|
Actualidade CIG-Comunicación-
Diante do silencio e a pasividade das direccións de Limeisa e de Fenosa, ás que lle teñen solicitado xuntanzas para abrir unha negociación que dea solución ás reivindicacións de incorporacións, prexubilacións e recolocacións para o cadro de persoal afectado polo peche da Mina Limeisa, CIG e traballadores acordaron convocar unha manifestación que terá lugar o día 30 de setembro. Os traballadores da mina demandan os mesmos dereitos e o mesmo futuro que se lle garante a todos os traballadores das empresas principais das Minas de Carbón do Estado Español e de Galiza (Endesa e Limeisa), salientando que a maior parte deles levan traballando desde o principio da explotación “para que FENOSA (grupo ao que pertence Limeisa), se teña enriquecido e aproveitado dos millonarios beneficios obtidos da explotación do carbón en Meirama e da produción de enerxía na Central Térmica de Meirama”. Ademais, inciden en que non se pode esquecer que as dúas minas de carbón galegas producen, en termos equivalentes, o 19% do carbón do Estado español e que a produción de enerxía a través das centrais térmicas de Cerceda e As Pontes “fixeron e fan un gran favor para o desenvolvemento do Estado español”. A CIG, xunto cos traballadores, demanda que FENOSA e o Ministerio de Industria –primeiro encargado de levar adiante o Plan Miner II, que contén as alternativas para o peche das minas-, así como o resto das administracións (Xunta e concellos), asuman a súa responsabilidade diante das graves consecuencias laborais que estes peches representan para os concellos afectados, principalmente Cerceda e Ordes. Tamén exixen que Limeisa asuma o Acordo ao que se chegou na Mesa das Auxiliares do Carbón na Consellaría de Industria e que supón a incorporación a Limeisa dos traballadores das empresas auxiliares que podan acceder a unha prexubilación; un plano de recolocacións para o resto do persoal dentro do grupo Fenosa e dentro dun plano de emprego e reindustrialización da zona.
CIG e traballadores acordaron, na asemblea celebrada o sábado 2 de setembro, ademais desta manifestación, un calendario de peches de delegados e traballadores e levar a cabo unha intensa campaña de sensibilización e implicación de todos os sectores sociais e económicos da comarca –delegados das empresas de Ordes e Cerceda, Asociacións de veciños, Asociacións de Comerciantes– de todos os partidos políticos e alcaldes, diante deste grande problema de destrución de emprego que incide en todos os sectores. A campaña estenderase todo o mes de setembro e a manifestación suporá a súa culminación. Malia iso, a asemblea tamén valorou e acordou que, de non dar pasos Limeisa e Fenosa para chegar a unha solución, unha vez finalizado este calendario concretaranse novas medidas, entre outras, novas xornadas de folgas. “Non imos consentir”, afirman, “que o peche da mina de Limeisa se faga sen dar solución a todos os traballadores das empresas auxiliares, algúns con tanta antigüidade na mina como a propia mina”. |
||||||||||||||||||
Informacións relacionadas
|
||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 20/09/2006 |
||||||||||||||||||
|