|
Actualidade CIG-Comunicación-
“Asistimos a unha nova demostración da nula vontade de Limeisa de dar solución aos 220 despedimentos que o peche da mina vai ir causando até o 31 de decembro de 2007. Ademais, Limeisa volveuse negar a asinar o Acordo que o pasado mes de xullo subscribiramos a CIG, UGT, CCOO, concellos e a Dirección Xeral de Industria”, explica Paulo Carril, secretario comarcal da CIG de A Coruña e representante na Mesa Auxiliar do Carbón. Carril sinala que Limeisa e Fenosa seguen sen asumir nin un só dos compromisos de incorporación dos traballadores das auxiliares para que poidan acceder a unha prexubilación, nin asumen un só compromiso para promover recolocacións de traballadores no grupo Fenosa. O representante da CIG na Mesa cualifica de “retóricas e simples declaracións de intencións, sen máis compromisos serios, materializábeis de cara aos cadros de persoal das auxiliares” e engade que “para a CIG é inaceptábel, facéndose máis xustificada que nunca a manifestación que temos convocada para o próximo sábado 30 de setembro en Ordes”. Neste sentido, na asemblea que a CIG mantivo cos traballadores da industria auxiliar, o pasado sábado 23 de setembro, ademais de informar da mencionada xuntanza, os traballadores ratificaron o apoio á convocatoria de manifestación convocada pola CIG. A unha semana desta manifestación, xa se teñen recibido importantes apoios, nomeadamente dos alcaldes de Ordes e Cerceda, dos Comités de Empresa de Cerceda e Ordes, das industrias auxiliares da mina de As Pontes, do BNG e do PSOE de Ordes e Cerceda, entre outros. |
|||||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
|||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/09/2006 |
|||||||||||||||||||||
|