Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 29 de setembro de 2006

DESDE O VENTRE DA BALEA
Migracións Europa a dentro

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Desde a lóxica imperante, a lóxica da chamada gobernanza europea -e mundial-, enfrontar a cuestión migratoria comeza e remata por regular o fluxo de inmigrantes que poidan ser a man de obra (barata e sen apenas dereitos laborais) que garanta máis e mellores beneficios para o capital. Entón aí semellan que xermolan diferenzas e discrepancias entre uns e outros. No Estado español levamos meses asistindo a un medido intercambio de golpes entre o PSOE e o PP por este asunto.



  Atención prohibido emigrantes, clic para aumentar
A linguaxe dos gobernantes dificilmente disfraza a realidade. Discuten de leis de inmigración, de represión para os que estean fóra desas leis, de “efectos chamada”, da tan repetida seguridade e outras lerias porque o verdadeiro debate, o real, o da desigualdade social e territorial existente, cuestionaríaos a eles, ás súas políticas e a toda unha arquitectura económica baseada no capitalismo e a súa actual versión neoliberal.
 
Europa debate sobre inmigración. Gobernos e parlamentos europeos, así como as institucións comunitarias, falan e falan do asunto: a inmigración como problema. Habería que dicir que si, que a inmigración é un problema... para os que emigran. Cantos dos pobos e nacións que compoñen o irregular mosaico da Unión Europea non se viron forzados a elixiren os vieiros da emigración como necesidade material! Xustamente ao igual que hoxe o fan, nas nosas latitudes, desde o sur ou desde o leste.

Mais parece que os nosos gobernantes son ven ‘pateras’ e ‘caiucos’ e non as persoas que van dentro. O seu discurso cinicamente hipócrita non oculta senón a responsabilidade de décadas e de séculos de conquistas, espolios e dominacións. O sur do continente americano e a práctica totalidade do africano son hoxe o que son non por vontade propia, senón como causa da explotación colonial e do dominio imperialista. Á súa vez, a Europa rica é o que é, grazas a exercer ese dominio e beneficiarse desa explotación. A súa rapina deu froitos que posibilitaron o seu desigual desenvolvemento económico, sempre en beneficio das clases que xestionaron e administraron política e economicamente a situación.

Así e a todo, a linguaxe dos gobernantes dificilmente disfraza a realidade. Discuten de leis de inmigración, de represión para os que estean fóra desas leis, de “efectos chamada”, da tan repetida seguridade e outras lerias porque o verdadeiro debate, o real, o da desigualdade social e territorial existente, cuestionaríaos a eles, ás súas políticas e a toda unha arquitectura económica baseada no capitalismo e a súa actual versión neoliberal. Inoculan, ademais, nas sociedades dos nosos países o virus do medo ao outro, ao inmigrante, pola súa cor, pola súa raza, pola súa lingua e polo seu lugar na escala social. Vale ser un Eto’o (futbolista de éxito) e nada ou case nada un anónimo ser humano que arriscou a vida por chegar a un recuncho da costa sur de Europa.

Desde a lóxica imperante, a lóxica da chamada gobernanza europea -e mundial-, enfrontar a cuestión migratoria comeza e remata por regular o fluxo de inmigrantes que poidan ser a man de obra (barata e sen apenas dereitos laborais) que garanta máis e mellores beneficios para o capital. Entón aí semellan que xermolan diferenzas e discrepancias entre uns e outros. No Estado español levamos meses asistindo a un medido intercambio de golpes entre o PSOE e o PP por este asunto. Intercambio de golpes no que mesmo se veu inmiscir o actual ministro francés do Interior, o inefábel Nicolas Sarkozy, en favor da liña dura coa inmigración defendida polo segundo dos partidos. Sarkozy, de orixe húngara e que non hai moitos meses se viu superado pola revolta social protagonizada por mozos dos arrabaldes das principais cidades francesas, de seguro que tamén esquece deliberadamente o papel xogado por Francia como potencial colonial en África, onde aínda mantén privilexios derivados da súa condición de ex metrópole.

No fondo, hai que pensar que a socialdemocracia europea non dista moito da visión que acerca do tema migratorio ten o espectro político máis conservador e dereitista do continente. A encoraxe duns e outros no actual sistema, aínda que permite diferenzas ou discrepancias en como abordar a cuestión, invalida o estabelecemento de políticas antagónicas ou enfrontadas no que a inmigración se refire.

Mentres, o drama segue a ter lugar. E nós, cidadáns e cidadás, temos a obriga de comezar a reaccionar. Mellor hoxe ca mañá.


Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2006.

 
 

Rafa Villar,
escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

  Rafa Villar
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/09/2006
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta