non só permitiu a Gómez cancelar a débeda externa venezolana, senón que permitiu o cambio da sociedade e a chegada de inmigrantes. A economía co pulo petroleiro, acelerou a marcha cara á medra. A sociedade venezolana deixou de ser rural e fíxose urbana. Mandaba o sucesor do xeneral Gómez, o tamén xeneral Eleazar López Contreras. Aprobárase no 1936 a Lei de Inmigración e Colonización e en 1937 unha Lei de Estranxeiros que concedía a estes os mesmos dereitos que aos venezolanos. Asemade creábase unha colonia de traballo para os “inadmisíbeis ou perniciosos”, é dicir primaba moito o espírito do goberno de Castro e Gómez con respecto aos estranxeiros(1). Coa progresiva perda da República, Francia comeza a recibir centos de milleiros de exiliados e desprazados. Solicita a Venezuela cooperación e acollida, ao que Venezuela responde que “a capacidade de absorción de inmigrantes no momento, estaba limitada polas disposicións legais, polo incipiente funcionamento dos seus organismos de colonización, pola necesidade de escoller os elementos de integración entre traballadores agrícolas, os técnicos e os obreiros especializados en certas industrias, polas exixencias do equilibrio demográfico, que reclaman diversidade racial, polo deber de preservación da paz social que puidera ser perturbada pola admisión sen reservas de elementos que profesen “ideoloxías extremas”, circunstancia que impón métodos coidadosos de selección”. Ante as autoridades franquistas actuaba como ministro plenipotenciario Carracciolo Parra Pérez que recibira instrucións do seu goberno para que admitise agricultores, técnicos e empregados de industrias, preferibelmente vascos e cataláns, mineiros e obreiros metalúrxicos, pero tendo en conta que a selección debía ser “coidados” e excluírse aos “extremistas”.
O ITIC estaba, nese momento, en mans do escritor Arturo Uslar Pietri que estaba contra “a inmigración de negros e axitadores profesionais, porque traerían levantamentos políticos e crearían disturbios para os seus propios fins”(2). Destas escolleitas raciais e políticas salvábanse os vascos porque segundo os venezolanos “ían a misa todos os días”. A prensa venezolana do momento, de Caracas e de provincia defendía a chegada de inmigrantes: “O que precisamos é xente que vaia ao campo, que contaxie ao noso decaído e tímido agricultor de entusiasmo e a forza precisa... xentes sás e robustas que non veñan co interese egoísta de procurarse en pouco tempo unha posición folgada, senón co propósito firme e decidido de traballar”(3). Os primeiros inmigrantes e exiliados chegaron en 1939. Entre eles viñan poucos galegos e si moitos vascos dende Francia.
O problema da inmigración en Venezuela tiña moitos problemas. Os xornais mantiñan unha guerra aberta contra a inmigración aberta. Xornais como o pro franquista La Esfera e Ahora dicían que debíanse preferir labregos e tamén pastores “non precisamos médicos nin avogados nin escritores nin choferes nin comerciantes nin outras profesións urbanas coa única excepción de obreiros expertos”. As últimas chegadas de inmigrantes deste primeiro período, procedentes de Francia, aconteceron en 1940. O 2 o 11 e o 24 de xaneiro, o 22 de febreiro e dúas máis no mes de abril. En xuño embarcaran 300 inmigrantes españois, chegando a Venezuela varios barcos doutras partes con máis inmigrantes españois, os días 16, 17 e 18 de xullo, sendo este o derradeiro continxente en saír de Francia, xa que, en adiante, era imposíbel obter unha pasaxe alí senón era cara ao Estado español. A pesar da situación, o 4 de decembro chegan a La Guaira máis inmigrantes.
Pero a entrada de inmigrantes e a política migratoria chocaba con gran cantidade de obstáculos. Dende xornais de provincia como Panorama podían lerse críticas ao goberno por non aplicar aos “nacionais desposuídos” os esforzos dos distintos comités a prol dos refuxiados españois. Outra das críticas (infundada e inexacta) sinalaba que os inmigrantes, lonxe de ir ao campo, quedaban na cidade desprazando ao traballador venezolano e dicindo que o Goberno venezolano rexeitaba a entrada de asiáticos, chineses principalmente, cando estes traballadores o máis probábel é que si traballasen sementando arroz. Agromos de xenofobia comezaban a expandirse pola sociedade venezolana, tanto na prensa como na xente. Rematando o mes de novembro de 1940 os obreiros de artes gráficas convocaban unha xuntanza para tratar o problema dos traballadores vascos, reseñado por El Heraldo, chamando a atención verbo o sentimento contrario aos estranxeiros que existía en moitos traballadores venezolanos, desprazados por eles, pois traballaban por salarios mínimos(4). Os galegos chegaron da man do Estado venezolano neses anos do 1949-1941. Inda que a entrada máis grande fóra de vascos principalmente. A pasaxe de barco era costeada, ás veces, polo Goberno venezolano, e o aloxamento, por quince días o máis no hotel de inmigrantes tamén. As dificultades reais para a maioría dos inmigrantes comezaban tempo despois. Así podían lerse na prensa venezolana anuncios de traballadores inmigrantes ofrecéndose para calquera clase de traballo por soldos irrisorios, os traballos eran escasos e moitos inmigrantes decidían marchar a outros países como á illa holandesa de Curaçao fronte as costas venezolanas.
As chegadas de inmigrantes son escasas estes anos e non contabilizadas. No seu primeiro número o 25 de agosto de 1941, o xornal do Goberno venezolano El Tiempo fala da chegada de 23 inmigrantes españois sen especificar a orixe nin a condición inda que especifica que son labregos e obreiros. Nas Memorias do Ministerio de Relacións Interiores entre 1941 e 1944, fálase da chegada de inmigrantes españois, mais sen especificar a orixe nin a cantidade. Os inmigrantes que chegaban a Venezuela a comezos da década dos corenta atopaban un país que non era o que tiñan en mente. Decepcionábanse pola pobreza e miseria do país. A diferencia de costumes malia falar o mesmo idioma nos caso dos españois que non dos galegos, vascos ou cataláns. Os deficientes ou nulos servizos públicos, a extremada pobreza dos habitantes, maior ca súa, a infancia abandonada polas rúas xunta á maior das riquezas despilfarradoras, a inexistencia de centros educativos ou de saúde e o ambiente provinciano-rural incluso da capital Caracas.
O xornalista pregúntalle sobre o traballo que facía en Venezuela e contestou que era xornaleiro e engadía: “mais iso non é graza, vin a facerme rico non a traballar...”.
A odisea das pateras de galegos e canarios no Atlántico A Junta Revolucionaria da un golpe de Estado o 18 de outubro de 1945 ao Goberno do sucesor de Elezar López Contreras, o militar Isaías Medina Angarita.
Ademais para os exiliados en xeral mil mostras de apoio e solidariedade pola causa que defendían. O recoñecemento da República española no exilio coma Goberno lexítimo dos españois e a ruptura de relacións diplomáticas co Goberno militar de Franco mudou moitas cousas para a colectividades española e galega na Venezuela. Froito da nova situación comezaron a chegar gran cantidade de inmigrantes e exiliados ilegais dende as illas Canarias. A meirande parte deles eran galegos desterrados despois de cumpriren condenas de privación de liberdade na península entre 1936 e 1939, liberados debido á grande cantidade de prisioneiros republicanos que encheron os cárceres unha vez rematada a guerra. Estes homes postos en “liberdade” foron desterrados ao arquipélago canario sen documentación e nunha situación moi difícil. Moitos deles, mariñeiros, foron os aventureiros que se atreveron a encher fráxiles embarcacións a vela con exiliados económicos canarios para chegar á costa venezolana.
O cónsul republicano ante a Junta Revolucionaria venezolana era o avogado lucense de Izquierda Republicana Jesús Vázquez Gayoso. Este profesor de dereito exiliado primeiramente en Cuba e Panamá logrou que moitos dos inmigrantes irregulares que viñan dende as illas Canarias lograsen un permiso de residencia por parte das autoridades venezolanas. A situación internacional era humanamente unha desfeita. Aínda quedaban máis de 80.000 refuxiados republicanos en Francia en 1945, ademais de miles e miles nos campos de concentración estadounidenses no norte de África. A todo isto debemos sumar a gran cantidade de refuxiados europeos que procuraban un barco no que embarcarse rumbo a Latinoamérica. Ex prisioneiros rusos, coma Alexander Rastvorov, nos campos de concentración de Alemaña, collían o primeiro barco que saíse de porto alemán antes que ser enviados a Siberia para a súa “reeducación” no socialismo despois de seren “contaminados” polo occidente capitalista.
O Estado venezolano tratou de mellorar a situación dos inmigrantes. Improvisaron unha especie de aloxamento e comezou a facerse cargo do pagamento en pensións particulares, ao prezo antes sinalado de 7 bolívares por persoa ao día que era o equivalente a dous dólares estadounidenses. O Estado iniciou a construción dun centro de acollida en Maracaibo. Tamén en dúas zonas céntricas de Caracas, El Guarataro e Sarría servían aos inmigrantes 4.410 comidas diarias. En El Guarataro o Estado alugou un edificio completo con cinco andares para aloxar a 450 inmigrantes no que tiñan servizo médico e asistencia social e en Sarría construíronse dezaoito barracóns acondicionados e un internado para nenos.
O organismo encargado da inmigración en Venezuela tratou, dentro das súas pobres posibilidades, de solucionar os problemas dos recentemente chegados. En outubro de 1946, na sesión da Comisión Preparatoria para os Refuxiados no Pazo das Nacións de Xenebra, W. H. Tuck informaba da suspensión do transporte de persoas ao Brasil como consecuencia das lamentábeis condicións nas que se encontraban e que en Venezuela a situación era similar, ina que ía mellorando. Venezuela non tardou en aceptar quince mil inmigrantes máis españois e italianos. Unha primeira parte chegou en marzo de 1947 no Colombie único barco que facía o servizo entre ambos países. Pero a inmigración aínda contaba con moitísimos detractores. El Impulso de Barquisimeto escribía contra a chegada de máis inmigrantes e que se lles alimentara por un tempo, mentres existisen tantos desempregados e lembrando a época do presidente López Contreras na que chegaron moitos inmigrantes para traballar a terra e terminaron suplantando aos obreiros venezolanos porque aceptaban traballar por menos soldo e trouxo como consecuencia unha vaga xenófoba nunca antes coñecida en Venezuela.
Porén outros xornais defendían a chegada de inmigrantes e La Esfera de Caracas pedía que non se exíxese aos inmigrantes estranxeiros o que non querían para os cidadáns venezolanos, é dicir, a “aspiración arbitraria de que se instalen en zonas que os venezolanos abandonamos por insalubres e perigosas”, pois o único que se conseguía con esas pretensións era que marcharan e falaran mal do país(6).
Sen dúbida un elemento importantísimo dentro da inmigración galega a Venezuela foi Rómulo Gallegos Freire, descendente de galegos, e Andrés Eloy Blanco, o poeta ministro de Relacións Exteriores. Ambos, intelectuais e políticos, loitaron arreo contra a ditadura de Juan Vicente Gómez. Andrés Eloy sufriu cárcere e Rómulo Gallegos exilio, primeiro en New York e despois no Estado español combinándoo cos longas estancias en Beluso, Pontevedra. Rómulo era un namorado de Galiza. Dende os seus comezos tentara asinar as súas obras como Rómulo Freire, inda que puido máis o costume da época de colocar ámbolos dous apelidos.
“Castela, paternalismos creados pola Conquista, aquí non nos feren... A cortesía do galego e a mesma clasificación, de españois de segunda man, que o castelán imperialista nos dá a americanos e a galegos, fraternízannos. Rómulo Gallegos fai alí unha longa estadía, e non sería difícil que en Europa fora a terra adoptiva do venezolano, entrementres recupera América, á que pertence tan cabalmente como o Orinoco”. O contacto co explotado proletario galego é a única sociedade que interesa a Rómulo Gallegos e ao home. A vista dos amenceres e os solpores sobre a ría de Pontevedra, o coñecemento da poesía e a música deste pobo artista, non é difícil que extraian un libro da sensibilidade de Gallegos; pero iso será momentáneo, porque este home corresponde por sangue e por espírito á raza cósmica de que falou Vasconcelos, é fillo e parte da nosa paisaxe. Alí e así vive a súa vida de emoción e traba o o primeiro novelista de América, acompañado pola súa muller venezolana, Teotiste Arocha, colaboradora auténtica, sostén espiritual na súa obra.
Rómulo Gallegos asume a presidencia da República de Venezuela en 1948. Unha delegación da República española terá un trato especial na súa toma de posesión. Álvaro de Albornoz lerá ese mesmo día, no Congreso, un discurso no que falará da “traizón das democracias á causa republicana”. Rómulo Gallegos nomeará como secretario particular do seu cargo coma presidente da República de Venezuela ao ourensán membro do P.O.U.M. Alberto Fernández “Mezquita”, natural de A Mezquita e familia dos Assía. A partires da toma de posesión de Rómulo Gallegos terán entrada en Venezuela, con documentación veneciano, unha chea de coñecidos do presidente, dos seus anos na Galiza, e de galegos e españois que procuraban unha saída á represión que sufrían no Estado español fascista. A representación diplomática venezolana que serve de ponte para a saída de exiliados galegos e españois é a de Lisboa, aberta en 1942 con rango de Legación e de embaixada dende 1952. Por Lisboa cara a New York e despois a Caracas, con documentación venezolana, sairán Xosé Velo, Manuel Otero Castelao, Alberto Fernández Mezquita e moitos outros.
Lonxe dos seus lares, os inmigrantes galegos tentaron organizarse en asociacións. Seguindo ese espírito colectivo presente noutros galegos emigrados, dende Barakaldo até Buenos Aires. Pero as autoridades venezolanas, debido ao ingrediente altamente político destas Asociacións, puxeron infinidade de obstáculos para que os recén chegados puidesen organizarse de xeito legal. A preocupación básica de todos estes exiliados non podía ser outra que a de reiniciar os seus vínculos momentaneamente rotos coa Terra pola emigración, e agruparse arredor dos valores culturais, históricos, políticos e idiomáticos que guiaban as súas vidas na súa patria. As asociacións de estranxeiros de carácter político estaban totalmente prohibidas polas leis venezolanas, así, todas as asociacións de emigrantes, galegos, vascos, cataláns, canarios e españois tiñan un carácter cultural como imaxe, e político no seu interior(7). Os primeiros en asociarse foron os vascos, quen ao pouco de chegar, solicitaron unha autorización ao ITIC para celebrar unha festa o 24 de outubro de 1939. O Ministerio de Relacións Interiores, denegou o permiso alegando que da convocatoria publicada no xornal El Universal, desprendíase que tiña carácter político(8). Pero ao ano seguinte, en 1940, aproveitando a celebración de San Ignacio, organizaron unha serie de actos de carácter cultural e deportivo ofrenda floral ante o monumento a Bolívar e a doazón do recadado para a Cruz Vermella venezolana. O 8 de maio de 1941 o Ministerio de Relacións Interiores venezolano autoriza a creación do primeiro Centro de inmigrantes en Venezuela que era o Centro Vasco. Esta autorización foi ratificada ao ano seguinte, 1942, sendo o seu primeiro presidente José María de Etxezarreta.
Os vascos, xa vimos, tiñan un trato especial por parte da prensa e o goberno venezolano. Os cataláns, pola súa banda, tiñan moitas menos prerrogativas. As solicitudes de 1942 e 1943 para constituírse como centro foron rexeitadas polas autoridades venezolanas, ao seren considerados coma “perigosos extremistas”. Non foi até o 12 de abril de 1945 que tiveron autorización para constutirense coma entidade ao abeiro da lexislación venezolana. O seu primeiro presidente foi o médico Augusto Pi i Sunyer. Antes que os cataláns foron autorizados os canarios a constituirense como entidedade colectiva. O máis probábel é que a autorización residise na idea da inofensividade política do colectivo. Pero, antes que o catalán, tamén foi autorizado a funcionar o primeiro centro galego de Venezuela, o republicano Lar Gallego o 9 de outubro de 1945, inaugurado o 15 na republicana Casa de España. Ao acto asistiron tanto Rómulo Gallegos coma Andrés Eloy Blanco, recordando o primeiro os seus anos de exilio na Galiza e sendo, ámbolos dous, decalarados socios honorarios vitalicios do Lar.
Esta etapa, a da Junta Revolucionaria de 1945 presidida por Rómulo Betancourt e o goberno polo partido Acción Democrática de Rómulo Gallegos Freire por 9 meses en 1948 foi nulo con respecto á inmigración galega a Venezuela debido á inexistencia de relacións formais entre o Estado español e a República de Venezuela, porén, foi frutífero en recepcións de exiliadas e exiliados dende a Legación venezolana en Lisboa. Mais o golpe de Estado dun triunvirato militar contra Rómulo Gallegos determinou o remate da primavera do exilio, e paradoxo importante, a época de ouro da inmigración inculta politicamente e de carácter económico galega cara a Venezuela. Levaban anos Rómulo Gallegos e Andrés Eloy Blanco facendo campaña dentro e fóra de Venezuela para que tanto Venezuela coma o resto do mundo rompesen relacións co ditador Francisco Frano.
A época dourada chegaría co golpe a Isaías Medina Angarita en 1945. Xa en 1946 todos os exiliado vascos, galegos, cataláns e españois celebran abertamente o 14 de abril da man do embaixador republicano por Izquierda Republicana o lucense Jesús Vázquez Gayoso. Fue precisamente este acto de 1946 apoteótico para os exiliados en Venezuela., Vázquez Gayoso deu conta dos mesmos en El Nacional xunto a álvaro de Albornoz e Augusto Barcia en El País. Entre os actos un multitudinario encontro na praza de toros de El Nuevo Circo de Caracas na que falaron Andrés Eloy Blanco e Gordón Ordás. Neste acto cantou a coral do Lar Gallego o himno de Venezuela, da República e de Galiza e a coral Juan Gols do Centre Catalá interpretou Els segadors. Pero esta mano aberta de Venezuela cara a el exilio sufriría más tarde una puñalada trapeira cando se le dá un golpe de Estado ao goberno de Rómulo Gallegos en novembro de 1948. Rómulo Gallegos que pasara longas tempadas en Beluso cando o seu exilio tiña coma secretario persoal ao ourensán Alberto Fernández Mezquita, foi precisamente Mezquita o primeiro detido do golpe de Estado no Pazo de Miraflores, sede, do Goberno.
A idea dun golpe de Estado non era novidosa nin collía por sorpresa aos venezolanos nin aos exiliados. Carlos Delgado Chalbaud era o militar que comandaba o golpe. Este culto militar, que despois se convertería no primeiro e último presidente venezolano asasinado, estivera exiliado con Rómulo Gallegos no Estado español durante a ditadura de Juan Vicente Gómez. Ministro no goberno de Gallegos mantiña unha grande desconfianza sobre os exiliados republicanos e con moita razón, pois moitos deles, agradecidos a Rómulo Gallegos levaban tempo armándose e incluso ofreceranse publicamente para defender a legalidade democrática venezolana polas armas igual que fixeran coa republicana española. Do centro republicano español en Caracas, Casa de España, saíron tres grupos armados para defender o goberno de Gallegos. Inmediatamente foi tomado pola policía e unha gran cantidade deles foron detidos, algúns simplemente, por ser socios da Casa de España. Doutra volta, unha vez vitorioso o golpe contra Gallegos, agromou a xenofobia en algúns medios que declaraban a incompatibilidade entre os estranxeiros e a súa intromisión na política nacional. A Junta de Goberno estaba integrada por Carlos Delgado Chalbaud como presidente, Marcos Pérez Jiménez e Luis Felipe Llovera Páez.
O novo goberno militar restabelece relacións con Franco a comezos de abril de 1949. Os exiliados republicanos coma Silvio Santiago ou Vázquez Gayoso continúan coas súas actividades normais inda que sen moita publicidade. Así o 14 de abril de 1949 a Casa de España tiña pensado a colocación de dous cadros, un de Companys e outro de Castelao na súa sede. Rexeitado o permiso das novas autoridades por ser un dos prohibidos pola lei de estranxeiros, non foi até 1950 que os dous cadros, xunto con outro de Azaña. foron colocados. Os galegos e galegas non deixaron de realizar actividades. A Comisión pola Unidade Galega que tentaba a unión dos centro Lar Gallego, Centro Gallego e Casa Galicia, rendía unha homenaxe a Castelao no segundo cabodano do seu pasamento, o 9 de decembro de 1951, no local do Lar Gallego en La Candelaria.
Os tres centros galegos, por cuestións máis persoais que políticas mantiveron unha “guerra” na prensa da época para encarar a unión. Así en outubro de 1953 a discusión chegou ao seu cénit. Non se puñan de acordo Lar e Centro. En 1954 renóvanse as directivas e Xosé Velo é elixido presidente do Lar. O 18 de abril de 1955 o Lar celebra o seu X aniversario. Unha disputa pola recente traída de Otero Pedrayo a Caracas por parte do Centro e a súa negativa de ir ao Lar trouxeron máis diferencias, tantas cando o Lar instituíra un premio de literatura co nome de Otero Pedrayo que gañara en Galiza Antía Cal, dona do médico galerista Antón Beiras, cun libro de primeiro ensino en lingua galega. Non embergantes o domingo 25 de marzo de 1956 o Centro Gallego presidido por José Penido e o Lar Gallego presido por Álvaro Rodríguez se fusionan baixo o nome de Lar-Centro Gallego nunha asemblea coa concorrencia de máis de 700 persoas das máis de 3000 con que contaban ambos centros. A elección da presidencia recaeu en Xoán Noya Gil, a vicepresidencia en Vicente Barcia Portela, o secretario Manuel Parada Blanco, o vicesecretario José Gallego Pérez, o tesoureiro Antonio Somoza Outeiral, o vicetesoureiro Eduardo Meilán Sánchez o contador Alfonso Fontaíña e o vicecontador Antonio Conchado García. Un día durou a fusión, e os tres centros tiveron que agardar até 1960 para fusionárense os tres baixo o nome de Irmandade Galega de Venezuela no antigo clube Casa Blanca na avenida César Augusto Sandino en Maripérez, como ben dixera Silvio Santiago un dos problemas da fusión tiña residido na actitude por parte de membros do Centro e do Lar que fixeran “norma da difamación, e da calumnia un hábito”.
É imperdoábel non falar de Silvio Santiago, (Vilardevós, Ourense 18 de decembro de 1903), cando se fala dos galegos en Venezuela. Puideramos falar, e falouse de moitos, pero pouco de Silvio. Este home que comezou no anarquismo sindical na Galiza con Pestana sufriu a represión e carne propia e no asasinato do seu irmán en 1936 co golpe de Estado militar. Detido e posto en liberdade fuxe cara Portugal, dende o seu Vilardevós natal, país no que permanece agochado á espera de documentación e papeis para fuxir. A policía portuguesa tiña ordes estritas de entregar ao exército golpista español a todos os fuxidos, a entrega significaba a morte. Silvio ensinanos toda esa tensión da fuxida, da clandestinidade en O silencio redimido, a mellor obra escrita verbo a represión franquista en Ourense, e se cadra en toda Galiza. Silvio chega a Venezuela a través de Cuba onde tiña familia. Dedicado ao xornalismo en Caracas gaña cun traballo científico sobre a enfermidade dos trópicos “mal de chagas” o premio ao xornalista do ano en 1949. Participa activamente da vida do exilio español e galego no seu novo país de acollida. Axuda a moitos exiliados, como ao anarquista Manuel Mora ou mesmamente ao seu irmán irmán menor que permaneceu con el dende a súa chegada. As diferencias políticas, tan ben expresadas no primeiro capítulo de O silencio redimido, dos republicanos na República trasládanse con eles aos países de acollida. Membro do Lar Gallego, Silvio Santiago é expulsado do mesmo xunto con outros moitos socios máis. As expulsións e os retiros fan que se funde o Centro Gallego, a etapa máis rica e fecunda de Silvio Santiago en Venezuela.
A presidencia do Centro Gallego na etapa da dirección da política cultural por parte de Silvio Santiago estaba en mans de Antonio Somoza Outeiral, un dos máis coñecidos socialistas da rrepública en Cangas. Silvio pasara do anarquismo sindicalista pestanista da súa xuventude e madureza a unha militancia galeguista cultural irrefreábel no exilio. De Silvio foi a idea e a loita arreo para que o Centro Gallego editase os tres volumes do Dicionario Enciclopédico Galego-Castelán de Eladio Rodríguez González. Os galegos, emigrados con moitas necesidades económicas e chegados na década dos 50 non entendían os postulados dos galegos exiliados dos anos 40. Estes, cunha militancia política e unha concepción nacional e cultural de Galiza entendían a función da emigración coma unha reserva de liberdade e de economía para o mantemento de Galiza como peculiaridade nacional e cultural, singularidade prohibida e esmagada pola realidade ditatorial da perda da guerra. Unha parte importante das mensualidades dos socios do Centro Gallego serviu para o mantemento da Real Academia Galega e a fundación da editorial Galaxia. Estes aportes serían impensábeis sen a proposta e a firmeza de Silvio Santiago, primeiro porque foi el quen os propuxo, quen os defendeu, quen os levou á realidade. Silvio non estará so na súa loita pola cultura en Caracas na revista Galicia, contara coa axuda, inda que dende a afastada cidade de Ciudad Bolívar, do cormelán, José María Mosqueira Manso, capitán de barco, ictiólogo, historiador, cartografo e biólogo e con Carlos Herrero Alonso. Silvio non se conformou con traer a cultura galega a Caracas, foi a máis, pois venezolanizou a cultura galega de Cela ou Blanco Amor e conseguiu o que case ninguén conseguira, despistar ás autoridades franquistas que rexeitaran a viaxe de Ramón Otero Pedrayo a Venezuela, e traelo para que trouxera o seu barroco verbo a unha colectividade galega que non tiña o nivel histórico nin cultural que podía ter a de Cuba, Arxentina ou Uruguai.
O 22 de xullo de 1952 chega a Venezuela Eduardo Blanco Amor. Chega convidado por Silvio Santiago para a celebración do Día de Galiza en Venezuela. A idea de Silvio e contar cun personaxe da cultura galega todos os anos entre a colectividade. Pero Silvio atrévese a máis, convida a Eduardo Blanco Amor a facerse cargo da revista Galicia e así o fai. A presenza de Blanco Amor en Caracas marcou varios fitos. En primeiro lugar o bautismo do nome do programa radial do Centro Gallego, Sempre en Galiza, lembremos que Blanco Amor traducira o limiar de As cruces de pedra na Galiza de Castelao e fora unha das causa da elección do nome. Durante a súa estadía en Caracas. Blanco Amor compón en Caracas o Himno a Castelao, con música do mestre Antolín, e mantén unha longa e sólida amizade co director de Cultura da República de Venezuela Manuel Rangeles ademais de co escritor Mariano Picón Salas e co exiliado Santiago Magariños, ex presidente do Instituto de Cultura Hispánica en Madrid e expulsado por editar un poema de Miguel Hernández. A pegada de Blanco Amor foi importantisima para a colectividade galega en Venezuela e ten unha permanencia no tempo a través desta revista Galicia, a mellor que se fixera de cantas se fixeron na emigración galega en Venezuela. Á sombra de todas estas loitas, sempre Silvio Santiago que loitaba cos caprichos dos escritores e coa intransixencia dos homes e mulleres galegos na emigración que non entendían a importancia de sementar cartos para recoller cultura. O 15 de febreiro de 1953 marcha de Venezuela Blanco Amor despois dun par de revistas Galicia baixo a súa dirección. A visita de Otero Pedrayo, recibido no aeroporto de Maiquetía polos membros de todos os centros galegos de Venezuela. A visita de Domingos García Sabell, e se cadra, unha das máis importantes visitas da man de Silvio, a de Camilo José Cela en 1953.
A visita de Cela non quedou coma unha simple visita. Froito da casualidade o destiño quixo que esta visita tivese nome de libro La catira e sabor a polémica, aínda máis, porque o seu autor chegou a ser un permio Nobel de literatura. Camilo José Cela chega a Venezuela convidado por Silvio Santiago. Non viña contratado polo ditador venezolano Marcos Pérez Jiménez como en moitas se dixo. O resultado da súa visita podemolo ver nas páxinas da revista Galicia. No seu discurso, no seu poema... e na prensa local. Conferencia na Biblioteca Nacional, recepcións oficiais e a proposta do libro por parte do ministro de Relacións Interiores, Vallenilla Lanz e non do presidente Marcos Pérez Jiménez. Silvio conseguiu todas as conferencias ofrecidas por Camilo en Caracas, tamén as ofrecidas por Blanco Amor, e todas as colaboracións xornalisticas que sobre todo o segundo lograron en xornais coma El Nacional e El Universal. Pero a obra de Silvio on se reducía á cultura galega en Venezuela, senón ao mantemento económica da qe quedara na Galiza, Velaí a gran calidade e cantidade de distintas plumas que escribían nesta revista dende Galiza, cobrando por elo e facéndoo cunha liberdade prohibida na escuridade da Galiza baixo a bota da ditadura. As disensións persoais fan que en decembro de 1955 funde a Casa Galicia, a derradeira das súas obras asociativas. Sempre avogando pola fusión de todos os centros galegos da capital, en público a través do seu programa de radio, tivo que loitar contra o dogmatismo e a avinza dos que vian en el a capacidade de organización e de oportunidade que eles non tiñan. A Casa Galicia, unha vez fundada, tiña máis socios que o Lar Gallego e o Centro Gallego xuntos, máis de 3.300. A historia da vida de Slvio Santiago é a da viaxe espiritual de ida sen volta. Recibido pola clase intelectual ao completo na Galiza de 1958, cando decide voltar definitivamente, decátase de moitas cousas que a distancia e a ausencia non lle deixaran ver. Da súa época galega son os libros Vilardevós e O silencio redimido, ámbolos dous editados pola editorial que el tanto loitara, Galaxia, verdadeiras obras de calidade para, literalmente, un obreiro da palabra, que sen lugar a dúbidas podería ter feito súas as palabras de Pablo Neruda “confieso que teño vivido” engadíndolle: por Galiza. Que a senlleira figura de Silvio non quede no esquecemento do anonimato ou dun máis é obriga de todos os que amamos este país. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Notas: (1) O encargado de negocios de Venezuela en Madrid enviaban ao cónsul venezolano en A Coruña unha circular o 5 de maio de 1931 na que recomendaba impedir a saída, con destino a Venezuela, dos indesexábeis, xentes de razas rexeitadas pola lei ou sen profesión útil ou que se sospeitara viñeran a “facer competencia mercantil estéril” ou de perigosas vinculacións políticas. (Arquivo do Ministerio de Relacións Exteriores, Dirección Xeral, volume 4). (2) R.A. García, El País, 10 de agosto de 1948, citando unha nota da minuta do Consello levada a cabo o 23 de xuño de 1939. (3) Panorama Internacional. El problema de los refugiados, páxina 1; sección Del Momento. (4) El Heraldo, 25 de abril de 1940 páxina 16 “Chinos y vascos”. (5) “Un inmigrante que vino para hacerse rico en tres años, quiere regresarse ahora a Europa desencantado”. El Nacional 6 de maio de 1948, páxina 18. (6) Editorial do 26 de abril de 1947. O mesmo xornal falaba da contradición que representaba a lei que limitaba a un 25% a cantidade de xente que podía ser contratada de orixe estranxeira. Moitos dos inmigrantes estranxeiros a Venezuela, a causa desta lei restritiva, decidiron nacionalizarse venezolanos. (7) Os primeiros vascos acollidos en Venezuela marcharon en comisión ao Panteón Nacional a render un tributo ao Libertador Simón Bolívar. Con eles ía o encargado do ITC, Arturo Uslar Pietri. Os refuxiados vascos cantaron a canción do soldado vasco Eusko Gudari e a prensa, ao día seguinte, informou de que varios comunistas estranxeiros cantaran, ante as autoridades venezolanas (Uslar Pietri) himnos comunistas ao Libertador Simón Bolívar. (8) Memorias do Ministerio de Relaciones Interiores, 1939, páxina CXXV. |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/07/2006 |
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|