|
Actualidade CIG-Comunicación-
En marzo deste ano, publicouse un estudo elaborado polo Instituto Nacional da Silicose no que se sinalaba que 77 de cada 400 traballadores da mostra (algo máis dun 17,5%) que traballan nas canteiras de granito padecían silicose en maior ou menor grao. A Federación da Construción da CIG levaba desde o ano 2000 actuando para denunciar a situación na que se atopan os traballadores/as das canteiras, que non teñen uns coeficientes redutores mínimos pola silicose, esta non está recoñecida como enfermidade profesional, ademais de que traballan con outros condicionantes moi duros para a súa saúde como é o ruído (un 70% deles teñen problemas de audición), posturas forzadas, e traballan ao aire libre, baixo unha moi dura climatoloxía. Só aos traballadores que traballan na extracción se lles aplican coeficientes redutores. Estes coeficientes, paradoxalmente, están por debaixo dos que se lles aplican aos mineiros, aínda que a presenza de sílice libre nas canteiras é dun 21,5%, moito maior que no caso das minas. Para CIG-Construción, hai un fallo en cadea das responsabilidades: desde as Administracións galega e española, os empresarios e as mutuas. Na xuntanza que manterán este venres con PSOE, BNG e PP, os representantes sindicais da CIG trasladaranlles o escrito remitido ao Ministerio de Traballo no que se solicitaba un incremento e actualización dos coeficientes redutores actuais e a súa extensión ao sector da transformación, a racionalización da adxudicación dos mesmos e o recoñecemento de prestacións para todos os afectados de silicose. Nesta reunión buscarán o apoio dos tres grupos políticos xa que atender ás demandas de saúde laboral dos traballadores das canteiras é unha cuestión para CIG-Construción de “vontade política” e debería ser unha prioridade para estes grupos políticos. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/10/2006 |
||||
|