|
Actualidade
Vigo, 7 de agosto de 2006
A Autoridade Portuaria incumpre os
compromisos cos afectados polas obras do Porto Exterior de A Coruña
| |
 |
| Mapa de localización do Porto Exterior
de A Coruña en Punta Langosteira. |
| |
A CIG vén de denunciar que o presidente
da Autoridade Portuaria de A Coruña volveu incumprir os compromisos adquiridos co colectivo de afectados
polas obras do Porto Exterior. Compromisos asumidos na xuntanza celebrada o pasado 17 de xullo entre os que se
concretaba elevar ao Consello de Estado unha proposta de resolución consensuada co colectivo.
En troques, o presidente da Autoridade Portuaria
anunciou unha consulta ao Consello de Estado que, na práctica, significa seguir negando os dereitos do colectivo
e alongar indefinidamente no tempo a solución que se vén reclamando desde hai máis de un ano.
“Os afectados entendemos que despois do tempo transcorrido e logo dos informes xurídicos e técnicos
por nós presentados, hai xa aval máis que dabondo e a demostración palpábel da consistencia
xurídica e legal das nosas reclamacións”. Por iso, sinalan que nin entenden nin comparten que se
efectúe consulta algunha ao Consello de Estado por innecesaria e porque consideran que atrasa unha solución.
Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A
Coruña e portavoz do colectivo, manifesta que este anuncio unilateral e non consensuado cos afectados constata
que a Autoridade Portuaria “mantén a súa actitude subversiva de boicot contra as resolucións
do Parlamento Galego e do Congreso dos Deputados, que a emprazaba a resolver, de forma urxente e consensuada cos
afectados, as súas reclamacións, a fin de abonar as correspondentes indemnizacións”.
Os afectados entenden que o presidente da Autoridade
Portuaria, con este anuncio, “volve facer gala dun uso torticeiro da lexislación”, para seguir negando os
dereitos do colectivo, pero tamén demostra a súa incapacidade ao eludir a súa responsabilidade
como órgano competente para resolver reclamacións.
|