|
Actualidade CIG-Comunicación-
O Comité de Empresa de Ramsa e os Comités de Empresa de Ferroatlántica en Sabón e Cee manteñen as mobilizacións en demanda dun cambio de trazado do TAV para que a mina do Serrabal non se vexa afectada e se evite a consecuente perda de postos de traballo, arredor de 600 directos, tanto na mina como nas industrias dependentes. No decurso da concentración Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela, salientou a importancia da mina, que ten unha produción media de entre 300.000 e 400.000 toneladas, e cuestionou a versión do Ministerio de Fomento segundo a que se mantería a actividade na mesma. “Se non prexudicase á mina non tería sentido falar de indemnizacións”, explicou. De feito, desde o Ministerio anunciouse que se pagaría á empresa concesionaria da explotación da mina unha indemnización. A este respecto, desde os comités de empresa de Ramsa e Ferroatlántica aseguran que “de nada nos serve nin aos traballadores nin ao país que a indemnización pola posíbel expropiación de terreos da mina sexa maior o menor”. En todo caso matizan que “somos conscientes de que preservar a plena viabilidade desta explotación mineira, e polo tanto dos postos de traballo, para nada ten que se contradicir co desenvolvemento en tempo e forma das infraestruturas ferroviarias no noso país, nin cos intereses dos veciños das zonas afectadas”. Os traballadores tampouco consideran a alternativa de supostas novas ampliacións mineiras (concesión Serrabal II), xa que polos datos publicados no DOG o volume das reservas estimadas desas ampliacións esgotaríanse en menos de 6 meses. “É claro que con este tipo de propostas simplemente se pretende vender fume” afirman porque consideran que “en nada contribúen á viabilidade da mina”. Os Comités de Empresa demandan da Administración do Estado, da Administración autonómica e da empresa que se priorice a defensa dos postos de traballo e que se poñan todos os medios posíbeis “para que se leve a cabo unha alternativa” que conxugue o imprescindíbel mantemento dos postos de traballo co necesario desenvolvemento das infraestruturas viarias. |
|||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/08/2006 |
|||||||||
|