|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
Ante o que estaba a acontecer, desde o ámbito político o Partido Popular (PP) entendeu que este era o seu momento. O momento de caldear o ambiente, desgastar o Goberno saído das urnas tras os comicios de xuño de 2005 e, deste xeito, comezar a preparar as eleccións municipais da vindeira primavera. O certo é que esta estratexia do PP -destinado en última instancia a recuperar a hexemonía perdida en Galiza- viu en determinados momentos favorecida por algunhas das torpezas cometidas por membros do Goberno e das dúas forzas que o sustentan. Entre elas, unhas desafortunadas declaracións do propio presidente da Xunta, efectuadas nos momentos máis duras desta crise, falando do control absoluto da situación orixinada polo lume, que xeraron un evidente malestar na sociedade galega. Declaracións que axiña acenderon a lembranza dos burdos intentos de minimización da maré negra do Prestige levada a cabo polos Gobernos central e autonómico do PP na catástrofe de 2002. No capítulo de torpezas ou mesmo de erros das forzas políticas que dan sustento ao Goberno da Xunta, non parece menor a negativa inicial destes (seica que por posicionamento do PSOE) á creación dunha Comisión de Investigación dos lumes no Parlamento galego, que substituíron por unha Comisión de Estudo. Sen entrarmos en cuestións de procedemento parlamentario, é obvio que esta decisión contribúe a dar ás ao PP na súa enxurrada de críticas ao actual Goberno, polo que, cando menos desde unha lectura política, pode interpretarse como unha torpeza maiúscula, que nos últimos días parece que están intentando emendar desde o propio Goberno. Así e todo, convén clarexar que a actitude duns e outros gobernantes á hora de enfrontar crises como a do Prestige ou a dos lumes de agosto foi case antagónica, sobre todo en dous aspectos fundamentais: a xestión da crise e a estratexia informativa perante a cidadanía. No primeiro destes puntos, o actual Goberno da Xunta, nomeadamente a Consellaría do ramo -encabezada polo nacionalista Suárez Canal-, foi quen de asumir a gravidade do problema creado e de se poñer desde o comezo a xestionar unha situación en si difícil. O que si é avaliábel e pode ser cuestionábel, neste senso, é a eficacia con que se procedeu, tanto no capítulo preventivo como logo no que se refire ao operativo desenvolvido (e aí é onde deberían entrar a fondo os traballos da Comisión creada para o efecto no Parlamento galego, malia o desmarque do PP). Nin que dicir ten que a xestión da catástrofe do Prestige estivo marcada polo desleixo dos gobernantes do momento e polo seu grao de incompetencia á hora de tomar decisións cruciais ante o rumbo dos acontecementos e a maré negra que se aveciñaba. No segundo aspecto, o que ten a ver coa estratexia informativa, as reaccións duns e outros tamén difiren totalmente. Mentres que no caso dos lumes de agosto se optou por un certo rigor informativo, no do Prestige os gobernantes do PP optaron por todo o contrario, o que contribuíu sen lugar a dúbidas a exacerbar os ánimos da cidadanía. A propia reacción social que se dá en Galiza fronte á maré negra, da que a plataforma ‘Nunca Máis’ é a súa expresión, vese estimulada por esa actitude irresponsábel dos Gobernos de Aznar e de Fraga. Volvendo á crise dos incendios, axiña se viu que o PP entendía que hai podía ter un filón político que explotar. Con todo, os seus dirixentes cometeron e seguen a cometer torpezas que se cadran acaban pagando ben caras. A máis salientábel destas torpezas foi o envío dunha circular interna a alcaldes da provincia da Coruña para que puxesen atrancos e dilatasen no tempo os convenios coa Consellaría de Medio Rural para a conformación das brigadas contra-incendios. Circular que se coñeceu publicamente, por ser filtrada aos medios de comunicación, nos primeiros días de setembro. Outras das torpezas da dirección popular foi a busca dunha foto en prensa como a do presidente do PP en Galiza, sr. Núñez Feijoo, facendo que apagaba as lapas dun pequeno lume cunha mangueira de xardín e con roupas nada apropiadas para a ocasión. Perseverando na súa estratexia desestabilizadora e de ataque e desgaste do Goberno da Xunta, o Partido Popular acabou por lanzar unha manifestación impulsada pola recén creada plataforma “SOS contra o lume”, liderada polo alcalde ‘popular’ de Barro e conformada por un pequeno grupo de entidades estreitamente ligadas ao PP. Esta mobilización, realizada en Compostela o domingo 17 de setembro, tivo un seguimento importante e demostrou a forza que o PP aínda acumula no poder local, xa que foron precisamente os alcaldes ‘populares’ os artífices do éxito da manifestación. A devandita manifestación promovida do PP pretendía ser o contrapunto da celebrada no mes de agosto pola plataforma cidadá ‘Nunca Máis’ e que cunha participación lixeiramente superior á do Partido Popular puña énfase en deter o “terrorismo incendario” e en sinalar a necesidade do estabelecemento de novas políticas para o monte galego, tras décadas de desleixo e abandono. Cuestión esta que parece central á hora de abordar o problema dos lumes en Galiza e que na manifestación de “SOS contra o lume” deliberadamente se obviou, xa que aí se entra moi directamente nas responsabilidades do Partido Popular, como partido que estivo á fronte de diferentes Gobernos e administracións en Galiza nos últimos anos. De feito, a manifestación de “SOS contra o lume” tiña por único obxecto a petición de dimisións, comezando pola do responsábel máximo da Consellaría de Medio Rural. E esta é precisamente a demanda que o PP está a poñer, por activa e por pasiva, enriba da mesa á hora de formar parte ou non da Comisión parlamentaria que está a comezar a tratar a cuestión dos lumes. Queren, como sexa, unha cabeza política, e a máis cobizada parece ser desde o seu punto de vista a do conselleiro nacionalista Suárez Canal. Isto sempre antes de que a devandita Comisión determine as responsabilidades derivadas da xestión da crise e o grao destas (algo, por certo, fundamental para coñecemento da sociedade galega). Non vaia ser que das comparecencias que se van producir e do propio labor da Comisión se conclúa nun sentido diferente e se apunte á xestión política das décadas pasadas como un dos elementos chave para entender a crueza dos incendios deste verán e a dos veráns anteriores. O guión semella estar escrito e o PP perseverará na crise dos lumes de agosto como baza para reforzar o seu discurso interno e externo e preparar unhas eleccións, as de maio de 2007, nas que en Galiza á forza conservadora e ao seu actual líder, Núñez Feijoo, lles vai a vida politicamente falando.
|
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 22/09/2006 |
||||
|