|
Actualidade / Artigo A eficiencia nas Caixas de Aforros Clodomiro Montero Martínez-
Outra cuestión é a ratio que mide a “eficiencia” á que se refiren os xestores das Caixas de Aforros, que consiste na porcentaxe dos ingresos que absorben os gastos. Coma é lóxico mellorar esta eficiencia pasa por incrementar os ingresos e reducir os gastos. A Banca Privada ten ratios de eficiencia maiores que as Caixas. É por iso que dende a Confederación Española das Caixas de Aforros (CECA) teñen elaborado unha nova política que pasa por incrementar e estender as comisións repercutidas aos clientes e por outra parte reducir os gastos de persoal. A extensión do cobro de comisións aos clientes por parte das Caixas de Aforros é socialmente inxusto, increméntanse as comisións cobradas aos que menos teñen (pensionistas, parados, pequenos aforradores, etc), xa que por motivos comerciais exímese do cobro aos grandes clientes. Estender o cobro de comisión nas Caixas de Aforros é que paguen máis os que menos teñen, o que choca co motivo fundacional das Caixas: facilitar a integración financeira dos mais desfavorecidos. En canto a redución dos gastos a maior partida represéntana os gastos de persoal, polo que a proposta pasa por introducir un novo modelo de xestión de recursos humanos máis precario. Reducir e substituír o salario fixo por retribucións variables, incrementar e abusar da temporalidade e reducir o número de traballadores/as incrementando as cargas de traballo. Con este novo modelo “eficiente”, os clientes terminarán por pagar máis por un peor servizo. O Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e algunhas voces dentro da Comisión Europea apostan pola privatización das Caixas de Aforros e a súa transformación en Bancos. Continuar cunha xestión bancarizante é dar argumentos aos que defenden que as Caixas sexan privatizadas e salgan á bolsa. Se funcionan igual que os Bancos deben someterse á disciplina do mercado argumentan os axitadores neoliberais. Pola contra procurar un modelo de xestión propio, sustentable socialmente é garantir a viabilidade das Entidades de Aforro cara ao futuro, ese é o gran reto pendente nas Caixas de Aforros galegas. |
||||
|
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 31/10/2006 |
||||
|