|
Actualidade CIG-Comunicación-
No segundo trimestre de cada ano a EPA xa recolle a parte máis alta do incremento do emprego derivado do período estival. Xuño e xullo son, normalmente, os meses onde se produce o groso das contratacións, por iso este trimestre rexistra habitualmente un incremento da ocupación con respecto ao trimestre anterior, e este último non foi unha excepción. Coñecedores desta situación, imos analizar a evolución interanual que nos permita ter unha visión máis ampla do panorama laboral galego máis recente.
Sen lugar a dúbidas, o máis salientábel do cadro anterior é o forte descenso do desemprego interanual, un 22% menos de parados en só un ano: 30.700 persoas no último ano pasaron de engrosar as listas de desempregados a teren un traballo. Este forte descenso do paro en Galiza contrasta coa súa evolución na media do Estado español, onde nas mesmas datas o paro se reduciu un 5,5%. A evolución desta variábel en Galiza é “sospeitosa” desde a última reforma da Enquisa de Poboación Activa. Con anterioridade a 2005, a taxa de paro en Galiza habitualmente superaba en torno a 3 puntos a taxa de paro da media estatal; hoxe están á par, no 8,6% da poboación activa. Outro aspecto que fai sospeitar da veracidade do dato é a forte diferenza que en Galiza se produce entre o paro estimado na EPA e o rexistrado nas oficinas do INEM: o paro rexistrado (146.388) é un 34,9% superior ao estimado pola EPA (108.500). No caso do Estado español o rexistrado supera en só un 7,9% o estimado. Un 7,9% de diferenza pode ser un dato asumíbel e explicábel pola diferente metodoloxía que utiliza cada traballo, un 35% non, polo que caben outras explicacións. A evolución do resto das variábeis macroeconómicas tampouco explican este situación, xa que o crecemento da economía, medida a través do PIB, tivo un comportamento similar no Estado español e en Galiza. Este descenso no número de parados produciuse polo importante incremento da ocupación neste período, un 3,5%, 39.400 postos de traballo máis que hai un ano. Onde se xeraron estes novos empregos?, que tipo de empregos son?, etc., poden axudar a explicar esta situación.
O groso do medre dos empregos concentrouse no sector servizos, sen esquecer o bo comportamento do sector secundario. O 60% dos ocupados galegos desenvolven a súa actividade nalgunha das ramas de servizos. Agricultura e pesca seguen perdendo activos. Unha descrición máis detallada é a que nos dan os ocupados por ramas de actividade.
Unha das primeiras conclusións da táboa anterior é o forte medre da asalarización en Galiza. Neste último período analizado, o número de asalariados medrou preto do dobre dos ocupados totais, o que implica a caída do emprego noutras categorías profesionais. Nestes momentos, os asalariados representan o 76,8% do total de ocupados. Outra das conclusións do cadro anterior é a forte disparidade na composición e na evolución das distintas ramas de actividade. O comercio é a actividade que máis persoas ocupa, seguido da construción. Ambas experimentaron un importante crecemento neste último ano, nomeadamente a construción onde a ocupación medrou un 12,5%. O sector primario segue perdendo peso, e neste último ano de maneira importante, tanto en agricultura como en pesca. No segundo trimestre de 2006 soamente ocupa o 9,5% dos traballadores galegos. Hai que destacar, así mesmo, a perda de emprego no sector industrial. Agás nas industrias de alimentación e papel, o resto das actividades perden emprego, sendo de salientar especialmente o sector téxtil, onde o emprego baixou máis do 16%. As distintas actividades que compoñen o sector servizos tiveron un comportamento positivo, agás educación e venda de vehículos e combustíbel en que descendeu a ocupación. Onde máis medrou esta foi en actividades sanitarias e servizos sociais. Temos, pois, un incremento importante da ocupación, 3,5%, que se centra exclusivamente nos asalariados, 7,2%, perdendo emprego o resto das categorías. Imos analizar, a seguir, o tipo de contrato destes asalariados, distinguindo entre sector público e privado.
Novamente se produce un incremento da temporalidade. A pesar de medrar o número de asalariados con contrato indefinido, foi maior o medre dos que asinaron un de duración temporal, polo que a taxa de temporalidade alcanzou o 34.8% da poboación asalariada fronte o 34% de hai un ano. Debemos destacar que o maior incremento desta se produciu no sector público: 1,6 puntos medrou a temporalidade en apenas un ano fronte ao medio punto que creceu no sector privado. En vista deste cadro o que si podemos asegurar é que as medidas aplicadas até o de agora para reducir a temporalidade non serviron para o sector privado. No sector público trátase de vontade política. Imos ver agora as diferenzas por sexo.
Malia os avances, seguen manténdose fortes diferenzas por sexos en Galiza. A taxa de actividade feminina continúa en niveis moi baixos: o 45,1% (a 17 puntos de distancia da masculina). A isto hai que engadir as elevadas taxas de paro ás que se ven expostas as mulleres. Preto do 60% da poboación feminina en idade de traballar está fóra do mercado laboral, algo inaceptábel socialmente, non só polo “desperdicio” de activos que supón, senón tamén polo custoso que é en termos de manter un certo benestar social. |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2006 |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||