Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 10 de agosto de 2006

A “gran prensa española”, o mundo soñado por Joseph Goebbels
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


  Joseph Goebbels, clic para aumentar
Joseph Goebbels.
 
O ministro de propaganda do réxime nacionalsocialista, Joseph Goebbels, deixou para a posteridade unha serie de directrices verbo a inconsistencia da verdade e a manipulación mediática. Abraiados e carentes de calquera albisco de vergoña os xornais españois do 2 de setembro de 1939 titulaban as súas primeiras páxinas cun cinico “Polonia ataca Alemaña”.

Leo o titular de “El Mundo” do venres 4 de agosto de 2006 no que, emulando aos xornais españois de 1939, din: “Incertas promesas de Asad a Moratinos mentres Hesbulá mata máis israelís”.

Xa na noticia, asegura: “Miguel Ángel Moratinos, o ministro español de Exteriores, afirmou onte que as autoridades sirias, ‘prometéronlle que exercerán toda a súa influencia sobre Hesbulá’ para facilitar o camiño á consecución do alto ao fogo”.

É indubidábel, que despois de días, semanas e meses lendo este tipo de encabezamentos e contidos, podemos chegar a crer que existe unha guerra entre dous bandos na cal ningún é agresor nin agredido.

Que malia non existir agresor nin agredido, unha das partes ten unha bagaxe e un historial de terror, debido, principalmente, ás súas relacións con sistemas políticos como o iraniano e o sirio.

Que a agresión de Israel non foi tal agresión, senón un acto de lexitima defensa debido ao secuestro de dous soldados do exército israelí.

  Pancarta en Caracas, clic para aumentar
“Onde estaban os medios de comunicación entre 1960 e 1999?”, pancarta en Caracas.
 
Que o Estado de Israel promove e quere a paz, mais os seus “intentos” son frustrados polas continuas agresións dunha “milicia” integrista e fanática (nótese que nunca se lle chama exército) que, amparada por un Estado feble e inicuo coma o libanés, fixeron dun país coma o Libano un territorio sen lei. Por iso a invasión, a agresión e o bombardeo non son só para defender o Estado xudeu, senón tamén á poboación libanesa, que está literal e físicamente invadida por un “cancro” como é a milicia de Hesbulá.

Todos estes argumentos da prensa amarela e sensacionalista como “El Mundo” están baseados en argumentos da política de propaganda do réxime nacionalsocialista de Adolf Hitler, tanto no caso da agresión inxustificada por parte do Estado hebreo como nas reiteradas mentiras sobre os atentados do 11-M, ou verbo o proceso de pacificación de Euskal Herria e o dialogo co Estado español.

Este xornalismo de laboratorio mentireiro-barato, utilizado tamén por outros medios como “La Voz de Galicia” ou “El País” de Madrid, no seu tratamento das noticias referentes a Venezuela, Cuba, Irán ou Bolivia descansa sobre varios principios artellados polo ideólogo Joseph Goebbels.

Principio de simplificación e do inimigo único. Consiste en adoptar unha única idea, un único símbolo; individualizar o adversario nun único inimigo. Así, todos os nacionalismos que non sexan coma o español son violentos e asasinos e aqueles que non os combaten son cómplices deles. A agresión indiscriminada e desproporcionada está xustificada cando se exerce contra países árabes, sospeitosos de seren terroristas en potencia.

  Información alternativa, clic para aumentar
A información alternativa, xurdida do pobo na rúa, non aparece nos medios de comunicación formais. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Principio do método de contaxio. Reunir diversos adversarios nunha soa categoría ou individuo. Os adversarios teñen que constituírse en suma individualizada. Todos os nacionalismos, todos os integrismos, todos os populismos, todos os árabes, todos os europeos, todos os serbios, todos os inmigrantes...

Principio da transposición. Cargar sobre o adversario os propios erros ou defectos, respondendo o ataque co ataque. "Se non podes negar as malas noticias, inventa outras que as distraian". Esa é a táctica que sigue “El Mundo” con respecto aos atentados do 11-M cando, unha vez descoberta a mentira que representou relacionar os atentados con ETA, levan varios anos utilizando os seus titulares para despistar e confundir a opinión pública baseándose en argumentos pobres e ridículos como son a composición do explosivo, a ausencia de suicidas, ou a suposta relación entre integristas árabes e miliatntes de ETA. O seu director é un dos “cerebros” da trama.

Principio da exaxeración e desfiguración. Converter calquera anécdota, por pequena que sexa, en ameaza grave. A “extorsión” a empresarios navarros por parte de ETA despois da tregua. A desmembración do Estado español pola aprobación dunha reforma dun Estatuto, ou asegurar que as conversas de paz con ETA traerán a separación de Euskadi do Estado, a anexión de Navarra e a expulsión dos non euskaldúns de Euskal Herria.

  Bandeira Praza Colón, clic para aumentar
Bandeira xigantesca na Praza de Colón en Madrid. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Principio da vulgarización. "Toda propaganda debe ser popular, adaptando o seu nivel que ao menos intelixente dos individuos aos que vai dirixida. Canto máis grande sexa a masa que hai que convencer, máis pequeno ten que ser o esforzo mental que hai que realizar. A capacidade receptiva das masas é limitada e a súa comprensión escasa; ademais, teñen gran facilidade para esquecer".

Principio de orquestración. "A propaganda debe limitarse a un número pequeno de ideas, que se deben repetir incansabelmente, presentadas unha e outra vez desde diferentes perspectivas pero sempre converxendo sobre o mesmo concepto. Sen fisuras nin dúbidas". De aquí vén tamén a famosa frase: "Se unha mentira se repíte suficientemente, acaba por converterse en verdade". O caso dos atentados do 11-M tratados por “El Mundo ou a existencia dunha ditadura en Venezuela por parte de “La Voz de Galicia” e “El País”.

Principio de renovación. Hai que emitir constantemente informacións e argumentos novos a un ritmo tal que, cando o adversario responda o público estea xa interesado noutra cousa. As respostas do adversario nunca han de poder contrarrestar o nivel crecente de acusacións.

Principio da verosimilitude. Construír argumentos a partir de fontes diversas, a través dos chamados globos sonda ou de informacións fragmentarias. O titular de “El Mundo” no que se di que “Hesbulá mata máis israelís” do 4 de agosto ou o titular de “La Voz de Galicia de Galicia” do correspondente Anxo Lugilde no que, á espreita do reconto do voto emigrante nas eleccións galegas, se podía ler que “Chávez impedía a saída do voto emigrante” para favorecer á coalición PSOE-BNG.

  Pintada ETA, clic para aumentar
Pintada na rúa da organización separatista vasca ETA.
 
Principio da silenciamento. Agochar as cuestións sobre as que non se teñen argumentos e disimular as noticias que favorecen o adversario, tamén contraprogramando coa axuda de medios de comunicación afíns coma canles de televisión ou emisoras de radio.

Así no País Vasco, os partidos nacionalistas, segundo as informacións xornalísticas de “El País”, “El Mundo” e outros, son minoría, e unha grande maioría de cidadáns son non-nacionalistas, universalistas, e queren ser españois (que é un xeito de non ser nacionalista, segundo eles). Unha e outra vez vemos como nas eleccións en Euskadi e Cataluña os partidos nacionalistas arrasan en votos aos nacionalistas españois. Isto é xustificado pola prensa polo que eles inventaron a denominación “voto do medo”.

O mesmo feito é extrapolábel ao ensino, segundo a prensa, as ikastolas son escolas de terrorismo e o modelo de ensino preferido polos pais e nais vascos, totalmente en euscaro, é unha imposición do Goberno autonómico vasco que curta a liberdade de escolla de pais e nais.

Así, no atentado do 11-M, con probas contundentes, mesmo o comunicado de ETA, da non autoría dos atentados, veu da man de tres días de constantes noticias na prensa e televisión sobre a autoría de ETA (non facía falla o desmentido da organización para saber que non foran eles) e incluso a detención de dous activistas de ETA nunha estación poucos meses antes tomouse como proba da autoría, malia a negativa.

  América Latina respéctase!, clic para aumentar
“Bush y sus cachorros. ¡América Latina se respeta!”, cartaz en Caracas. (Foto: ©Xurxo Martínez Crespo).
 
Principio da transfusión. Por regra xeral, a propaganda opera sempre a partir dun substrato preexistente, xa sexa unha mitoloxía nacional ou un complexo de odios e prexuízos tradicionais; trátase de difundir argumentos que poidan arraigar en actitudes primitivas. Así Zapatero está regalando a Bolivia millóns de euros despois de seren expropiadas as empresas españolas segundo “El Mundo”. Para “El País” e “La Voz de Galicia” Chávez é un populista que enfronta a poboación venezuelana e ten unha guerra gratuíta co presidente dos Estados Unidos. Mentres políticos como Francisco Vázquez de A Coruña ou José Bono son altamente valorados pola prensa e pola poboación; está última valoración, depende por suposto, da primeira. Así os escandalos financeiros de Francisco Vázquez foron silenciados por “La Voz de Galicia” que lle dedica portadas ao embaixador no Vaticano.

Pero o caldo de cultvo predilecto da prensa española para cos seus lectores é a diferenza cultual e nacional dentro do Estado que é vista coma un desexo de agresión á identidade española e coma unha política de exterminio do grande cara ao pequeno. Políticos coma Rajoy, Acebes, Mayor Oreja, Rosa Díez, Gotzone Mora ou María San Gil non teñen problema en defender posicións cunha linguaxe violenta e descualificadora compartida polo común xeral da poboación (española centralista). Así as políticas e actitudes que non gustan de Zapatero son propias dun gobernante terceiromundista, especificando ese “terceiro mundo” co imaxinario popular desagradábel e obxecto de críticas da prensa. O “populista” Morales e os “ditadores” Castro e Chávez son os exemplos dados por Rajoy e a razón desa cuaalificación: non defender o ataque de Israel a Libano.

Principio da unanimidade. Chegar a convencer a moita xente de que se pensa "como todo o mundo", creando unha falsa impresión de unanimidade. Ideas abstractas como “liberdade”, “multiculturalismo”, “defensa dos dereitos”, “convivencia”, “nacionalismos periféricos”, “limpeza étnica”, son os argumentos que utilizan determinados medios para xustificar a opresión, a agresión, a mentira, a conculcación de dereitos, as desigualdades, o racismo e a xenofobia (interna e externa), a homofobia ou incluso a violencia e a guerra.

Para a prensa, a nosa “civilización” occidental, libre e solidaria, está en perigo de caer nas gadoupas do islamismo integrista. A nosa civilización representa a liberdade, o benestar e o progreso; as outras a intransixencia, a violencia, o escurantismo e o atraso.

A realidade é que os países árabes foron e son sometidos insistentemente polas armas polo mundo europeo e estadounidense. Os atentados do 11-S non foron reivindicados por Osama Ben Laden, quen expresamente dixo que el non tivera participación nos mesmos. Malia esta aseveración hoxe Afganistán está invadido, Iraque tamén cun resultado de mortos que deixa a Sadam Hussein coma un neno de peito.

A verdade das mentiras fai da gran prensa un negocio suxeito aos intereses dos poderosos. Das compañías e dos políticos que se deben a elas. O seu desprestixio, devagar pero firme, é proporcional ao tempo que invisten en mudar de mentira e iniciar unha nova campaña. A paso firme lograron facer da profesión de xornalista e dos xornais unha das máis mesquiñas e da súa credibilidade un xelado no deserto.

 
 

Xurxo Martínez Crespo.

  Xurxo Martínez Crespo
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/08/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta