|
Actualidade CIG-Comunicación-
O día 23 de agosto a Dirección do Call Center da empresa Office Depot en Ourense procedía ao despedimento dunha traballadora alegando “baixada voluntaria do rendemento laboral”. Na mesma carta recoñecían a improcedencia do despedimento e puñan a disposición da traballadora a indemnización legal correspondente. Dende aquela todas as tentativas de negociar a reincorporación da traballadora foron en vano. Este despedimento foi precedido por unha serie de actos intimidatorios do seu superior inmediato ao longo dos últimos meses. Tras denunciar a súa situación reiteradas veces diante dos responsables do Call Center, a traballadora puxo en coñecemento da Dirección que trasladaría a súa denuncia ao Comité de Empresa, e ao día seguinte foi despedida. Para a Sección Sindical da CIG en Office Depot, este non é un caso illado, e lembran que máis de 20 persoas con contrato fixo deixaron a empresa no que vai de ano. A maior parte destas baixas foron despedimentos que a empresa recoñece como improcedentes poñendo a disposición das persoas afectadas a correspondente indemnización, nunha política que consiste en desfacerse con diñeiro de calquera traballador ou traballadora que reclame os seus dereitos. Desta volta a traballadora non está disposta a renunciar aos seus dereitos, polo que a Sección Sindical da CIG ten en marcha un proceso de mobilizacións sindicais en apoio a reincorporación da compañeira. Inicialmente a CIG impulsou unha recollida de sinaturas entre o persoal que foi apoiada masivamente. Posteriormente ante a falta de avances na negociación foi convocada unha Asemblea de traballadores e traballadoras para avaliar as medidas a tomar. Nesta asemblea o persoal apoiou a posibilidade de convocar unha Folga se a empresa non reconsidera este despido. O pasado 27 de setembro coincidindo coa vista de conciliación no SMAC, delegados e delegadas da Federación de Banca concentráronse para denunciar publicamente o despedimento, dando lugar así inicio a un proceso de mobilizacións. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/09/2006 |
||||
|