|
Actualidade / Artigo Xurxo Martínez Crespo-
En outubro de 1932 nace en A Guarda Luís. Fillo de Xoán Noia, o tenente alcalde no momento do golpe fascista do 18 de xullo de 1936. O propio pai narra no seu libro Fuxidos a súa vida na vila pontevedresa: “Exixencias dun miserábel vivir liquidaban a miña nenez, os xogos propios desta idade e os estudos. Impúñaseme a gavela de suar o meu primeiro salario. Un peso ó mes! Sesenta pesetas ao ano!” Así, con este sacrificio, iniciouse a forxar a recia personalidade deste guardés e dos seus fillos, que tiveron no seu pai Xoán un exemplo nunca abondo valorado polas novas xeracións de galegas e galegos. Quixo a chamada apor Xosé Sesto “loita cainesca” que Xoán marchara a Venezuela cos seus fillos, e voltara axiña de novo a Galiza, voltando definitivamente Luís a comezos dos 60 ao carón do pai para quitar adiante a imprenta familiar Gráficas Numen. En Venezuela, Luís participa da vida do republicano e galeguista Lar Gallego que se fundara en 1945, pouco tempo despois do Eusko-Etxea de Caracas e moito tempo antes que o Centré Catalá, os tres de marcado talante antifascista e democrático. Par antes de voltar a Galiza participar na fundación da Irmandade Galega de Venezuela o 12 de outubro de 1960.
Pero todos eles compartiron e debeceron por unha Galiza máis galega, máis xusta, máis humana. Con ese mecenazgo humano que tiveron cos chegados, ou cos traídos como no caso de Celso Emilio, que chegou a Venezuela da man do irmán de Luís, Óscar. A volta definitiva de Luís a Galiza quixo que o fado que fora unha volta de película. O barco portugués Santa María foi secuestrado polos coñecidos de Luís, Xosé Velo e o comandante Soutomaior. A Luís débese a única filmación existente do secuestro, filmación que tomara coa súa pequena cámara e que agochara ao chegar a Canarias para que non fora confiscada polas autoridades franquistas que ían detrás de calquera tipo de probas que axudasen a recoñecer aos membros do Directorio Ibérico de Liberación; así con esa pequena e curta gravación Luís pasou a posteridade e a historia gráfica de Galiza. Na súa imprenta chegaban correos humanos e contactos do Partido Comunista na clandestinidade, por recursos e con ordes. A súa foi unha actividade política ininterrompida, e o máis importante comprometida coa cultura deste país. A derradeira vez que vin a Luís foi en Santiago, na praza do Obradoiro. Levábamos horas agardando para poder saudar ao presidente venezuelano que ía pasar só tres horas no noso pequeno país. Malia a doenza e o mal tempo alí estivo connosco. Foi grazas a Luís que tivemos eses fermosos cartaces de solidariedade coa revolución bolivariana, nunca pagados que saíron do seu prelo... do seu Numen, literalmente e das súas firmes crenzas. Compromiso é unha palabra en desuso nestes tempos. Luís tíñao, co seu país e países nos que inclúo á nosa nunca abondo querida Venezuela. Coa súa familia e coa historia e cultura de Galiza. Home solidario e bo, en fin, morreu Luís Noia. Sei que moitos en Caracas lamentarán a súa irreparábel perda. Os seus amigos como Xesús López, Manuel Álvarez Quiroga, Eduardo Meilán e tantos e tantos outros. Nós, galegas e galegos de Venezuela, de Galiza e de todos os recunchos tivemos a sorte de coñecer o que el e os seus fixeron po todos nós. Agradecémolo seguindo o seu exemplo. Ben dixo Castelao que non existe maior secesión nin separatismo que o que existe entre pobres e ricos; Luís sabíao e dende a súa pequena trincheira de follas, letras e libros loitou toda a súa vida contra esa secesión e ese separatismo. O sábado 19 de agosto as súas cinzas serán esperexidas na súa vila de A Guarda, ao carón do mar que o viu partir e voltar. Moitas grazas Luís Noia e boa viaxe. |
|||||||||||
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/08/2006 |
|||||||||||
|