|
Actualidade CIG-Comunicación-
Carlos Vázquez, da CIG de Ourense, foi setenciado a pagar máis de 7.000 euros por participar nun piquete de máis de 50 persoas durante a folga xeral do 20 de xuño de 2002. Aquel día, tras percorrer diferentes lugares o piquete dirixiuse ao centro comercial Pontevella. Alí foron ao establecemento de “Pidolti”, onde continuaba a actividade. O piquete permaneceu no exterior e co tumulto a porta viuse abaixo. Segundo recollía a sentenza, considerábase feito probado que foi o propio Vázquez quen abaneou a porta até que caeu. Aínda máis, afírmase que “resultan unánimes as testemuñas prestadas ao recoñecer ao acusado como a persoa que zarandeaba a porta...”. Porén, no relato do acontecido durante o xuízo, o secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco explicaba, cando se fixo pública esta sentenza que, efectivamente, tanto o encargado do centro como un traballador recoñeceron a Vázquez como responsábel da ruptura do cristal da porta de entrada. Afirmacións ambas que non coinciden coas declaracións prestadas polos policías que estaban xunto ao piquete, un autonómico e dous nacionais, segundo os que non houbo ningún tipo de violencia. Os axentes declararon ademais que a ruptura do cristal fora debida a que se amoreara a xente arredor da porta e que desde atrás o piquete empurrara, o que provocou que os que estaban diante foran sobre ela. Mesmo chegaron a asegurar que a porta se desprendera sen que houbera ningún tipo de balanceo previo. Os policías tamén explicaron que eles mesmos estaban a carón da porta e que se viran empurrados polo tumulto, pero que non identificaban a Carlos Vázquez como responsábel dos feitos. A súa declaración foi corroborada por un perito policial quen, tras examinar as fotos extraídas do vídeo do centro comercial, confirmou que en diferentes fotogramas se constataba que non se estaba exercendo ningún tipo de violencia. Diante destas declaracións, o secretario comarcal de Ourense considerou no seu momento que “no decurso do xuízo se apreciou perfectamente que non había motivo algún para acusar a este compañeiro dos feitos que se lle imputan”. Malia as testemuñas presentadas, o Ministerio Fiscal mantivo a súa petición de pena de tres anos e mes de prisión e unha multa de catorce meses cunha cota de 12 euros por un delicto contra os dereitos dos traballadores, que foi desestimado. Si foron estimadas as outras peticións resultando: por un suposto delicto de danos, sete meses de multa a razón de seis euros por día, con arresto substitutorio en caso de impago; a indemnizar ao responsábel de “Pidolti” na cantidade de 2.634,36 euros en concepto de responsabilidade civil; á Compañía Nacional Suíza con 3.045 euros e ao pagamento das costas causadas. Con esta sentenza, resulta obvio que se trata dun intento de castigar ao sindicalismo da CIG. Por iso, se acordou presentar recurso ante a Audiencia Provincial cuxa vista se celebra o mércores 25 de outubro. |
||||||
Informacións relacionadas
|
||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/10/2006 |
||||||
|